Anxo Quintana iniciouse na política organizando as Comisións Labregas no rural ourensán e madurou na escola municipalista, primeiro como concelleiro na oposición e logo como alcalde de Allariz durante unha década na que a vila do Arnoia experimentou unha transformación milagreira, pasando a ser un referente europeo das máis innovadoras políticas de desenvolvemento local. Por Manuel M. Barreiro.
Da experiencia allaricense Quintana quédalle a idea da política como un servizo de proximidade ás persoas e aos seus problemas, como procura de solucións concretas; quizais por iso, Quintana é o máis terrenal de todos os presidenciábeis galegos, pouco dado á especulación retórica ou ao propagandismo baleiro, alguén que prefire o convencemento das solucións á fascinación das palabras, que se sente máis cómodo na política como exercicio de capacidades e non só como proclamación de valores e ideas.
No Senado Quintana gañou proxección política e, a pesar da súa soidade, conseguiu incluír a Galiza na axenda política estatal e darlle voz aos seus problemas. Esforzouse con éxito por evidenciar que, no campo estreito do bipartidismo PP-PSOE, Galiza terá moi difícil atopar solucións practicábeis para facer realidade mellores futuros.
Quintana enfronta o 19 de xuño a súa proba política máis decisiva. Na mesma tirada xógase o seu proxecto de renovación do BNG e, ao tempo, a súa validación como forza de goberno. Dúas caras dun mesmo compromiso: renovar o BNG para mudar Galiza e o seu goberno.
Quintana impulsou a apertura do BNG que animou a constitución do Foro Novo Estatuto, onde se ideou o futuro autogoberno de Galiza, e propiciou unha fonda renovación xeracional nos liderados da fronte nacionalista. Reformista forte, realista e pragmático, ofrécese como xestor dun programa de rexeneración democrática, de ampliación das nosas capacidades de goberno soberano e de construción dun modelo galego de benestar social baseado na igualdade de oportunidades. Non é que o programa de Quintana renuncie a utopía; o caso é que el ten unha utopía concreta, posíbel: Galiza, o País Novo.
Segundo conta unha lenda urbana, o finado de don Antón Martínez Risco falaba do divino e do humano con Bernardino Graña (ben poidera ser calquera outro poeta). Risco sostén que non existe Deus pero que el cre nos anxos. O poeta abráiase: «cres realmente nos anxos?» Don Antón retrúcalle: «Cando menos nun si, en Anxo Quintana.»
Así é como se presenta nestes días Anxo Quintana, como o presidente dun País Novo no que crer.
|