Falar da muller na literatura das cantigas de amigo é falar dunha obviedade. E isto, a pesar dun paradoxo: todas as cantigas de amigo galaico-portuguesas foron escritas por homes.
Partimos, pois, dun conxunto de textos que na súa totalidade constitúen un macro-texto cunhas características comúns e, sobre todo, cunha liña de evolución que leva consigo, no seu propio interior e como resultado da evolución das súas formalidades retóricas, a súa propia extinción, á marxe das circunstancias históricas ou políticas que, igualmente, contribuíron a propiciala.
Como xa temos explicado, esta evolución interior débese fundamentalmente ás variacións que se levan a cabo, nun período de case douscentos anos, nos seus modos de enunciación.
Entendemos por modos de enunciación o conxunto de posibilidades que ten un texto lírico para manifestarse, para producirse, para ser levado a cabo como resultado dunha enunciación lírica e co obxectivo de crear un discurso lírico. Constitúen un conxunto finito e para o caso concreto das cantigas de amigo poden enumerarse do seguinte xeito:
Cantigas en voz da amiga 408
Diálogos 54
Cantigas en voz da nai 12
Cantigas en voz da confidente 16
Cantigas en voz do amigo 3
Cantigas en 3ª persoa 19
Total 512
Do total das cantigas de amigo encontramos un maioritario subconxunto composto por cantigas nas que son apelados unha serie tamén finita e perfectamente delimitada de interlocutores. Estes, cuantificados, serían os seguintes:
Amigo 90
Nai 72
Confidente 69
Amigas 49
Deus 8
Irmá 7
Natureza 3
Amor 3
Múltiple 2
Todas as mulleres 1
Amiga 29
Total 333
O conxunto de datos amostrados nas dúas táboas anteriores relaciónanse entre si do seguinte modo:
| Tipo de enunciación | Destinatario interno | Nº |
| Voz da amiga | Ningún | 105 |
| Voz da amiga | Nai | 72 |
| Voz da amiga | Múltiple | 1 |
| Voz da amiga | Amor | 3 |
| Voz da amiga | Confidente | 69 |
| Voz da amiga | Amigo | 90 |
| Voz da amiga | Irmá | 7 |
| Voz da amiga | Todas as mulleres | 1 |
| Voz da amiga | Natureza | 3 |
| Voz da amiga | Deus | 8 |
| Voz da amiga | Amigas | 49 |
| Total Voz da amiga | 408 |
| Diálogo | amiga-natureza | 1 |
| Diálogo | amiga - amigo | 14 |
| Diálogo | nai-filla | 25 |
| Diálogo | irmá-irmá | 1 |
| Diálogo | amiga-confidente | 13 |
| Total Diálogos | 54 |
| Voz da nai | Amiga | 12 |
| Voz da confidente | Ningún | 2 |
| Voz da confidente | Amiga | 14 |
| Total Voz da confidente | 16 |
| Voz do amigo | Amiga | 3 |
| Voz en 3ª persoa | 5 |
| Voz en 3ª persoa Múltiple | 1 |
| Pastorela | 13 |
| Total Voz en 3ª persoa | 19 |
| TOTAL GLOBAL | 512 |
Do que resulta ben fácil deducir que a voz da amiga é maioritaria e constitúe, en si mesma, a principal característica definidora do xénero, toda vez que ás 408 cantigas dispostas en voz da amiga habería que engadir como variantes os diálogos en que a amiga tamén participa, ben sexa falando coa nai, co propio amigo, coa súa amiga confidente ou coa súa irmá ou elementos tomados da natureza.
Así, pois, as cantigas de amigo serían cantigas nas que a voz lírica está suplantada por unha voz feminina, producíndose, desde xeito, o fenómeno chamado eu escénico, isto é, un modo de enunciación no que a voz que flúe no discurso do poema non se corresponde coa voz do autor, que, nas cantigas de amigo, é sempre un home, como xa dixemos.
Esta especie de travestismo literario dinos moito do modo en que desexaban ser contemplados os propios trobadores e xograres que compuxeron os poemas.
En primeiro lugar deberíamos mencionar que, ao seren eles os autores, os poemas tenden a idealizar situacións nas que se evoca o seu nome ou a súa persoa. Dito doutro modo, as cantigas de amigo preséntannos o ideal de desexo do home medieval. E este ideal de desexo ben definido por dous temas:
- a separación, por viaxe, guerra, desamor ou calquera outro motivo.
- a relación erótica, amostrada sempre dun xeito subtil, que contravén a moral da familia e é representada como conquista.
Así, o masculino e o feminino aparecerán como resultado dun estereotipo perfectamente fixado e no que unha serie de palabras actúan como fetiches que definen un e outro modo de comportamento, un e outro rol.
Mentres o feminino emprega para ser expresado palabras que designan obxectos propios da actividade que se lles supuña natural ás mulleres (como brial, cabeça, cabelos, camisa, cendal, cinta, color, coor, cor, corpo, cós, corp', fivelas, fremosura, garcetas, gonelas, lum', lume, luz, mant', manto, mao, olho, olhos, pano, panos, touca) de xeito que encontramos a mozas preocupadas pola súa fermosura, polo lavado das súas roupas, polo coidado dos seus cabelos, polos enfeitas con que adornarse, os homes preséntanse cos atributos do estereotipo masculino (arco, ferido, fossado, oste) e son designados mediante palabras que aluden ben á guerra, ben á actividade amorosa, ben á liñaxe da que son pertencentes (almirante, amado, amigo, amigos, barqueiro, ben, el, desejo, escudeiro, filho d'algo, homen, lume, namorado, padre, prazer, remador, sabedor, trobador).
Como queira que as cantigas de amigo se sitúan no tempo xusto no instante de apareceren as cantigas de amor e a teoría do amor cortés, constitúen en conxunto un modelo ben definido do que vai ser o papel dos xéneros masculino e feminino na nosa cultura ata o día de hoxe, ou de onte, antes da irrupción da chamada revolución feminista. O home desexante e suxeito de desexo que, non o esquezamos, é o que ten a palabra (aínda que o disimule baixo unha aparencia feminina) e a muller desexada e obxecto de desexo (que perde a palabra aínda que a manteña formalmente para dar cabida a un modo de comprensión do mundo oligarquicamente masculino).
Manuel Forcadela, Vigo, Maio de 1998.
|