Emilio Pérez Touriño
A Coruña, 8 de agosto de 1948.
É doutor en Ciencias Económicas.
Na actualidade é Secretario xeral do PSdeG-PSOE e Portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galiza.
É profesor numerario na Universidade de Santiago de Compostela, onde foi vicerreitor para Asuntos Económicos. Está casado e ten dous fillos. Ten realizado estudos de especialización no Instituto de Investigación e Planificación do Desenvolvemento na Universidade de Grenoble –Francia-.
Autor de numerosos estudos sobre temas de desenvolvemento rexional e economía agraria no marco da Unión Europea. Premio Nacional de Publicacións Agrarias, Pérez Touriño dirixiu traballos e publicacións en relación coas infraestruturas e co crecemento económico de Galicia.
Comprometido desde a súa mocidade cos movementos democráticos de loita coas liberdades, dirixente estudantil e activo militante progresista durante a transición democrática, participou directamente no proceso do Estatuto de Autonomía de Galicia e nos pactos do Hostal que o posibilitaron.
Posteriormente, na súa traxectoria política cumpre sinalar a súa participación nos gobernos socialistas dende 1985 a 1994. Foi subsecretario do Ministerio de Transportes, Turismo e Comunicacións, pasando despois a desenvolver a súa actividade na Secretaría Xeral de Infraestruturas do Ministerio de Obras Públicas, Transporte e Medio Ambiente. Nesta época asumiu a responsabilidade das grandes obras de infraestruturas viarias e ferroviarias da modernización de España.
É precisamente como responsable de Infraestructuras desde onde asumiu a tarefa de finalizar a Autoestrada do Atlántico, a execución das autovías de enlace con Galicia coa Meseta e convenios coas grandes cidades galegas.
|