Bloque Nacionalista Galego
 Fundouse en 1982 por militantes da desaparecida AN-PG, a UPG e o PSG e organizacións e colectivos nacionalistas diversos. Preséntase ao ano seguinte ás eleccións locais acadando 50.000 votos en todo o país, resultado que repite nas autonómicas do ano seguinte e que lle dan o primeiro deputado da súa historia, Xosé Manuel Beiras pola Coruña. Ese mesmo ano, 1986, non pasa de 27.000 votos. Nas municipais e europeas do 87 e nas xerais do 89 mantense arredor dos resultados anteriores.
A inflexión prodúcese nese mesmo ano 89. Nas autonómicas chega ata os 100.000 votos, o que lle dá grupo parlamentario propio con cinco deputados electos. A partir de aí convértese na forza galega que maior crecemento experimenta. No 93 subirá ata os 13 deputados, nas xerais do 96 obtén por primeira vez representación en San Jerónimo, con dous deputados, e en 1997 convértese na principal forza da oposición galega desprazando dese lugar ao PSOE.
A fronte por dentroTras as autonómicas de 2001 o BNG tivo que encarar unha aguda crise do seu liderado e proposta política e a X e XI Asembleas Nacionais abriron un proceso de renovación na organización frontista que se desenvolveu nun contexto de preocupante devalo electoral.
Inestabilidade e renovación tensionaron ao BNG no último cuadrienio no que se produciu a substitución de X. M. Beiras por Anxo Quintana como voceiro nacional e candidato á presidencia da Xunta. Renovación que atinxiu asemade ás candidaturas, feitas de modo paritario e nas que entra unha nova xeración política saída da xestión municipal, os movementos sociais e a acción cultural.
Quintana afronta as eleccións autonómicas co obxectivo de recuperar a audiencia electoral para o nacionalismo e tornar ao BNG nunha forza decisiva no goberno galego, pero tamén como un reto decisivo para reforzar o seu propio liderado e acrecentar os seus apoios para seguir aprofundando na renovación do BNG.
Peso político
17 alcaldes
594 concelleiros
15 deputados provinciais
17 deputados autonómicos
2 deputados no Congreso
1 senador
|