 |

|
 |
Manuel Fraga
Vilalba (Lugo), 23 de novembro de 1922.
Presidente da Xunta de Galicia en catro lexislaturas: 1989-1993, 1993-1997, 1997-2001 e 2001-2005.
Doutor en Dereito e licenciado en Ciencias Políticas e Económicas.
En 1945, Manuel Fraga acadou a primeira praza nas oposicións ao corpo de Letrados das Cortes Españolas e dous anos máis tarde ingresaría con idéntico número de promoción na Escola Diplomática. En 1953 obtivo a cátedra de Teoría do Estado na Facultade de Ciencias Políticas e Económicas da Universidade Complutense de Madrid, cátedra que ocupou ata a súa xubilación como docente en 1987.
Comezou a súa actividade pública en 1951, como secretario xeral do Instituto de Cultura Hispánica. Posteriormente, ocupou os cargos de secretario xeral do Consello Nacional de Educación (1953); secretario xeral Técnico do Ministerio de Educación (1955-58); secretario da Comisión de Asuntos Exteriores das Cortes (1958-62), e director do Instituto de Estudios Políticos (1961). Paralelamente, actuou como conselleiro nacional, procurador en Cortes e membro do Consello de Estado.
Como diplomático de carreira, foi conselleiro de embaixada en 1961, ministro plenipotenciario en 1963 e embaixador en 1973. Ademais, formou parte de numerosas delegacións españolas en organismos internacionais. En 1962 foi nomeado ministro de Información e Turismo. En 1973, foi nomeado embaixador de España no Reino Unido, cargo que ocupou ata 1975.
De volta para España, en 1975, foi nomeado vicepresidente do Goberno para asuntos de Interior e ministro da Gobernación, no primeiro Goberno da Monarquía, posto que ocuparía ata 1976. Sendo ministro da Gobernación autorizou o primeiro congreso de UGT e impulsou a inscrición oficial doutras asociacións e partidos.
No ano 1977, crea o partido Alianza Popular, do que foi elixido presidente en 1979. En 1989 é elixido presidente do Partido Popular no congreso de refundación de Alianza Popular, cargo que posteriormente deixa para, definitivamente, centrar a súa actividade política en Galicia, como presidente do Partido Popular de Galicia. Tras as eleccións celebradas o 17 de decembro de 1989, accedeu, por maioría absoluta, á Presidencia da Comunidade Autónoma de Galicia.
A súa obra de reflexión e pensamento abrangue máis de 90 títulos, ademais de ser membro de número da Real Academia de Ciencias Morales y Políticas, da Real Academia Galega, da Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación. Así mesmo, é doutor 'Honoris Causa' por máis dunha ducia de universidades de todo o mundo.
|
 |
 |
 |
|
 |