G97 Noticias da xornada electoral

 Rolda de prensa do PSOE, EU-EG, Os Verdes. Méndez Romeu fixo unha primeira valoración de urxencia. Os datos indican unha perda de voto e de escanos da coalición progresista en Galicia. Confirman un retroceso menor do Partido Popular e o incremento do voto dirixido ós nacionalistas. Consideran que este resultado ten como primeira lectura o recoñecemento de que están en España nun momento de desenvolvemento das forzas nacionalistas. Xa que logo, inscriben o retroceso da coalición progresista na vaga que recorre o país. Os resultados son negativos para coalición e terán que ser valorados na próxima semana e marcar unha inflexión no traballo que realizan as forzas da coalición. Conclúe valorando postivamente o aumento da participación nestas eleccións ó tempo que agradece a confianza depositada na coalición progresista por preto de 300.000 galegos e galegas.

 Declaracións de Miguel Cortizo. O dirixente do PSOE manifestouse prudente ata coñece-los resultados finais e anunciou que as 9.20 farán públicos os datos dunha enquisa encargada polo PSOE.

 Rolda de prensa do PP. Juan Casares, Secretario da Area Electoral do PP, manifestou en rolda de prensa que polos datos provisionais o PP consolida por terceira vez consecutiva a maioría absoluta. A pesar da provisionalidade, estes datos son satisfactorios e os enchen de esperanza por canto apuntan a que o pobo galego confirma a súa confianza en Manuel Fraga e no PP. Sinalou que non queren triunfalismos e animou ós presentes a agardar a por datos máis fiables para facer unha segunda valoración. Preguntado polos resultados do BNG, indicou que a lectura que fan de tódolos datos é moi provisional, por iso agardan a ter datos máis fiables para facer unha valoración máis real.

 Rolda de prensa do BNG. Na súa intervención, Encarna Otero quixo felicitar ó pobo galego pola madurez política que demostrou, moi superior á amosada por algunhas forzas políticas durante a campaña. En segundo lugar, agradeceu ós traballadores e traballadoras dos medios de comunicación o esforzo realizado no seguimento da campaña. Feitas estas puntualizacións, o BNG con toda a prudencia derivada da provisionalidade, manifestou que a única forza política que medra é o BNG e ademais é a segunda forza política galega. Cualificaron a xornada como histórica e memorable para o pobo galego. Concluiu a súa intervención reiterando o compromiso de traballo do BNG para proseguir co labor a prol deste país.

 Información en castelán. O feito de que o Conselleiro da Presidencia, Dositeo Rodríguez, utilice o castelán nas súas comparecencias perante os medios de comunicación provocou que numerosos internautas se dirixan a Galicia'97 para amosa-la súa disconformidade coa actuación do Conselleiro. Nesta mesma liña, tamén recibimos críticas ó website institucional da Xunta de Galicia no que se poden ler textos como "no java" "gallego" e outras moitas expresións en castelán.

 O sistema de voto electrónico tardará tempo en implantarse. Unha das principais novidades desta xornada electoral, a introducción do voto electrónico, tardará tempo en implantarse porque, segundo Dositeo Rodríguez "os galegos aínda que son moi listos non están afeitos a traballar con ordenadores". Aínda que os técnicos das empresas xaponesa e francesa se sinten satisfeitos pola experiencia, o conselleiro de Presidencia recoñece que o proceso de informatización do voto será longo.

 A xornada electoral na Rede. O seguimento que estamos a facer desta xornada electoral, fai que Galicia'97 sexa o website recomendado por medios de comunicación como
La Vanguardia ou Vilaweb.
Ademais de Galicia'97, hai outros websites dende os que poder seguir estes comicios: servidor oficial da Xunta, Enxebre e o web do BNG aínda que esta última só dará información a partir das 20:00 h.

 Co 72,5% do censo escrutado, confírmase a maioría do PP.O Conselleiro da Presidencia acaba de comparecer en rolda de prensa para facilita-los datos co 72,5% do censo. A resultados dos mesmos, o Parlamento tería a composición que detallamos, confirmándose asímesmo ó BNG coma a segunda forza política.

 Resultados das enquisas. Reproducimos un avance das enquisas realizadas para os diferentes medios de comunicación. Estas sondaxes baséanse no voto manifestado polo elector ó saír do colexio electoral . Xa que logo, son datos de relativa fiabilidade na medida en que non sempre o elector exterioriza o voto real que emitiu.
Os resultados destas enquisas apuntan a que o PP revalida maioría absoluta e que o BNG se convirte na segunda forza política.

 O Conselleiro da Presidencia estima que a participación aumentará nun punto. Dositeo Rodríguez, que comparecía ás 18:05 ante os medios de comunicación, sinalou que agardan que a participación se incremente nun punto a respecto das eleccións de 1993. Segundo o Conselleiro da Presidencia, os datos oficiais de participación ás 17 h. en Galicia eran dun 45,6% o que supón 1,1 máis que no 1993. Por provincias, na Coruña a porcentaxe era 44,1 fronte ó 43,1 de 1993; en Lugo do 46,2 fronte 46.5; en Ourense 48,8 fronte 46,4 e, en Pontevedra 45,6 fronte ó 44,5 do 1993, datos que confirman a previsión inicial no sentido de que a participación se vai incrementar nun punto con independencia do aumento que se produza no voto da emigración.

 Enquisa sobre 136 mesas. Sondaxe (Grupo Voz de Galicia e Tele 5)
Total en Galicia
PP, 42
Coalición electoral PSdeG-PSOE, EU-EG, Os Verdes, 18 BNG, 15


 Datos do escrutinio realizado en 165 mesas consideradas como representativas. Estes datos, aínda que parciais, xa son sobre cómputos reais e co 100% do escrutinio.

Eco-Consulting (Radio Galega, Televisión de Galicia e Televisión Española).

Total en Galicia
PP, 51,4 % dos votos, 40-42 escanos
Coalición electoral PSdeG-PSOE, EU-EG, Os Verdes, 18,8% dos votos, 14-15 escanos
BNG, 25,9 % dos votos, 18-20 escanos.

A participación, sería do 66,5%

A Coruña

Partidos Escanos

PP 13
PSG-PSOE 5
BNG 6


Lugo

Partidos Escanos

PP 9
PSG-PSOE 3
BNG 3


Ourense

Partidos Escanos

PP 8
PSG-PSOE 3
BNG 3


Pontevedra

Partidos Escanos

PP 12
PSG-PSOE 4
BNG 6


 Dúas denuncias rexistradas por irregularidades. De momento, foron dúas as denuncias rexistradas en dous colexios electorais de Ponteareas e Palas de Rei. Na vila pontevedresa, o Partido Popular denunciou a membros do BNG por facer fotos na porta dun colexio electoral. O concelleiro nacionalista desta vila explicou que esta acción se levaba a cabo para demostrar o acarreo de votantes que estaba a facer o PP nesta vila. Por outra parte, en Palas de Rei denunciouse o transporte por parte do PP de 15 persoas ós colexios electorais.

 A participación rexistrada nas urnas ás 3:00 da tarde é do 33%. Por provincias, a participación rexistrada en Ourense e Pontevedra foi do 33% e 33,5%, respectivamente. Na Coruña quedou no 31,6% e en Lugo no 31,1%.

 A xornada matinal, caracterizada pola ausencia de incidencias. A xornada electoral estase caracterizando, ata este momento, pola ausencia de incidencias significativas. As chuvias da pasada noite produciron inundacións en dous colexios electorais de Lugo e Ourense, pero o traslado das mesas a outros locais foi inmediato. A estas horas, prácticamente tódolos candidatos dos principais partidos políticos xa acudiron ás urnas e coincidiron, en declaracións ós xornalistas, en animar ó pobo galego a exercer libremente o seu dereito ó voto.
Por outro lado, a pesar de que a participación ás doce do mediodía foi do 14,1%, similar á dos comicios de 1993, o conselleiro da Presidencia, Dositeo Rodriguez, prevé un aumento considerable con respecto ás últimas autonómicas.

 Os datos de participación dos emigrantes indican que o seu voto pode ser decisivo. Uns 40.000 son os votos recibidos ata hoxe dende a emigración, o que supera amplamente os 24.000 recibidos nos comicios de 1993, cando aínda faltan dous días para que remate o plazo de recepción. O número total de emigrantes con dereito ó voto é de 232.067. Os seus resultados non se coñecerán ata o mércores ou xoves e poden variar en ata dous escanos a distribución final do Parlamento. Segundo as enquisas, estase producindo un cambio na tendencia do voto emigrante, co que o seu peso aumenta considerablemente.
Por provincias, A Coruña ten o censo emigrante máis alto, con 91.719, seguida de Pontevedra (68.416), Ourense (44.331) e Lugo (27.719).

 O parte meteorolóxico prevé chuvias intermitentes. Durante esta tarde non é previsible que o tempo cambie de xeito notable. Durante a mañá, as chuvias concentráronse no sul de Galicia, o que incidiu nunh menor participación con respecto ás provincias do norde. Os neboeiros e as chuvias intermitentes serán a tónica xeral para un típico día de outono.

 Primeiras estimacións oficiais. O escrutinio de cento sesenta e cinco mesas electorais consideradas coma representativas servirán de base para as primeiras estimacións oficiais sobre as tendencias de voto nestes comicios.

 Novos datos sobre participación. O Conselleiro da Presidencia, Dositeo Rodríguez, comparecerá ante os medios de comunicación ás 17 h. para facitar novos datos sobre o decorrer desta xornada e as porcentaxes de participación rexistradas nestes comicios.

 A participación nas urnas ata as doce da mañá foi do 14,1%, similar á de 1993. O conselleiro da Presidencia, Dositeo Rodríguez, informa que a participación rexistrada nos colexios electorais galegos foi, ata as doce da mañá, do 14,1%, similar á rexistrada en 1993, que foi do 14,2%. En total, foron 328.054 persoas as que se achegaron ata as urnas en todo o país. Por provincias, a participación foi maior na Coruña e Lugo (13,8% e 14,1%, respectivamente).
Dende os primeiros comicios galegos a abstención foise reducindo progresivamente. A porcentaxe dos que non acudiron ás urnas pasou dun 53,7% en 1981 ó 35,8% en 1993. As enquisas dos diferentes medios de comunicación predecían para hoxe unha abstencion todavía menor e un crecemento importante do voto emigrante. Neste eido, Arxentina é o país que rexistra un maior número de posibles votantes, con 60.420. Ademais, o país latinoamericano ven rexistrando nos últimos comicios autonómicos unha participación de entre o 40% e o 50%.

 Os votos recibidos polos emigrantes ata hoxe chegan a 40.000. Os votos recibidos ata hoxe polos emigrantes xa supera o de 1993, tendo en conta que o plazo está aberto ata o martes

 A maioría dos candidatos xa exerceron o dereito ó voto. O candidato Abel Caballero foi o máis madrugador nesta xornada electoral que manterá as portas abertas entre as nove da mañá e as oito da tarde. O longo da mañá, os candidatos de tódo-los partidos fóronse achegando ás urnas e, nas declaracións ós periodistas, todos coincidían en facer un chamamento ós galegos para que exerzan o seu dereito a votar.

 Dous colexios electorais ensaian o voto informático. Dous colexios electorais da cidade de Santiago proban hoxe un sistema informático xaponés que permite emitir o voto electronicamente, con tan só pulsar as teclas dun ordenador, sen necesidade de papeletas. Os colexios nos que se ensaia este sistema corresponden ó local social Casa Agraria -na rúa Tabaniscas-, e ó local do Igape -en Frai Rosendo Salvado-. Ésta experiencia supón o primeiro ensaio destas características que se realiza en Europa. Tamén se probará nos dous colexios o modelo francés de voto electrónico, xa ensaiado nos comicios cataláns.

 Uns 2.600 colexios electorais abren as súas portas a máis de dous millóns de galegos. A primeira rolda oficial de prensa ofrecida polo conselleiro da Presidencia, Dositeo Rodríguez, informou da apertura de tóda-las mesas electorais con absoluta normalidade. Tamén destacou que se recibron 14.926 certificaciós de voto por correo, superior ó de outras eleccións.
Dende as pasadas eleccións autonómicas de 1993, o censo ordinario medrou no noso país un 6,3%, co cal o número de galegos que poderán votar hoxe ascende a 2.333.064; o 70% destes pertencen ás provincias da Coruña e Pontevedra.

 O voto dos emigrantes pode variar o Parlamento ata en dous escanos. Os 232.067 galegos afincados no exterior e con dereito ó voto representan esta vez o 9% do conxunto de sufraxios posibles, co que poden resultar decisivos para adxudicar os últimos escanos. De todas formas, estes resultados non se coñecerán ata o mércores, ou xoves se a participación, tal como se prevé, é elevada.


Volver á portada | Galicia e o seu parlamento | 19-O e outras eleccións | Partidos, líderes e programas | Colaboracións