 |

|
 |
Un día da súa mocidade Fraga decidiu inchar peito, coller folgos e comerse o mundo. Veuse a si mesmo como unha forza da natureza, un depósito de enerxía ilimitado, un turbillón imparábel. Desde eses afastados tempos, a inercia dese grande empurrón orixinal alimenta o alento deste corredor de fondo que utiliza estratexias propias das carreiras rápidas: o estourido, o músculo. Por Anxo Quintela.
Atrapado na incercia, esa propiedade da materia pola cal os sistemas físicos non poden modificar por si mesmos o seu estado de repouso ou movemento, Fraga non pode xa deixar de bulir. A súa inmensa capacidade de traballo, segundo os seus apoloxetas, non é máis, para os seus detractores, que pura compulsión, movemento asintomático, un aceno irreprimíbel. O mando, o exercicio do poder na súa estrita formalidade: "Fágao e punto".
A dependencia do poder. Moitos se preguntan que sería de Fraga fóra dos despachos, do coche oficial, dos dossieres de prensa á hora do pequeno almorzo. Desde o ano 1962, cando Franco o nomeou ministro de Información e Turismo, Manuel Fraga Iribarne leva 43 anos modelándose, contruíndose, reinventándose na súa actividade pública. Noutro dos seus grandes paradoxos, Fraga, en definitiva, é o que queren que sexa os demais, os seus súbditos, sobre os que manda. Foi Pico della Mirandola, un neoplatonista florentino do século XV, o primeiro que definiu ao home como un camaleón, capaz de alcanzar a altura dos anxos ou rebaixarse ao tamaño das bestas. Ninguén permanece durante case medio século na primeira liña sen aplicar a estratexia do camaleón: ser outro para ser un mesmo, para sobrevivir.
O núcleo do pensamento político de Fraga é un feixe de ideas procedentes do tradición conservadora española: a familia como base da reprodución social, a relixión como mecanismo de cohesión e coerción, o exército como garante da unidade da patria e, sobre todo, a política como unha actividade á que se deben dedicar só os que están chamados para servila. "A política para os políticos, e o teatro para os teatreiros", dixera cando as protestas do Prestige. As verdadeiras decisións tómanse nos despachos, ou nos reservados dos restaurantes. Aos cidadáns abóndalles con desfrutar dos beneficiosos efectos da acción política deseñada polos que saben. O que se atreva a discrepar sitúase inmediatamente fóra de xogo, extramuros do sistema. Non existe. Capaz de censurar a publicación de libros en galego e de abrazar devotamente o galeguismo piñeirista, de denostar o comunismo e compartir queimada con Fidel Castro, de ceder até nos principios: porque o que guía a súa acción "é o servizo de España, de Galiza". Pero os seus sábeno ben: "Fraga é Galiza e Galiza é Fraga", dixo nun mitin electoral a cabeza de lista por Ourense, Amparo González. O círculo péchase.
A autobiografía da cantante de jazz Billy Holliday comeza así: "Cando meus pais casaron, meu pai tiña 18 anos, miña nai 15 e eu 2". Billy xa estaba alí, ben pequeniña, cando a voda de seus pais. Algo semellante pásalles á maioría dos galegos co presidente da Xunta. Cando naceron, él xa estaba alí. Cando casaron e cando aceptaban resignadamente ou asumían con complicidade a dictadura ou loitaban contra Franco, tamén el estaba alí. Para estes últimos, Fraga é constatación dun fracaso. Quizais o máis difícil de tolerar dunha traxectoria pública tan longa non sexan xa os resultados da súa xestión, senón a imposición dunha presenza. É certo, nos últimos 16 anos arredor da metade dos galegos non quixeron deixar de velo nos telexornais ou atravesando fugazmente a súa aldea. A outra metade, a partir do 19-X, preferiría velo descansando tranquilamente na súa casa de Perbes.
|
|
|
|
|
 |