Vieiros
  G2005

PODER GALEGO
OS PARTIDOS
OS PROGRAMAS
OS LÍDERES
A MAN

 

Partido Popular

Nace, a nivel do Estado, a partir da evolución de Alianza Popular (AP) e da integración doutros partidos de centro-dereita. Foi en 1989, no IX Congreso de AP, cando se adoptou o nome e o proxecto do PP. A partir desta data vanse incorporando ao proxecto do partido persoeiros independentes, de ideoloxías liberais, conservadoras e demócrata-cristiás. No X Congreso celebrado en Sevilla en abril de 1990, José María Aznar foi elixido presidente nacional do PP. Nas últimas eleccións ás Cortes españolas, no 2000, o PP foi a forza máis votada no Estado ao acadar por primeira vez a maioría absoluta.

En Galiza, o Partido Popular leva gobernado dende as primeiras eleccións autonómicas en 1981, non sendo no período 1987-89. O seu punto de inflexión coincide coa chegada de Fraga no 89, logo do goberno tripartito. Cunha inesperada maioría absoluta Fraga comeza un ciclo que se resiste a pechar.

O partido por dentro

O peso e máis o lastre (segundo se mire) do Partido Popular en Galiza, logo de quince anos de hexemonía e de catro maiorías absolutas consecutivas de Fraga Iribarne, está inscrito non só na estrutura da organización senón na presenza, para algúns apropiación, da maioría das institucións autonómicas, provinciais e locais e de gran parte do tecido asociativo do país. Esa identificación entre partido e institucións é a fonte do seu poder, pero tamén das súas contradicións e da aparición periódica de crises internas que revelan unha profunda fenda no partido.

A catástrofe do Prestige, que desencadeou a maior crise na historia recente do partido co cese de Xosé Cuíña, e a incerteza sobre a eterna sucesión de Fraga, que se presenta con 82 anos por quinta vez como candidato á presidencia da Xunta, provocou o ano pasado unha tirapuxa entre o chamado sector da "boina" representado por Baltar, Cacharro e o propio Cuíña e a dirección do PP en Madrid que a piques estivo de causar unha escisión no seo do partido. O nomeamento de dous vicepresidentes por parte de Fraga: Alberto Núñez Feijoo e Xosé Manuel Barreiro so adiou as liortas latentes pola sucesión. A incógnita é se a próxima crise do PPdeG se producirá no goberno da Xunta ou desde a oposición.

Peso político
218 alcaldes
2.042 concelleiros
41 deputados autonómicos
12 deputados no Congreso
12 senadores
3 eurodeputados


 

Gobernos de Galicia


LIGAZÓNS

© Vieiros