G97 Entrevista con M. CONCEPCIÓN LÓPEZ FERNÁNDEZ

Candidata da Coalición do PSdeG-PSOE, EU-EG, Os Verdes, pola comarca de Ferrol.

Periodista que interveu: Xosé R. Ferreiro.


<Xosé> Comezámo-la entrevista con María López Fernández. A primeira pregunta sería se é posible un goberno do PP aínda que non acade a maioría absoluta.
<Maria> Penso que non, porque a nosa coalición aínda tería posibilidades de chegar a algún acordo nese caso e poder gobernar.
<Xosé> As sondaxes non reflicten un aumento de voto da coalición a apesar de xuntarse EU e os Verdes co PSOE. Que opinas disto?
<María> Nesta comunidade, onde existe unha manipulación xa non só da TV pública senón dos outros medios de comunicación privados con subvencións de diñeiro público, non damos moito creto a estas sondaxes e pensamos que o electorado saberá valora-los esforzos desta coalición, que representa unha voz capaz de aglutina-lo pensamento político solidario e con verdadeiras perspectivas de futuro. Consideramóno-la vangarda política deste estado e creo que temos tódolos ollos postos en nós e que non defraudaremos á xente.
<Emilio> Quere dicir que o Alcalde da Coruña aceptaría unha coalición ou acordo de goberno co BNG?.
<María> Penso que os acordos que se poidan tomar dependerán dos resultados das eleccións tendo en conta o interese xeral de Galicia, que será o referente no caso de termos que chegar a tomar algún.
<Xosé> Existe moita diferencia entre o PSOE de anteriores eleccións e esta coalición en canto ás súas propostas?
<María> Non. Precisamente o que fai formar unha coalición é ter un programa homoxéneo. As nosas inquietudes fundamentais seguen a se-las mesmas: a loita pola consecución dun estado do benestar, que temos que dicir que se está tambaleando; a solidariedade, o equilibrio interterritorial, ameazado tamén por esa cesión do 30% do IRPF diante do que Fraga agacha a cabeza e consente e que tanto nos prexudica ós galegos. Se acaso o que fixo a Coalición é enriquece-lo proxecto por exemplo en materia de medio ambiente co programa máis ambicioso do estado.
<Lois> Que pensa da campaña electoral que está levando a coalición ? Desde un punto de vista da publicidade non é un pouco estraña e quizais derrotista?
<María> Penso que o desenvolvemento da campaña é enteiramente normal. Aquí en Ferrol, e pola contra do que pensan outros partidos que xa non fan mítines nin na zona rural nin nos barrios, nós seguimos tentando achegárno-lo máis posible ós cidadáns para darlle a coñece-lo noso proxecto e as nosas ideas, e algúns datos que son intencionadamente ocultados desde o PP e referidos á súa mala xestión. Sobre a nosa imaxe na campaña publicitaria penso que iso é subxectivo. Nós témo-lo espírito de se-la forza que goberne este país e penso que non existe ningún derrotismo, porque eu me pregunto como alguén pode votar a candidatos ou partidos que falando da súa xestión nos din que todo vai ben cando a evidencia é totalmente outra.
<Xosé> Cre que o desembarco de líderes estatais axuda a acadar máis votos?
<María> Penso que tal vez como anécdota. O que en realidade nos vai dar os votos é que temos un proxecto ilusionante e realista fronte á mala xestión que houbo estes oito anos de goberno do PP en que aparecemos como a comunidade autónoma máis endebedada do estado, sen que isto tivera ningún reflexo en ningunha inversión productiva, na que o paro creceu alarmantemente ademais de destruírse emprego, carente de infraestructuras de todo tipo.
<Lois> Se ben nun principio a coalición con EU supuxo un gran polo de atención cara á súa opción, non pensa que agora decaeu e incluso fai que as súas mensaxes se difuminen un pouco?
<María> En absoluto. Eu non constato ningún decaimento e a mensaxe segue a se-la mesma. Penso que a coalición é efectivamente un gran polo de atención e un referente para todo o estado.
<Xosé> Como afronta a coalición o problema de despoboamento de Ferrol despois de que se culpara ó PSOE de se-lo artífice da reconversión naval?
<María> A necesidade de reconversión naval no momento no que se produciu penso que non é discutida por ninguén, porque foi unha crise no sector tanto a nivel europeo como mundial. Dende o goberno do PSOE destináronse moitos medios cara á reindustrialización e a palia-la situación. Desgraciadamente non tiveron éxito pola confluencia doutros factores como era a falla de infraestructuras na que nos atopabamos ou a falla dunha cultura empresarial, pois a reconversión tamén tivo lugar noutras partes do estado e si tiveron influencia esas medidas. Na vila de Ferrol o que se necesita é confianza ademais dunhas infraestructuras axeitadas que non nos separen do resto da comunidade e do estado, e medidas financeiras para atraer a inversión investimento público, carga de traballo nas empresas públicas que é o que nós acadaremos para Ferrol.
<Xabier> Os medios de comunicacion son cada vez máis un elemento fulcral nas políticas de goberno. A chegada do PP ó goberno central provocou unha reestructuracion dos medios de comunicación que aínda esta por resolver... cal sería a politica da coalición en materia de comunicación caso de formaren goberno?
<María> Penso que aínda que pretendan selo, e non se lle pode negar que xogan un papel importante, é o voto dos cidadáns o que decide, non o decide só o marketing senón que estes ven e valoran día a día a acción política dos seus gobernantes aínda que os medios poden ter un papel distorsionante da realidade. A nosa coalición fuxiría de calquera trato parecido ó actual na televisión pública ou do intervencionismo desde o poder político
<Emilio> O PSOE durante a súa estadía no Goberno do Estado non se caracterizou por medidas a favor dos emigrantes. Que liñas políticas contempla o seu programa nesta materia?
<María> Propoñe-la constitución no parlamento galego dunha comisión especial parlamentaria para os asuntos da emigración, impulso da aplicación da reforma do Código Civil en materia de nacionalidade, atención ós retornados e descendentes e o programa de recoñecemento da galeguidade no exterior.
<Emilio> Cal vai se-la política lingüística da coalición? Que medidas van adoptar para o cumprimento da lexislación vixente en materia de toponimia?
<María> Aplicación estricta da Lei de Normalización Lingüística.
<Emilio> Como valoran as liñas de actuación da Xunta en materia de novas tecnoloxías da información? Cren que é intervencionista? Cales son as liñas mestras da coalición nesta área?
<María> Penso que, aínda que considero axeitado o uso de tódalas tecnoloxías da información, creo que pecan de ter un confusionismo entre o que é institucional propiamente, e referido á Xunta, co que é o partido. Por exemplo en tódolos medios observámo-las postas de primeiras pedras que é algo institucional manipulado cara ás eleccións
<Xosé> A última pregunta, non cre que o electorado se pode volver escéptico ante tanta promesa por parte de Caballero?
<María> Non. El non fai só promesas senón que di como se van levar a cabo. Cando promete a gratuidade dos libros de texto sinala de onde van saí-los cartos porque non pensa facer ningún festival Galicia Terra Única. Co que levan gastado en publicidade, en marketing e en fastuosidade se poden facer moitas cousas.
Acabo xa.
Gracias a todos e a votar.


Volver á portada | Galicia e o seu parlamento | 19-O e outras eleccións | Partidos, líderes e programas | Revista de prensa