Vieiros
  G2005

PODER GALEGO
OS PARTIDOS
OS PROGRAMAS
OS LÍDERES
A MAN

 

Valoracións

Consulte as análises dos resultados electorais.
» "Galiza votou polo cambio"
Xosé Manuel Lage, nº7 do PSdeG pola Coruña
"Galiza apostou polo cambio de xeito maioritario e agora toca reflexionar sobre o que ten que pasar, que debe ser a coalición", asegura o número 7 do PSdeG pola provincia da Coruña. Xosé Manuel Lage amósase tranquilo porque descarta que "o voto emigrante poida decidir nada".

» "O resultado axustado esixe moita finura política"
Ramón Villares, ex-reitor da USC e catedrático de Historia contemporánea
Villares sinalou que "existiu un voto oculto, non explícito, do PP que dá como consecuencia este repunte na última fase de campaña a diferencia, entre os últimos días, da suba que se esperaba do BNG".

» "Nas eleccións democráticas xa perderon"
Quico Cadaval, autor de teatro
Quico Cadaval asegura que nas "eleccións democráticas, que foron as que se celebraron aquí, xa perderon" pero grazas, entre outras cousas, ao "voto estranxeiro e non emigrante van seguir gobernando". O actor e autor teatral asegura que "ata o momento" non se pode facer unha valoración, "como dicían agora na televisión, estase na prórroga", apunta.

» "Hai que botalos e algún día ímolo conseguir"
Mabel Rivera, actriz
A actriz Mabel Rivera, coñecida polos seus traballos na serie Pratos combinados e na película Mar Adentro, foi unha das colaboradoras do mundo da cultura que levaron a cabo a "creación colectiva" Hai que botalos. Dende a súa óptica aínda non está nada definitivamente perdido pero queda claro que "hai que seguir traballando para mobilizar conciencias". Así mesmo a actriz ve a influencia do voto emigrante como "o atropello máis forte que pode ter lugar".

» "Aínda existe o voto comprado"
Uxía Senlle, cantante
"Parecía que xa se perdera o temor a posicionarse politicamente", afirmou Uxía Senlle, que analiza o erro das enquisas electorais que non se traslocen nos resultados porque "aínda existe o voto comprado, cautivo".

» "Todos deben facer unha gran lectura do resultado"
Rosa Aneiros, escritora
A autora de obras como Resistencia ve no axustado dos resultados a necesidade de que os partidos fagan unha boa lectura destas eleccións, porque ante o PP queda claro que a sociedade quere cambios. Do mesmo xeito, Rosa Aneiros recalca a inxustiza que representa que poida decidir uns resultados o voto da emigración.

» "Aínda hai expectativas de rexeneración institucional"
Fernández Mallo, economista
Para Fernández Mallo é un drama social e político que a situación do voto emigrante estea pendente de resolver. "Aínda hai expectativas de rexeneración institucional, que pode supor un pulo para os novos proxectos económicos e innovadores, o que conleva un grao de ilusión e esperanza", sinalou o economista Fernández Mallo.

» "PSdeG e BNG teñen programas distintos para xestionar"
Pedro Puy, director xeral de Relacións institucionais da Xunta
Pedro Puy explicou que o PP acadou "un magnífico apoio da sociedade, que o fai quedar á beira da maioría absoluta". Asegurou que o voto emigrante é "igual que o emitido aquí".

» "Toca negociar co PSdeG a composición do goberno"
Carlos Aymerich, candidato do BNG
O número catro do BNG pola provincia da Coruña comenta que non cre "decisivo" o voto emigrante e que, polo tanto, "o que toca agora é negociar co PSdeG a composición do goberno galego".


 
 

© Vieiros