O "espectáculo trobadoresco" galego-portugués tivo lugar entre finais do século XII e mediados do XIV, do que tres cancioneiros (A, B, V) nos conservaron case 1700 textos de 155 autores.
O tempo do espectáculo
Dúas datas serven para focalizar a producción conservada: 1200 e 1350. A
primeira é a data establecida por Carlos Alvar para a cantiga Ora faz ost' o senhor de
Navarra, do portugués Johan Soarez de Pávia, mentres que a segunda é a data do
testamento do Conde Don Pedro de Barcelos, onde constan os seus desexos de regalar ó
rei castelán Alfonso XI o seu Livro das Cantigas, probablemente o antecedente de B e V.
Sen embargo, hai que minimizar o alcance destas dúas datas, xa que o
Cancioneiro B, no seu inicio (fasc. II, fols. 10-13), rexistra unha lagoa que afecta a 27
textos de 8 trobadores (Diego Moniz (3); Pero Paez Bazoco (8); Johan Velaz (1); Don
Juano (1); Johan Soarez de Pávia (6); Pero Rodriguez de Palmeira (2); Rodrigo Diaz dos
Cameros (3); Airas Soarez (3)), coñecidos gracias ó testemuño da Tavola Colocciana,
un índice de autores elaborado, moi probablemente, a partir de B. Estes trobadores
estiveron activos entre o último cuarto do século XII e inicios do XIII. Entón, é moi
factible que algúns dos textos perdidos foran anteriores a 1200. Igualmente, como
demostrou Ricardo Polín, nos cancioneiros galego-casteláns dos séculos XV e XVI,
encontramos textos que responden claramente á estética da escola galego-portuguesa, co
que a data de 1350 sería máis ben a culminación dun proceso de recompilación e non de
creación.
O espacio do espectáculo
O termo galego-portugués non nos pode levar ó erro de priorizar as zonas
xeográficas que vehiculan este complexo lingüístico no medievo, e que corresponden
hoxe en día, máis ou menos, a Portugal e Galicia e límites fronteirizos. Non, sería un
grave erro epistemolóxico. O espectáculo trobadoresco non ten xeografía definida. Os
seus espacios de representación son dinámicos e fluctúan en función dos diferentes
procesos da diacronía trobadoresca (inicio; consolidación; declive) e dos espacios
bélicos.
O proceso de implantación repousa nas persoas de Diego Lopez de Haro, señor
de Biscaia, Rodrigo Diaz dos Cameros (1186-1230), na Rioxa, Alfonso VIII de Castela
(1158-1214), e Johan Soarez de Pávia (1169-1205). O espacio do que dispoñemos
impide unha revisión dos argumentos desta hipótese, polo que só recollemos un par de
puntualizacións:
- Rodrigo Diaz dos Cameros, fillo de Guiomar Fernandez de Traba, a poderosa
liñaxe galega, foi un importante mecenas de trobadores occitanos e foi el mesmo
trobador. Por desgracia, a lagoa de B xa comentada nos privou das súas tres cantigas de
amor.
- Johan Soarez de Pávia representa, probablemente, o papel estelar xa que é moi
posible que mantivera relacións directas co occitano Raimbaut de Vaqueiras e co francés
Conon de Bethune. As seis cantigas que se perderon na lagoa de B habíannos amosar en
qué medida estes contactos repercutiron na súa arte poético-musical.
- Todos están en estreito contacto non só entre eles -mediante alianzas
matrimoniais e políticas-, senón tamén con trobadores occitanos. Circunstancias
decisivas para a implantación da estética trobadoresca e que poden explicar, quizais, o
emprego do galego-portugués.
Con isto, queremos minimizar o entusiasmo dos estudiosos cando vigorizan a
influencia dunha mítica "era compostelá" na formación e consolidación dunha lírica
trobadoresca.
Esta arte trobadoresca, sentida como algo digno das clases nobiliares, esténdese
con rapidez por outras xeografías. Centrémonos en Galicia, aínda que sabemos que unha
lectura global e máis axeitada tería que abranguer a participación dos señores e reis
portugueses á nosa lírica. A partir da separación da vella Gallaecia queda definida
practicamente a xeografía da Galicia actual. Esta definición coincide co afianzamento de
Portugal na persoa de Afonso Henriquez, que se proclamará rei en 1143. Esta
circunstancia provoca que Galicia padeza un afastamento dos centros de poder máis
relevantes e unha importante perda de protagonismo.
Toledo convértese en cabeza do reino de Castela e León, mentras que o
escenario dos poderes se move ó ritmo que marcan as guerras de fronteira cos
musulmáns. É un contínuo movemento vertical (de norte a sur), onde as relacións entre
as diferentes familias nobres e os pactos simbolizan a horizontalidade. Baixo estas
circunstancias, entramos na fase de consolidación da arte trobadoresca baixo os reinados
de Fernando III e Alfonso X. A de declive, neste caso concreto, principiará durante o
reinado de Sancho IV (1284-1295).
A nobreza galega, se quere participar dos espacios que gobernan a verticalidade,
ten que pasar pola súa integración no sistema de dependencias ideado polos monarcas
castelán-leoneses (horizontalidade).
Baixo esta perspectiva actúa Rodrigo Gomez de Traba ou Trastamara. Un dos
principais artífices para que o trobar prosperara nas terras galegas (?) durante a primeira
metade do século XIII. Trobadores e xograres coma Johan Baveca, Johan Lopez d'
Ulhoa, Nun' Eanes Cêrzeo, Nuno Fernandez de Mirapeixe, Nuno Rodriguez de
Candarei, os irmáns Taveirós, Pero Garcia de Ambroa e Pero d' Armea foron, con moita
probabilidade, vasalos ó servicio de Rodrigo Gomez. Pero, ¿onde se crea e recrea esa
arte poético-musical? Non podemos esquecer que Rodrigo Gomez participa, por
ambición lóxica de dignificación, nos procesos verticais e horizontais da monarquía
castelá-leonesa. De feito, case todos o acompañaron nas súas campañas da reconquista
andaluza (Córdoba e Sevilla) axudando ó rei de Castela e León, Fernando III, e/ou na
do seu fillo Alfonso, o futuro Rei Sabio.
Nese espacio consolídase, durante os interludios das guerras de fronteira, a lírica
tanto amorosa como escarnina. Aí nacen os ciclos satíricos: o da entrega dos castelos ó
Boloñes; o da cobardía dos cabaleiros na guerra de Granada; o do escándalo das amas e
tecedeiras; o de Maria Balteira; etc.
|