Comunicar, transmitir, compartir e intercambiar ideas e
opinións é o proceso básico da
comunicación e do intercambio científico, intercambio
que nunha situación lingüística como a nosa, na
que coexisten dúas linguas cunha historia e unha
dimensión social moi distintas, se fai imprescindible cada
día e desde tódolos medios posibles.
É por este motivo que é un grande pracer para min
inaugurar este congreso de "A lingua das Cantigas - Congreso da
lírica medieval galego-portuguesa na rede", o primeiro
congreso virtual que, coa organización de galego.org e
Vieiros, se realiza en Galicia e non só para a nosa
comunidade, senón para todo o Mundo, aproveitando as
posibilidades que a Internet nos ofrece.
Ligar dúas realidades tan sumamente distintas como o da
lírica medieval galego-portuguesa, cando eran poucos os medios
de transmiti-la cultura e a información, e as ferramentas
actuais que, como a rede, serán os instrumentos da
información do século XXI, é o grande reto e a
grande responsabilidade desta reunión virtual que hoxe,
día 15, comezamos.
Desexo animar a todos e cada un dos participantes e relatores neste
certame que xirará arredor dos comezos da nosa lingua a
constituír nos espacios deste Congreso un foro para o debate
científico e rigoroso, enriquecedor e amplo sobre o noso
idioma durante os séculos XII, XIII e XIV, e todo o
marabilloso mundo que na súa literatura se xerou.
|