Esta colaboración está baseada na memoria de licenciatura O sistema do pronome relativo e das súas cláusulas na prosa medieval galego-portuguesa. O corpus que serve de base á dita memoria está constituído por 2.984 exemplos tirados das obras que a seguir se indican:
A General Estoria, na edición de Martínez López (1963)
A Crónica Troiana, na edición de R. Lorenzo (1985)
Os Miragres de Santiago, na edición de J.L. Pensado (1958)
Os documentos notariais galegos contidos na edición, en 1986, de Clarinda de Azevedo Maia, da Historia do galego-português. Estado linguístico da Galiza e do Noroeste de Portugal desde o século XIII ao século XVI.
Limitareime, tanto por cuestións de espacio, como para facilitarlle o acceso a este tema á maior cantidade de cibernautas posible, a describir unha das construccións de relativo, dunha forma sinxela, e en comparación coa lingua actual.
A secuencia prep + que
Na lingua actual tende a utilizarse indistintamente estas tres construccións de relativo1:
(1) A posición a que chegou débella a seu padriño.
(2) A posición á que chegou débella a seu padriño.
(3) A posición á cal chegou débella a seu padriño.
Nos tres casos, unha cláusula de relativo modifica unha unidade anterior (a posición), antecedente do pronome relativo, restrinxíndolle o significado. Trátase, logo, de cláusulas relativas restrictivas. Asemade, o pronome relativo (que, o que, o cal) vai acompañado dunha preposición, da que é termo, que constitúe o seu índice funcional: noutras palabras, para que o pronome relativo poida funcionar como complemento circunstancial nesa cláusula, cómprelle -en principio2- unha preposición.
Pois ben, un dos aspectos máis rechamantes do funcionamento sintáctico dos relativos neste corpus -e atreveríame a dicir, na época medieval-, é o uso exclusivo da construcción do exemplo (1), en que o pronome que desempeña aquelas funcións en que ten que ser termo dunha preposición e, asemade, referirse a un antecedente que a cláusula relativa modifica restrictivamente. Nos 429 casos en que se dan estas circunstancias, o relativo utilizado é que. Vexamos algúns:
General Estoria
2-5, a conta das criaturas de que avia falado
18-25, andando buscando madeyros de que fezese seus estormêtos
17-8, fezerô o das artes a que dizê liberâes
28-7, fezo el hum fillo a que chamarô Caynâ
3-27, êno dia en que Deus criou o çeo et a terra
5-16, tanto ouverô que véér et pensar ênos bêes que perderam et o traballo e mezquindade en que eram que...
9-27, tu seras mal dito. Et outrosi a terra en que morares et labrares
5-9, por que lles foy moy longa a carreyra por que ouveron de vîjr
10-9, nê seeriâ os omes tâ abondados de viandas, o al por que forom os omês daly endeante moy mays flacos
Miragres de Santiago
9, leixou ali sobre lo altar a pertega que tragia de que fora enforcado
41, ontre todo los maes de que se os de dentro mais agraveavâ, aviâ tâ grâ fame...
12, jaz cabo do rrio a que chamâ Limia
41, pregûtou se avia omê êna corte a que Tito quisese mal
25, nos mostrou as mâos en que tragia os sinaes das chagas
34, a rrazô por que eles alo forô he esta
53, ese por que tu pregûtas era meu Deus
65, leixaredes a rrua por que entrardes
Historia e dialectoloxía do galego-portugués
p134-46, comjn do seu pâ e vjno et cousas de que sôo tiuda
c2-25, en villar a que dizem Pineyro
c16-29, nô revogar esta dita doaçô nê por lessô nê danjficado a que me posa chamar
c17-26, por la alma de Domingo Eanes, meu primeyro marido que foy, e por la mjña e daqueles a que el e eu somos teudos dentro enno dito moesteyro
l44-121, aquel a que el mandar aver os ditos bêes que seja do tronco...
l42-77, sobre las duas sepulturas que estan ante o dito altar, hûa en que jaz Sancha Gomez, outra en que jaz Ysabel
l44-184, cô esta en que vay meu signo
Cronica Troiana
2, 41, nûca oy mâdado de que me tâto prouvesse
35, 20, mays valrrá (...) gardar en paz teu rreyno que começar cousa de que verrá mal a tj et a teu señorío
20, 8, acharô tres cavaleyros a que pregûtarô...
38, 2, aportarô êna ynsoa a que dizê Çitaría
38, 6, avja hûa moller a que dezíâ Elena
45, 13, outros moytos ouvo y a que prouvo moyto, outros a que pesou
28, 36, nô avemos naos en que possamos passar a elles
35, 15, avja de vîjr tal sazô en que Troya perdería o sseu grâ brío
18, 9, Antenor morou y tres días cô el, que nûca disso nehûa cousa por que vijña
Como se ve, no uso de que nos anteditos contextos non inflúen:
Nin a función sintáctica do relativo3 :
complemento directo:
pregûtou se avia omê êna corte a que Tito quisese mal (MS, 41)
complemento indirecto:
acharô tres cavaleyros a que pregûtarô... (CT, 20, 8)
suplemento:
a conta das criaturas de que avia falado (MS, 2-5)
complemento circunstancial
tu seras mal dito. Et outrosi a terra en que morares et labrares (GE, 9-27)
por que lles foy moy longa a carreyra por que ouveron de vîjr (GE, 5-9)
avja de vîjr tal sazô en que Troya perdería o sseu grâ brío (CT, 35, 15)
buscando madeyros de que fezese seus estormêtos (GE, 18-25)
a rrazô por que eles alo forô he esta (MS, 34)
Nin a preposición: a, de, en, por 4
Nin a clase de palabra5 que constitúe o núcleo do antecedente, tanto en singular coma en plural, e mesmo se se trata dunha coordinación:
substantivo:
nûca oy mâdado de que me tâto prouvesse (CT, 2, 41)
nos mostrou as mâos en que tragia os sinaes das chagas (MS, 25)
tanto ouverô que véér et pensar ênos bêes que perderam et o traballo e
mezquindade en que eram que... (GE, 5-16)
indefinido:
sobre las duas sepulturas..., hûa en que jaz Sancha Gomez, outra en que jaz Ysabel (HDGP, L42-77)
outros moytos ouvo y a que prouvo moyto, outros a que pesou (CT, 45, 13)
demostrativo:
por la alma de Domingo Eanes, meu primeyro marido que foy, e por la mjña e daqueles a que el e eu somos teudos dentro enno dito moesteyro (HDGP, C17-26)
cô esta en que vay meu signo (HDGP, L44-184)
Mesmo se utiliza dentro de coordinacións tan rechamantes como as que aparecen en documentos da HDGP:
fazemos convosco esta carta partida por a, b, c et em que nos, o dito abbade, escripuymos noso nome (O75-31)
os dineyros que os dedes aquell que tever esta ovénça ou a que vos mâdarê o dito abbade (P129-18)
Xa que logo, a nosa lingua tiña claramente limitado o espacio funcional que describimos, ó uso do relativo que. Cómpre estudiar en qué momento da historia do galego comezan a usarse as construccións (2) e (3), e qué factores intrínsecos ou extrínsecos influíron nesa aparición.
|