Vieiros
  G2005

PODER GALEGO
OS PARTIDOS
OS PROGRAMAS
OS LÍDERES
A MAN

 

Emilio Pérez Touriño

Non é casualidade que o secretario xeral dos socialistas teña repetido en precampaña máis dunha vez que é "a primeira vez que hai posibilidades reais" de cambiar o goberno. Co vento Zapatero nas velas da marca socialista e o impulso das sondaxes, un repaso ao discurso e á estratexia do líder nesta convocatoria amosa o cambio decisivo nestes catro anos. De xogar a recuperar a hexemonía na oposición, coma ás veces se lle acusou en 2001, o socialismo galego xoga agora a recuperar o goberno, fugazmente catado en tempos de González Laxe. Por Roberto Noguerol.

As leccións de "debuxo" electoral argalladas polo equipo que fixo de ZP presidente deron academia onde aprender a debuxar outro partido e debuxarse a si mesmo no período máis recente. Pero a incerta tarefa touriñesca comezara moito antes, hai case sete anos, en outubro de 1998, cando logo da renuncia de Francisco Vázquez consegue o apoio do 61% dos delegados do partido.

Un bigote menos e moita paciencia despois, Emilio Pérez Touriño afronta o liderado do PSdeG lastrado polas "cousas de Vázquez". Ao tempo, o experimento Pérez Mariño en Vigo non só frustrou a creación doutro referente de poder máis próximo ao secretario xeral, tamén foi un grave erro no que de momento se amosou pouca habilidade para a resolución. E de Vigo chegaron tamén as voces máis críticas coas imposicións nas listas electorais provinciais. Compensan na outra beira da balanza, o éxito da boa marcha doutros pactos, especialmente do negociado para a Deputación da Coruña.

No xogo de pulsos internos, Touriño tamén se xoga moito nesta convocatoria. Sabe que empatar en número de escanos co Bloque valeulle unha prórroga hai catro anos, pero a polvoreira socialista ameazaría responsabilizalo doutra victoria absoluta de Fraga. Economista de formación e profesor na USC, a didáctica universitaria non lle resolveu aínda ao candidato como vender con fluídez o inevitábel pacto de goberno co BNG, dimensión onde na última lexislatura seguiu xogando ao equívoco fronte ao órdago dun Zapatero que prometera non gobernar se no fose o partido máis votado.

O "tempo" para "construír a alternativa" que foi argumento noutras ocasións non lle valerá de agora en diante. Zapatero púxolle na mesa unha oferta para ser ministro que finalmente decidiu rexeitar. Ese é o órdago co que aposta Touriño: xogar todas as súas cartas para conseguir a presidencia da Xunta... e se hai poder haberá líder consolidado. Mentres, na sombra agroman os líderes posíbeis para o futuro, exemplo na figura de Xosé Luís Méndez Romeu, híbrido saído do asento á man dereita de Paco Vázquez para quedar ás portas dun ministerio, agora de volta para coordinar o programa electoral do PSdeG e ocupar o número un na lista da Coruña. Cota imprescindíbel coa que apanda o secretario xeral galego.

Arranxos de peiteado, lentes, traxe, outros recursos xestuais e oratorios, novas postas en escena, a coidada innovación socialista para tempo electoral ao fío do efecto Zapatero chega tamén a Galiza para vender o novo Emilio Pérez Touriño. Da marca "ZP" ao lema "Presidente Touriño". O "efecto Touriño" foi deica agora para o consumo interno do socialismo. Desta volta, o novo protagonismo mediático acadado dende a chegada á Moncloa do PSOE abre novas posibilidades para o márqueting electoral.

A recuperación da "credibilidade, confianza e apoio social" foi a meta recoñecida logo do paradoxal champán aberto polo socialistas galegos a noite dun 21 de outubro de 2001 onde Fraga quedaba a escasas setecentas papeletas dos 42 escanos. A oposición "responsábel" prometida dende aquela tén este 19-X outra meta.
 



Fraga

Fraga

LIGAZÓNS

© Vieiros