Vieiros
  G2005

PODER GALEGO
OS PARTIDOS
OS PROGRAMAS
OS LÍDERES
A MAN

 

pp

Partido Popular

O seu eslogan, "máis", ofrece unha mensaxe de continuidade, cunha fotografía do candidato situada na dereita do cartel, posición que contrasta coa fotografía do candidato do PSdeG, e do BNG, máis centrada esta última, deixando un pequeno espazo á esquerda para situar o ideograma da formación frontista.
A "lectura de imaxes" ideal é sempre (sobre todo nas valas, formato de maior dimensión, e con menor tempo de visionado), de esquerda a dereita, e a intensidade de atención, tamén, razón pola que as imaxes, de ollar máis fugaz, se sitúan á esquerda, e os textos, que precisan dun maior deteñemento, á dereita, salvo que o interese sexa outro.

A fotografía do candidato do PP utiliza a nova adaptación de cores corporativas do partido, o laranxa, ostensible na garabata do seu candidato e tamén no filtro que disimula as súas manchas na pel, do mesmo xeito que se disimula a falla de pelo cortando a súa fotografía á altura da fronte.

O laranxa foi a cor adoptada polo PP, no intento de adoptar novas cores corporativas, tras a derrota das últimas eleccións xerais. Os "populares" déronse conta de que nas últimas eleccións xerais a súa comunicación foi fría e distante, e o emprego do laranxa responde a busca desa calidez, tamén, na súa identidade visual.

O emprego dunha intensa luz sobre o rostro constitúe case unha obsesión permanente deste partido, evitando así as sombras do seu candidato (nos ollos, por exemplo), e dotándoo de maior viveza, algo fundamental debido a súa avanzada idade. Fraga non se apaga, veñen dicir.

Con respecto ao lema de campaña do PP, "máis", realizado pola axencia Over (a mesma á que se lle encomendou a campaña de Esperanza Aguirre, para a Comunidade de Madrid) xoga, sen dúbida, cunha provocación teimadamente buscada. Un testado básico do eslogan, previo a súa difusión masiva, daría como resultado múltiples palabras asociadas, antes e despois da palabra "máis": (Nunca) "máis", ou "máis" (desemprego), por poñer algúns exemplos que, como ben sabían no PP dende o primeiro momento, serían utilizados polos seus competidores. Como igualmente saben –e comprobaron- no PP o que aconteceu con "ZP" e o efecto da mofa inicial da que foi obxeto.
 

Unha análise de Xosé Rúas, profesor de comunicación audiovisual e publicidade da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra.

© Vieiros