Vieiros


Como funciona


Biografia


Contos xa publicados:
A estas alturas
[22/12/2000]

Frenadol Cómplex Granulado
[15/12/2000]

A inqueda noiva do ilusionista
[07/12/2000]

A tremebunda morte da estanqueira estancada
[01/12/2000]

Unha vida Pulp Fiction
[23/11/2000]

Atopámonos diante da armería
[17/11/2000]

Futuro raro
[03/11/2000]

Unha pizza de moras
[27/10/2000]

Familia Feliz

A estas alturas

De acordo en que era un medio extravagante, pero foi o máis axeitado que se lle ocorreu para chamar a súa atención. Subiu ó outeiro desde o que se miraba toda a veiga na que fora crecendo Meira. Unha estradiña subía ata un dos puntos máis altos do monte, un lugar no que hai un regato de bloques de pedra que se coñece coma o Pedregal de Irimia e que é un dos sitios nos que se afirma que nace o río Miño. O Ford Fiesta ascendeu con pouca soltura por mor das barras e as teas que atara á baca. Aparcou xunto ó repetidor de televisión.

Montar o aparello supúxolle unha hora de traballo; minuto arriba, minuto abaixo. O casco era vermello: unha cor rechamante se teñen que buscar por mín, bromeu consigo mesmo. Escollera unha roupa máis discreta: uns zapatos Panamá Jack de sola de goma, por se aterraba nun lugar afastado da vila e debía camiñar; uns Levis 501 e unha camisa a raias baixo unha cazadora Pepe. Non era cuestión de asustala cor cores rechamantes.

O tempo non sobraba: unha amiga dela confesaralle que quedaran no ciber para facer un pouco o parvo mentindo ó primeiro que lles presentara diante delas a través de letras correndo na pantalla. Amolárao un pouco: non debería usar os sentimentos coma unha opción máis da Playstation II. Trataría de aparecer por riba dela cando se dirixira aló desde a súa casa, na saída cara Lugo, xunto ó restaurante Pereira.

Cargou coa á delta e buscou un carreiro improvisado para choutar ó aire. O Nordés turraba naquel intre.

A súa experiencia en voar limitábase a un curso de quince horas organizado pola asociación Meira Nosa. Un profesor pontevedrés, que usaba unhas gafas rectangulares coma as da presentadora de El Bus, amosáralles as manobras precisas para se desenvolver en voo.

Aplicándoa, saltou ó baleiro, e planeou sobre casas e igrexas, cemiterios e chousas, tractores, e tamén sobre o cuartel da Garda Civil, ó lado de onde vive o pai de Joseph Anido, que se infiltrou na ETA. Seguro que a causa era moi diferente, pero el gustaba de imaxinar que dera ese paso arriscado porque estaba namorado dunha terrorista.

Voando en círculos, conseguiu achegarse á travesía de Meira, por onde ía pasar Carmen.

Deu un par de voltas, co vento facéndolle tremer as fazulas, para localizala. A súa melena loura -coas raíces escuras- aparecéuselle inconfundible á altura do café Cazoleiro, preto dos plátanos da praza.

-¡Carmen! ¡Carmen!

A rapaza continuaba camiñando cara a súa cibercita.

O golpe que deu á barra na que se apoiaba para obrigar a descender a á delta case que o guinda contra a casa da panadería, pero soubo recuperar o equilibrio.

-¡Carmen! ¡Carmen! ¡Son eu!

-¡Andrés! ¿Que fas aí enriba?

-¡Quérote!

-¿Cómo? -estrañouse ela.

Unha refolada de vento levantou a á delta e levouna centos de metros máis aló. Andrés soubo reaccionar e regresou canda Carmen, que agardaba por el na praza.

-¡Que te quero e non sei cómo dicircho!

-¡Eu tamén te quero, Andresiño! ¡Pero baixa que te vas esnafrar!

-¡Xa vou!

"Xa vou" foi o derradeiro que se acorda que dixera, despois, afirman en Meira, que non houbo quen lle volvera entender nada do que berraba porque os ventos o abaneaban dun lado para outro manténdoo a moita altura.

Nunca máis baixou. O tenente da Garda Civil bótalle a culpa a algo que non lle explicou o profesor de voo. É case que seguro que, a estas alturas, Andrés estea convertido nun cadáver voante.


© Jaureguizar e Vieiros.

 
Imprimir


 
ViewMaster

Ligazóns relacionadas:
era un medio extravagante
(Marta)