Vieiros
  G2005

PODER GALEGO
OS PARTIDOS
OS PROGRAMAS
OS LÍDERES
A MAN

 

O país



Localización xeográfica | División política e administrativa | Poboación | Distribución da poboación activa | Os símbolos de Galiza | Galego: lingua propia de Galiza |

Localización xeográfica

Galiza está situada no extremo noroccidental da península Ibérica e ocupa unha superficie de 29.575 km2. A súa orografía é irregular e a costa recórtase nas chamadas "rías".

Galiza ten, en xeral, clima atlántico húmido, aínda que existen diferenzas entre as áreas litorais e interiores.

División política e administrativa

A capital política e administrativa é Santiago de Compostela. A división administrativa actual, creada no século XIX, divide o territorio en catro provincias: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

A actividade desenvolvida pola Xunta de Galiza no ámbito da planificación territorial durante os últimos anos plasmouse no denominado Plan de desenvolvemento comarcal, no que se regulaban dun xeito inicial os instrumentos e procedementos necesarios para articular o modelo de comarcas.

Poboación

Galiza ten 2.760.179 habitantes. Por provincias, a distribución é a seguinte: A Coruña, 1.121.344; Lugo, 358.452; Ourense, 340.258 e Pontevedra 930.931. A poboación galega ocupa de forma irregular o territorio, cunha densidade de 92,3 hab/km2, e caracterízase pola elevada dispersión, con pequenos núcleos de poboación. A maior densidade corresponde á área litoral, principalmente ao extremo suroccidental e ao eixe A Coruña-Santiago-Vigo.

As cidades máis importantes son Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago de Compostela, Lugo, Ferrol e Pontevedra.

O fenómeno da emigración caracterizou durante os dous últimos séculos a poboación galega. Nos últimos tempos obsérvase, ademais, un descenso no crecemento poboacional.

Distribución da poboación activa

Tradicionalmente, o sector predominante era o primario. Na actualidade, o sector servizos é o máis importante sendo a distribución da poboación activa a seguinte: 58,4% servizos; 19,6% industria; 11,6% agricultura e gandería; 10,4% construción.

Os símbolos de Galiza

A bandeira galega é branca cunha banda azul celeste dende o extremo superior esquerdo ata o extremo inferior dereito. A bandeira ten na parte central o escudo. O escudo de Galiza ten no centro o cáliz eucarístico. Esta figura procede dun antigo privilexio da catedral de Lugo: a exhibición constante do Santo Sacramento. O cáliz tamén se ten relacionado co lendario Santo Graal. As sete cruces que o rodean representan as principais cidades da Galiza do pasado.

O himno nacional galego interpretouse por primeira vez en 1907. A letra procede un poema de Eduardo Pondal e a música é de Pascual Veiga.

Galego: lingua propia de Galiza

O galego pertence ao grupo das linguas románicas, produto da evolución do latín implantado polos romanos no noroeste da península Ibérica, con contribucións dos pobos aquí instalados antes da súa colonización, ademais das que fixeron linguas xermánicas superpostas ao latín galaico tras a fragmentación do Imperio Romano.

O galego fálase na Comunidade Autónoma de Galiza e nas áreas máis occidentais de Asturias, León e Zamora. Ademais, fálase nas comunidades de emigrantes e en tres viliñas da provincia de Cáceres.

Diferentes circunstancias zouparon na lingua propia de Galiza ao longo da súa historia obstaculizando o seu emprego como lingua normal de comunicación. Relegada a súa utilización aos ámbitos informais, o idioma sobreviviu ata hoxe en que, parello á recuperación das institucións de autogoberno, o galego volveu acadar, xunto co castelán, o status de lingua oficial de Galiza. Actualmente, o 94% dos galegos entenden o galego, e ata un 80% o falan con maior ou menor frecuencia. Segundo a última análise do Instituto Galego de Estatística, fronte a un 19,75% de cidadáns que falan habitualmente en castelán, un total do 56,8% usan de xeito habitual o galego.






LIGAZÓNS

© Vieiros