
|
|
Notas previas ó Chat |
Chat con XOSÉ LUÍS BARREIRO <Barreiro> Boas tardes, son Xosé L. Barreiro e estou á vosa disposicion para contestar as preguntas que queirades formular. <Xose> Sr. Barreiro, Pensa vostede voltar á vida política? <Barreiro> De momento non teño ningún motivo que me permita pensar que as cousas cambiaron con respecto á miña posicion política dende que tiven que abandoar a política tanto por motivos electorais coma extrapolíticos. Por outra parte, ese abandono conlevou no meu caso a desparición práctica do partido ou do instrumento político do que eu dispoñía para participar en política. Xa que logo, unha volta miña neste momento non sería tanto un reenganche coma unha nova vocación que por agora aínda non a descubrín. <Felipe> Podería dicirnos en breves liñas cal é a súa traxectoria política? <Barreiro> Eu empecei a traballar na política coma técnico. Son politólogo, licenciado en ciencias politicas pola Universidade de Madrid, e fun contratado en 1977 para organizar, crear e dirixir o gabinete técnico de Alianza Popular en Galicia. Desde esa función, que desempeñei en exclusiva ata aproximadamente principios de 1980, fun dando o salto á política activa na que entrei de cheo con motivo das primeiras eleccións autonómicas de 1981. Nesas eleccións ocupei o primeiro posto da lista de Pontevedra, ademais de dirixir a campaña electoral. Despois, fun nomeado Conselleiro da Presidencia e voceiro do grupo parlamentario e máis tarde Vicepresidente da Xunta e Secretario Xeral de Alianza Popular. Neses cargos mantívenme ata outubro de 1986 cando demetín de Vicepresidente e Conselleiro e abandonei primeiro a Xunta e despois tódolos cargos que tiña no partido. En xuño de 1987, abondeni o Partido Popular e ingresei en Coalición Galega. Participei na organización e defensa da moción de censura que derrubou ó goberno popular en setembro dese mesmo ano. Ocupei durante 10 meses a Vicepresidencia do Goberno tripartito e demetín de novo para ser procesado pola Audiencia Territorial en relación cunha denuncia presentada contra min polos meus compañeiros do anterior partido. En 1989 presenteime de novo ás eleccións galegas, era por terceira vez, sendo secretario xeral de Coalicion Galega. Non obtiven escano parlamentario e entón retireime da política, sería isto febreiro ou marzo de 1990 aínda que despois, en setembro dese mesmo ano, tamén sería inhabilitado polo Tribunal Supremo. <Pedro> Señor Barreiro, vivindo fóra da nosa terra dáme a impresión de que a maioría dos galegos que viven na Galiza cren que non se poden facer as cousas mellor do que o está a facer Fraga. Está vostede de acordo con esta opinión? <Barreiro> Non, eu non estou en absoluto. A explicación obviamente implicaría o relatorio dun programa alternativo que non é posible neste intre. Baste con dicir en todo caso, na miña opinión, que discrepo da súa orde de prioridades materiais, da súa concepción política, do seu modelo de partido... <Alb> Quisiera preguntar al Sr Barreiro sobre su postura acerca de las autovías gallegas, el gobierno de Madrid, y el AVE a Málaga.... ya que es ahora una polémica abierta... <Barreiro> Eu creo que as autovías galegas, que son as últimas das que poderiamos considerar básicas na articulación da rede do Estado, se están construíndo de acordo con un programa racional e cun ritmo normal programado fundamentalmente no tempo en que era ministro Jose Borrell e secretario de estado de infraestructuras Pérez Touriño. O que eu creo que é impresentable é a utilización política que se fixo deste feito apuntándose todo o mundo a un carro que converteu unha actuacion inversora do goberno semellante, pero mais atrasada cás doutras zonas do estado, a unha especie de favor que nos viñan a facer ós galegos. <alb> bien,... y sobre el tema del tren, que ahora nos anuncian el nuevo tren de Renfe para unir Galicia, no parece un poco de sarcasmo político? <Barreiro> Co engadido de que ademais se mentiron nos prazos, se mentiron nas inversións e toda a información sobre o estado xeral do proxecto. Iso, e non as datas en si mesmas, é o que converte en impresantable o que debería de ser algo indiscutible e fóra de toda politización. En relación co tema de Andalucía e do AVE, non son eu nunca quen se opón por razóns territoriais ou locais a determinadas racionalidades ou prioridades. Galicia aínda está nunha fase anterior á do AVE e non debería de competir naquilo que non pode. <Ziralla> Porque ese pesimismo político que vostede reflexa, moi ben por certo, nos seus escritos, nos embarga ós galegos que queremos a modernizacion do noso País? <Barreiro> O pesimismo en min é un instrumento concebido para abanear unha conciencia social que considero máis durmida do que sería desexable. Nese senso teño dito que todo discurso que soe a nana me parece unha traición e todo aquilo que pode provocar, inquietar ou mesmo cabrear, paréceme necesario para reactivar a politica do país. <Martov> Non pensa que o que realmente se xoga nestas eleccións é o segundo posto? <Barreiro> Si, estou convencido. De feito eu veño sostendo esa teoría nos meus últimos escritos xa que considero que o proxecto Fraga está terminado e que el non está en condicións de reactivalo. Por tanto, coido que ese problema non se resolve nin siquera coa hipótese dunha maioria absoluta ou suficiente en calquera dirección. <Martov> Nese senstido, cal é a razón da coalición? <Barreiro> A coalición entre o PSOE e EU ten polo menos dúas perspectivas: unha moi inmediata que trata de achegar catro ou dez votos nun intre en que as cousas se van a xogar por unha marxe moi pequena, e outro senso moito máis profundo que apunta cara á profunda reeestructuracion da esquerda española. Neste ultimo senso, como se está vendo, estanse producindo acontecementos vertixinosos nos que o proceso de coalición levado a cabo en Galicia tivo a súa enorme improtancia. <Berni> Como importante especialista na politica galega, que fiabilidade lle merecen experiencias como o barómetro electoral de La Voz de Galicia? <Barreiro> O mesmo ca unha enquisa, este tipo de barometros depende dos medios utilizados para a súa realización e da capacidade do cuestionario para eludir os crecentes enganos que as sociedades introducen nun mecanismo de consulta do que se está abusando demasiado. Temos que ter en conta que o barometro de La Voz de Galicia responde a unha enquisa telefónica que sempre ten máis riscos cá enquisa domiciliaria. En todo caso o que si pode permitir é ver a evolucion en relación ó propio baromentro. <Jolito> Señor Barreiro, na verdade cre que sería posíbel entrarmos no século XXI da man de Abel Caballero? <Barreiro> Dicían os escolásticos que todo o que sucede é posible. Xa que logo, seremos nós os encargados de demostrar o que somos capaces de facer e o que non. Polo de agora, debemos saber que Galicia leva feito moitisimas cousas imposibles, boas unhas e malas outras. <Jolito> E da man de Beiras? <Barreiro> Neste senso hai que dicir que a posibilidade se vai conformando cada día como algo máis real. Dende logo, xa non é posible concebir a política deste país sen contar a curto prazo con Beiras e a medio e longo prazo coa súa obra política. Se é un acerto ou un erro é cousa de opinar pero o que si é certo é que neste intre ocupa un espacio nacionalista que é clave para a conformación de calquera política de futuro. <lois> Podería ser Democracia Galega o continuador da experiencia de Coalición Galega, ou "nas marxes" do BNG xa non hai espacio? <Barreiro> A sensación que teño é a de que Democracia Galega calibrou mal a súa oportunidade e perdeuna e isto por varios motivos entre os que hai que subliñar sen dúbida o evidente centramento do BNG que achica os espacios útiles do voto nacionalista. <Pan> Eu resido na Costa da Morte, e aquí xa coñecemos ó Fraga que chora, ó Cuiña que se sube á escavadora, ámbolos dous nos mentiron a todos cando nos dixeron da gratuidade da autovía A Coruña-Carballo. Porque o noso pobo non castiga os mentireiros? <Barreiro> Cecais porque pensa que todos menten e somentes pode escoller entre as mentiras que menos mal lle fan ou tamén porque, ás veces, forzamos promesas que nós mesmos sabemos que non se poden ou non se deben cumprir. En todo caso, non se debe esquecer que a democracia é un sistema no que interveñen todos, dende os premios nobel ata os que ven cada noite La sonrisa del pelícano, e nese senso non deben de estrañar certas reaccións políticas substentadas en determinadas maiorias que tardan moito en decatarse da verdadeira realidade dos problemas. <Santiago> Sr.Barreiro. Cal é a análise do que pode acontecer o 19 de outubro? e a súa posición sobre un pacto PSOE-BNG en caso de que ninguén teña maioria?. <Barreiro> Se ninguén tivera a maioría tal e como se puxeron as cousas, sería obrigado un pacto PSOE-BNG pero iso é porque se fixeron mal as cousas porque unha democracia debe de xogar con tódalas cartas lícitas e entre elas coa posibilidade dos gobernos en minoría, de coalicións alternativas ou mesmo de repetir eleccións pero, tal e como están as cousas, iso é especulación e o único posible sería o pacto. <Santiago> Pero dada a experiencia do tripartito, cre que sería ben acollida polo pobo?. <Barreiro> A experiencia é boa se ben termina. O tripartito tivo unha acollida relativamente boa. Non o indican así os resultados do 89 . É un periodo de goberno sen dúbida cómodo que despois se frustrara por non saber responder ós problemas políticos do país e outras cousas. En todo caso, Galicia terá que pasar por situacións desas necesariamente e, tal e como lle dixo Cristo a Xudas, o que debe facerse hai que facelo canto antes. <Pedro> Señor Barreiro, vostede debeu de estar no goberno autonómico cando se criou a Televisión de Galicia, Como é posible que se en vez de faceren unha estructura que permita que a TVG estea ó servicio do noso pais, estea ó servicio da Xunta? <Barreiro> É certo que eu tiven un protagonismo directo na creacion da radio e da television de Galicia. A televisión é un instrumento de acción cultural, de comunicación e de entretemento e como tal instrumento é neutro. Depende do que se lle poña. Nada distinto dun libro, pois libro é o Quixote e libro tamen foi o Mein Kamph. Hoxe a television estase usando de xeito perverso e ademais con compromiso de recursos enormes que estan destruíndo máis que construíndo pero a television segue sendo o que é, un instrumento ó servicio dunha intelixencia. <Martov> En referencia á súa resposta anterior, Como coida que vai ser a reeestructuración da esquerda española? e como afectará a Galicia? <Barreiro> Non o sei exactamente, pero si creo percibir por onde poden ir os tiros, do mesmo xeito que en Francia e en Italia, cunha profunda transformación, case destrucción, dos partidos comunistas e unha creacion de novas forzas socialdemocratas libres do peso que comporta o fracaso do comunismo real e dos seus modelos, e libre tamén do peso da corrupción e do excesivo compromiso co modelo neoliberal dos uútimos gobernos socialistas de Europa. <Vilalba> Cal pensa que sería a actitude do PP en caso de perder o poder? Adoptarían unha actitude boicoteadora? <Barreiro> Creo que sería unha actitude constructiva e mesmo creo que lle sería moi favorable para o futuro. O PP é hoxe en Galicia o partido mellor organizado e con máis sólida cultura da conquista do poder e da súa perda e por iso creo que faría unha oposición eficaz como fixo por certo na experiencia do tripartito. O verdadeiro perigo do Partido Popular visto dende o PP mesmo, é unha borracheira de victorias. <Ziralla> Sr. Barreiro, politicamente ¿camiñamos para adiante, para atrás, ou estamos no medio para que ninguén saiba onde imos? <Barreiro> Imos, sobre todo, lentos. Máis lentos que os que nos rodean. Somos máis conformistas e máis amigos de pasar o péndulo: dende a euforia, que nos situa no centro do mundo coma os mellores, ó pesimismo que nos situa no fin do mundo e como refugallo de occidente. Iso é a consecuencia dunha falta de debate político e mesmo de lideratos e alternativas politicas. Por iso creo eu que é necesario espabilar a sociedade, falarlle das súas responsabildiades e comprometela co seu futuro porque a comodidade nunca levou a ninguén a ningún destino. <Barreiro> Moitas gracias por todo. <Moderador> Moitas gracias señor Barreiro :) <Barreiro> Adeus. |