Volver á portada | Galicia e o seu parlamento | 19-O e outras eleccións | Partidos, líderes e programas | Colaboracións
Noticias de portada en Galicia'97

Continuidade no gabinete de Fraga. Non haberá mudanzas significativas na composición do próximo goberno de Manuel Fraga, aínda que parece que Lugo terá un peso importante Así, o líder do PP cumpriría a súa promesa de premiar a fidelidade electoral da provincia de xeito que sería posible que Mauro Varela, ata agora deputado popular por Lugo, fose o próximo presidente do Parlamento galego.
En referencia aos rumores que o desiganan como futuro dirixente galego, o ministro Mariano Rajoy, negou ser ou ter sido o "delfín" de Fraga. Deixando de lado estas cuestións, Rajoy afirmou que o importante era continuar realizando unha boa xestión en Galicia para manter a confianza do electorado dentro de catro anos. Por outra banda, o ministro declarou que a suba do BNG nas pasadas eleccións galegas se debera ao desastre electoral do PSdeG.
O BNG estudia impugnar os votos dos emigrantes na Coruña.Os interventores do Bloque Nacionalista Galego adverteron irregularidades nos votos dos emigrantes da provincia da Coruña. Os nacionalistas denunciaron a falta de tarxeta censual nalgúns dos sobres, denuncia que foi desestimada pola mesa electoral. Perante estes feitos, Francisco Jorquera, responsable de campaña do Bloque Nacionalista Galego, declarou a posibilidade de o BNG impugnar esta votación, xa que, se este documento é esixido no voto por correo emitido en Galicia "con máis razón se debe esixir aos residentes ausentes".
No ámbito político estatal, o deputado polo BNG no Congreso, Francisco Rodríguez, asegurou que a suba do nacionalismo en Galicia respondía a unha actitude histórica e ao enorme traballo dunha organización política ben estructurada.
A maioría do PSdeG disposta a asumir colectivamente a derrota electoral. Ningunha demanda de demisión expresa e numerosas voces de adhesión, foi a resposta dos socialistas galegos ás declaracións públicas de Francisco Vázquez e Abel Caballero tralos resultados electorais do pasado domingo. Aínda que a maior parte dos dirixentes socialistas coincide en que cómpre reorientar a mensaxe do partido cara a un proxecto nacional galego, os membros do PSdeG admitiron o fracaso electoral como unha responsabilidade de todos. Carlos Príncipe, ex-alcalde de Vigo, dixo que o PSdeG non podía "triturar candidatos" e que a partir de agora non se podía "ignorar nin desprezar o BNG".
Algúns dirixentes de peso como Xerardo Estévez, Ceferino Díaz e Enrique Curiel, alegaron que a submisión de Vázquez e Caballero á decisión do partido, fora un xesto "para a galería", xa que a maioría do PSdeG pertence á súa corrente.

O Partido Popular analiza os resultados das eleccións galegas. Á espera dos votos da emigración que configuren os resultados definitivos, José María Aznar e o resto do executivo do PP reuniranse mañá en Madrid para reflexionar sobre o triunfo na campaña galega. Ao entender dos populares, o Partido obtivo un voto moi equilibrado entre o rural e a cidade gracias á brillante xestión de Manuel Fraga.
Noutra orde de cousas, o ministro para as Administracións Públicas, Mariano Rajoy, rechazou onte a idea dunha mudanza da lei electoral alegando que un sistema parecido ao inglés ou francés non respectaría a pluralidade e a representatividade do electorado en España.
Beiras convida a Fraga a converter nun feito a súa oferta de diálogo. O líder do Bloque Nacionalista Galego, Xosé Manuel Beiras, declarou onte que aceptaba a oferta de diálogo parlamentario co Grupo Popular sempre que esta non ficase en palabras. Segundo Beiras, Manuel Fraga fixo a mesma proposta na anterior lexislatura e finalmente non a cumpriu, por este motivo insta a Fraga a acabar coa censura aos medios e a facer caso das portestas sociais como sinal de vontade dialogante. Beiras afirmou que, os resultados do BNG causaran un grande impacto a nivel estatal e que Galicia era por fin recoñecida realmente como nacionalidade histórica. A este respecto o dirixente nacionalista convidou os políticos españois "a aprenderen algo sobre nacionalismo".
Francisco Vázquez ponse en mans do seu Partido. O secretario xeral do PSdeG-PSOE declarou onte que porá o seu cargo á disposición da executiva dos socialistas galegos na reunión do próximo sábado. No medio dun clima de malestar xeneralizado, as voces discordantes máis sonoras foron tal vez as do alcalde compostelán, Xerardo Estévez, e a do ex-deputado autonómico Ceferino Díaz, que solicitaron unha refundación do partido sobre bases galeguistas e socialdemócratas.
Pola súa parte, o secretario de Relacións cos Medios do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcava, manifestou que a derrota do seu Partido en Galicia se debía á "falta dun candidato forte en termos nacionalistas" que fixese fronte a homes tan contundentes como Fraga e Beiras, así como a "problemas internos" do PSdeG.

Fraga ofrece diálogo e perdoa "as inxurias da oposición". Despois de obter a terceira maioría absoluta, Manuel Fraga parece mostrarse indulxente coa oposición. Aínda que en ningún momento opinou sobre as mudanzas que se van producir na outra beira do Parlamento nin sobre o ascenso do BNG, o candidato á Xunta lanzou unha oferta de diálogo, o que racharía a liña mantida nos últimos anos de ignorar o resto das forzas políticas do Parlamento, e propuxo esquecer as inxurias da campaña.
Por outra parte, o lugués Mauro Varela podería ser o novo presidente do Parlamento galego, segundo fontes do PP galego. Outros nomes que soan, aínda que con menos forza, son o avogado Gerardo Conde Roa e o actual conselleiro de Sanidade, Hernández Cochón.
Os presidentes de Castela-León e Extremadura amosan medo ó BNG. O presidente de Castilla e Leon, Juan José Lucas, abriu onte un debate inesperado sobre a necesidade de modificar a lei electoral para garantir "a gobernabilidade de España". Ó xeito do "gerrymandering" que se levou a cabo no Reino Unido para impedir a representación parlamentaria de partidos nacionalistas, algúns políticos do Estado defenden unha diminución da representatividade dos partidos nacionalistas nas Cortes españolas. A esta tese tamén se sumou rapidamente o presidente de Extremadura, Rodríguez Ibarra.
En canto houbo coñecemento destas propostas, PNV, CiU e EA advertiron onte ó Goberno e ó PSOE que radicalizarían as súas mensaxes perante unha reforma que calificaron de "antidemocrática". De momento, o presidente Aznar descarta cambios na lei electoral.
Por outra parte, o portavoz do PNV, Iñaki Anasagasti, asegurou que o BNG xa se converteu nunha alternativa real de Goberno. Tamén a nacionalista catalana, Pilar Rahola, e o coordenador de Coalición Canaria, José Miguel Barragan,fixeron chegar as súas felicitacións ó BNG.
Socialistas galegos comezan a pedir contas a Vázquez e Caballero. Militantes socialistas como Enrique Curiel, Xerardo Estévez e Ceferino Díaz pediron onte que Francisco Vázquez e Abel Caballero asumisen o feito de teren colocado o partido como terceira forza política galega. Os alcaldes de Vilagarcía e O Carballiño reclamaron un debate que debería comezar coa retirada dos actuais responsables do partido. O concelleiro lucense do PSdeG-PSOE Álvaro moral esixiu a demisión do secretario xeral desta formación, Francisco Vázquez, e dos catro coodenadores provinciais. Dende Madrid, Joaquín Almunia opúxose frontalmente á rebelión que están a xestar os críticos. Por outra parte, o primeiro secretario do PSC, Narcís Serra, admitiu onte que a presencia masiva de líderes estatais prexudicou os socialistas galegos.
O voto emigrante podería variar os escanos do BNG e PP na provincia da Coruña. Na provincia da Coruña, o Partido Popular podería arrebatarlle un escano ó BNG se consegue 7.787 votos máis dos emigrantes, co cal a formación nacionalista ficaría con seis deputados e o PP conseguiría 13 escanos. Os votos emitidos polos residentes ausentes achéganse, só na provincia da Coruña, ós 24.000. Nas outras provincias galegas, as diferencias de votos entre as formacións impiden que as papeletas dos emigrantes poidan modificar o número de escanos obtido por cada formación.

Terceira maioría absoluta para o PP e ascenso imparable do BNG
O Partido Popular conseguiu onte revalidar por terceira vez a maioría absoluta, aínda que tivo que ceder dous escanos nas provincias da Coruña e Ourense, quedando con 41 deputados. Tamén, e por segunda vez na historia do actual sistema electoral, o PP superou o 50% dos votos en Galicia. Os resultados tamén amosan un descenso do voto urbano para o PP, pero consegue un relativo crecemento nas provincias máis rurais, Lugo e Ourense. Estes resultados electorais tamén permiten a Fraga ir resolvendo, no amplo prazo de catro anos, o problema da súa sucesión á fronte do PP galego.
O Bloque Nacionalista Galego configúrase de novo como a forza política que máis está crecendo en todo o Estado. Se nas eleccións do 93 pasaba de 5 a 13 deputados, no 97 acada 19 escanos, é dicir, seis deputados máis. Desta forma, a principal oposición a Fraga queda en mans da forza nacionalista. Por outra parte, se extrapolamos os resultados atinxidos onte polo BNG, os dous deputados que posúe no Congreso do Estado triplicaríanse, e pode constituír Grupo parlamentario propio. Por último, cabe salientar que a forza nacionalista conseguiu superar a coalición de Caballero en tódalas cidades galegas.
A coalición PSdeG-PSOE, EU-EG, Os Verdes foron os grandes derrotados destas eleccións. Nunca obtivera o PSOE uns resultados tan baixos dende a época de UCD. Incluso na cidade da Coruña, o feudo do secretario dos socialistas Francisco Vázquez, o BNG superou ó PSOE en catro mil votos. A explicación máis repetida onte polos seus líderes foi a falta de tempo para achegar a súa mensaxe ó electorado. Abel Caballero recoñeceu a necesidade de abrir un debate no seo da coalición e púxose á disposición do seu partido. Por outra parte, o secretario dos socialistas galegos, Francisco Vázquez, avanzou que fomentará un debate interno para analizar as causas da derrota nas eleccións galegas e acatará a decisión dos militantes.
Ó 66,3% do electorado non lle importou mollarse para ir votar.
A palabra máis repetida nas roldas oficiais de prensa ó longo da xornada foi a normalidade. Por suposto, non faltou algunha que outra denuncia do carrexamento de votantes por parte de vehículos non oficiais ou a indisposición dalgún compoñente de mesa electoral. As precipitacións intermitentes durante o domingo tamén provocaron unha participación intermitente. Durante a mañá, a chuvia regou as provincias do Sur, polo que a participación foi crecendo ó longo da tarde. No norte, a xente aproveitou as raiolas matinais para votar. A maioría dos líderes políticos xa tiñan votado ó mediodía, e as súas declaracións na porta dos colexios eran, por unha vez, unánimes: todos facían un chamamento a participar no proceso.

Programación de Galicia'97 para o domingo 19 de outubro
10:00 horas Balance e incidencias dende a apertura das mesas electorais.
12:00 horas Primeiras estimacións de participación e balance xeral.
14:00 horas Participación electoral ó longo da mañá e incidencias.
17:00horas Porcentaxes de participación e incidencias do día.
20:00 horas Primeiras enquisas sobre voto declarado. Enquisas sobre as primeiras 100 papeletas. Datos do escrutinio. Primeiras valoracións.
A partir das 20:00 horas, Galicia'97 irá ofrecendo regularmente o balance da xornada, a participación, os primeiros resultados e a configuración do Parlamento sobre eses datos, as valoracións dos partidos políticos, etc.
As tres principais forzas berran o seu triúnfo para o 19-O.
Unha das cousas que probablemente non variarán despois do 19 de outubro son as forzas que conseguirán representación parlamentaria. Nengunha enquisa recolleu a posibilidade de que algún outro partido acadese escano, aínda que son once os partidos que se presentan nestas eleccións. No peche da campaña electoral, BNG, Coalición PSdeG e PP berraron o seu inminente triúnfo deste domingo.
O Partido Popular escolleu o Pavillón das Travesas da cidade de Vigo para o peche da campaña. O presidente do Goberno, José María Aznar, o cantante Juan Pardo, que non cantou, e o propio Fraga foron os protagonistas do mitin. Aínda así, nas primeiras filas atopábase unha boa representación dos gabinetes ministeriais do Estado. Aznar afirmou no mitin que "a historia de Galicia falará dun antes e un despois de Fraga nesta comunidade".
A coalición PSG-PSOE, EU-EG, Os Vedes pechou a campaña con dous mítines, en Pontevedra e Ponteareas, vila natal de Abel Caballero. O candidato da coalición contou, de novo, co apoio do ex-ministro Juan Alberto Belloch e do secretario dos socialistas, Joaquín Almunia, quen reclamou "a entrada de Galicia no novo século da man da coalición progresista, non da man de Fraga". Abel Caballero tamén aproveitou a última noite para presentar a boa parte da súa familia, entre nai, irmáns, curmáns e amigos.
O Bloque Nacionalista Galego escolleu a cidade da Coruña para pecha-la campaña. Diante de máis de 4.000 persoas, Xosé Manuel Beiras presentou a forza nacionalista como a mellor preparada para afrontar un Goberno alternativo ó PP. "Xa somos a segunda forza política e imos a converternos este domingo na primeira", sentenciou. Beiras insistiu nos obxectivos do BNG, repetidos ó longo da campaña: restaura-la democracia, exerce-la dignidade de Galicia e consegui-lo estado do benestar.
A campaña electoral que máis líderes estatais recibiu.
O Partido Popular galego aproveitou ó máximo a chegada de José María Aznar á Moncloa. A maioría dos ministros do Goberno español tiveron unha presencia activa nos actos do PP e o presidente do Goberno trocou varias veces a súa axenda segundo ía transcurrindo a campaña galega.
A coalición electoral de Abel Caballero tampouco se quedou atrás. Despois de 14 anos de Goberno socialista, o PSOE ten como referencia a campaña electoral galega para coñece-las súas posibilidades de acceder á Moncloa. A presencia de numerosos ex-ministros, declaracións controvertidas de Felipe González e Alfonso Guerra, as tensións entre Izquierda Unida e Esquerda Unida, conseguiron atenuar aínda máis a presencia dun novo candidato nestas eleccións, Abel Caballero, que non dá atopado o seu perfil de líder.
O Bloque Nacionalista Galego, vendo este panorama, presentouse ós galegos como a única forza nacida en Galicia e sen necesidade de recabar apoios foráneos. O seu líder fixo ó longo da campaña numerosos chamamentos ó PSOE para chegar a acordos e "derribar" a Fraga do poder. A coalición de Caballero non se inmutou.
Os medios de comunicación lamentan a ausencia dun debate televisado.
Ata os últimos días da campaña electoral, numerosos medios de comunicación galegos e do Estado estiveron tratando de convencer ó PP de que aceptase un debate ante as cámaras cos outros contrincantes. Finalmente, Manuel Fraga negouse ó debate debido, segundo el, ás descalificacións que verqueron os outros candidatos contra a súa persoa. Algúns medios, como La Voz de Galicia, manteñen que os argumentos do candidato do PP non concordan cos que utilizou sendo candidato da oposición e co feito de que sostivera un debate con Antolín Sánchez Presedo nas últimas autonómicas.

Fraga quere volver ó Pazo de Raxoi cunha nova "gaiteirada". Fraga anunciou onte nun mitin en Ourense que se volve gañar, os gaiteiros que o recibirán na Praza do Obradoiro serán 5.000 (no 93 foron 3.000). Tamén advertiu que as eleccións se gañan con votos, "e non coas enquisas". O candidato do PP fixo un repaso a todos os logros que acadou nesta última lexislatura, subliñando que "non nos conformamos e queremos máis". Por outra parte, Pérez Varela calificou onte de "burla e desprezo a todos os galegos" que o aspirante á Presidencia da Xunta pola coalición dos socialistas, Abel Caballero, non renunciase aínda ó escano no Congreso. No mitin de Ourense, José Luis Baltar, despois de afirmar que coincidira no avión con Alfonso Guerra, engadiu que "case desexei que caese o avión".
Francisco Vázquez afirma que a coalición naceu "por patriotismo gallego". O alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, ampliou a ollada máis aló da súa cidade. "Mi Galicia, mi patria gallega, es la patria de los parados, de los jóvenes, de los que precisan de una sanidad y de una educación públicas. Porque esta coalición surgió del patriotismo", afirmou onte Vázquez no Pavillón de Riazor, na Coruña. O candidato socialista Abel Caballero resumiu as prioridades do seu programa de goberno: "primeiro é o emprego, despois o emprego, e de terceiro, emprego".
Beiras advirte ó PSOE que a súa paciencia ten un límite. Beiras pronunciou onte o seu penúltimo mitin da campaña, perante 5.000 persoas congregadas en Vigo. "Non precisamos que veña papaíto -en alusión a González e Aznar- a facernos o mitin, porque no BNG temos xente de sobra", comezou o seu discurso. O candidato nacionalista afirmou que o BNG está cansado de "tender a man" á coalición de Caballero para unha posible mudanza de Goberno tralas eleccións. "Perante tanta soberbia chegou o momento de dicir que van levar un pao monumental e que o BNG vai gañar estas eleccións" explicou. Beiras reuniuse tamén cos integrantes da Mesa do Leite, un encontro ó cal tamén asistiron o candidato Emilio López; Higinio Mougán, da Agaa, e Lidia Senra, portavoz do Sindicato Labrego Galego.

Fraga sobe o ton presidencialista da campaña ó anunciar que gobernará sen vicepresidente. O candidato á Presidencia da Xunta, Manuel Fraga, advertiu ós seus votantes que non se fíen das enquisas, aínda que todas indiquen que o PP revalidará a maioría absoluta. Nun mitin no Barco de Valdeorras ante 500 personas, Fraga fixo un chamamento a "rebasar a cota dos 800.000 votos" conseguidos en 1993. Por outra parte, Manuel Fraga tamén participou onte no Café de Redacción de La Voz de Galicia e anunciou que se gaña, "en principio" non nomeará vicepresidente no novo Goberno.
Caballero continúa descartando un Goberno de coalición co BNG. O candidato da Coalición Abel Caballero descarta gobernar co BNG despois do 19 de outubro. Caballero afirmou onte nunha entrevista concedida a El País que a relación coa forza nacionalista será estrictamente política. "Nós presentaremos proxectos no Parlamento, sobre a ESO, investimentos, etc, e eles verán se os apoian ou non", afirmou Caballero en referencia ó BNG. O candidato do PSOE mostrouse convencido de que tras estas eleccións "ninguén terá maiorías absolutas en Galicia, porque van ser derrotadas pola propia ineficacia dos que a tiveron ata agora".
Beiras fai un último chamamento ó PSOE a tres días das eleccións. "Eu volvo a tender a man ás forzas progresistas, aínda que me traben nela. E non o fago por simpatía ou afinidade, senón polos intereses deste país". O candidato do BNG á Presidencia da Xunta, Xosé Manuel Beiras, congregou onte a 1.800 persoas no mitin máis concorrido da comarca de Ferrol. Beiras asegurou que se Fraga é investido presidente da Xunta, "alguén terá que pagar as consecuencias e dende logo o BNG non vai a ser o responsable diso". Tamén se mostrou optimista en que, despois do 19-O, o BNG será a segunda forza política galega, "ó cal contribuíron os nosos méritos e a soberbia dalgúns".

Fraga fai un chamamento a encher de votos as urnas. A xornada de onte na axenda do candidato do PP á Presidencia da Xunta, Manuel Fraga, foi a habitual da campaña electoral. Inauguracións, visitas de obras, comidas con alcaldes e militantes, mitin en Vilalba e, finalmente, mitin en Lugo. Fraga insistiu en que "o día 19 hai que encher de votos as urnas ata que rebenten". Por outra parte, o ministro de Administracións Públicas, Mariano Rajoy, pediu o voto para os populares "en nome do Goberno de Aznar". Rajoy acusou ó BNG de pretender "devolver a Galicia á Idade Media porque non queren que entremos na Unión Europea".
Os verdes alemáns achéganse a Galicia para apoiar a Caballero. O candidato presidencial da coalición, Abel Caballero, achegouse onte a Vilaboa, onde o pobo está mostrando durante esta campaña a súa oposición á empacadora de lixo. A comitiva de Caballero estivo apoiada nesta xornada polos verdes alemáns coa presencia do seu portavoz, Otto Wolf, quen nunha mestura de español e portugués con acento teutón, asegurou que "a Xunta quere construír unha incineradora para dar proveito ós seus amigos".
"Se gaña o PP haberá ausencia de ideas e voracidade de poder", segundo Beiras. O candidato do BNG á Presidencia da Xunta, Xosé Manuel Beiras, mantén nunha entrevista publicada hoxe por El País que sería "terrible" que Fraga continuase gobernando nos próximos anos, xa que sería "unha lexislatura de desgoberno absoluto". En canto á posibilidade de chegar a acordos co PSOE, Beiras mantén que o seu partido xa tentou conversar deste asunto fai tempo, mais "dixéronnos que non querían saber nada". Beiras considera que a lóxica de actuación do PSOE "é disparatada. Á dirección agora só lle preocupa se hai sorpasso".

"O tema da sucesión está pechado ata o 2001", segundo Fraga. O candidato do PP á Presidencia da Xunta, Manuel Fraga, fixo onte unha nova tentativa de pechar o debate sobre a súa sucesión cunha sentencia tallante: "Nos próximos catro anos o tema da sucesión está pechado". O día anterior, o secretario xeral do PP en Galicia, José Cuiña, fixo unhas declaracións que desataron de novo as especulacións sobre o substituto de Fraga. "Hai tempo que tomei unha decisión. Estarei, se vostede quere, ata o final. E o final non é só o seu final, é o meu final", dixo Cuiña no mitin do domingo pola noite en Lalín.
A Coalición de Caballero denuncia a TVG por favorecer os populares. A coalición do PSdeG-PSOE, EU-EG, Os Verdes presentouse onte no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para denunciar ante a Xunta Electoral á Televisión Galega por "constantes censuras, manipulacións e trato favorable ó Partido Popular". O coordinador da campaña, Xosé Luis Méndez, baseouse no incumprimento reiterado do principio de neutralidade informativa por parte do director da RTVG, Francisco Campos. Por outra parte, Abel Caballero mostrouse onte en Lugo convencido de que Cuiña será quen goberne se gaña o PP, xa que aínda que Fraga prometese que el é o candidato, "a súa palabra está esgotada".
"Fraga ten psicose de oposición", segundo Beiras. No mitin que o BNG ofreceu onte en Vilagarcía e ante quen o presentaba coma o próximo presidente da Xunta, o candidato Xosé Manuel Beiras insistiu en "non pór o carro diante dos bois". Mais engadiu que "cada día que pasa se pon máis de manifesto que Fraga ten psicose de oposición". Tamén retou a audiencia arousá cunha pregunta: ¿Alguén escoitou a Fraga expor algunha idea, algunha directriz de goberno?. Beiras asegurou que a súa formación política se compromete a impedir o desmantelamento do estado do benestar en Galicia, no caso de que acceda ó Goberno da Xunta tralo 19-O.

Cuiña vincula o seu futuro ó de Fraga. O secretario xeral do Partido Popular galego, José Cuiña, prometeu onte que se retirará o mesmo día que o actual presidente da Xunta, Manuel Fraga. Nun mitin no Pavillón Municipal de Lalín, ó que asistiu o vicepresidente do Goberno, Francisco Álvarez Cascos, Fraga respondeu a Cuiña que "en ningún sitio e moito menos en Lalín ten que dar probas de lealdade".
O candidato á Presidencia da Xunta, Manuel Fraga, deu onte o discurso máis españolista da campaña. " Meus amigos -dixo-, hoxe é a festa nacional da nosa grande España. Cada unha das terras de España forma parte dun proxecto universal, dun proxecto que é a nosa grandeza. Unha, soa, grande España.." .
Caballero compara a súa Coalición coa das últimas eleccións francesas. O candidato á Presidencia da Xunta, Abel Caballero, mostrouse onte optimista en Rianxo e explicou que a súa coalición electoral é semellante á construída en Francia nas últimas eleccións en que advertiron ós socialistas que ían "escachar, pero ó final triunfaron".
Caballero indicou que o seu obxectivo é facer "o mesmo" que fixo Felipe González dende o 82 e engadiu que collerá unha "Galicia triste e atrasada". Caballero recriminou ó presidente do Goberno, José María Aznar, que viñese a Galicia e non explicase os investimentos na Comunidade Autónoma previstos nos orzamentos para 1998.
Beiras augurou que os "desfarrapados" haberán de pasar factura ó PP. Despois de Manuel Fraga calificar de "desfarrapados" a quen apoia o BNG, o candidato da forza nacionalista á Presidencia da Xunta, Xosé Manuel Beiras, afirmou onte en Ribadeo que "non se pode tratar de agredir no discurso a unha forza política desacreditando ós cidadáns; mais Fraga haberao de pagar".
O candidato do BNG pola provincia de Lugo, Alberte Rodríguez Feixoo, censurou tamén o presidente provincial do PP, Cacharro Pardo, ó indicar que "en Galicia témo-la mellor escola de caciques. Cacharro primeiro estréaos e logo sóltaos por aí".

Fraga prevé unha "malleira" á coalición de Caballero o 19-O. O candidato do PP á Presidencia da Xunta, Manuel Fraga, asegurou onte que o PSOE está nervioso e por iso "usan argumentos pintorescos, como a foto e que vén Aznar". Tamén dixo que o PP lles dará "unha malleira monumental como en anteriores eleccións". Por outra parte e en relación ás declaracións de Alfonso Guerra, Fraga calificou de "mesquindade" as acusacións do ex-vicesecretario do PSOE de que o PP recibe apoios do narcotráfico.
A partir de hoxe e coa chegada de Aznar a Galicia, comeza un novo desembarco de altos cargos do PP na campaña electoral. Durante a fin de semana, estarán presentes, ademais de Aznar, Romay Beccaría, Isabel Tocino, Rodrigo Rato, etc.
A Coalición de Caballero mantén que o PP controla prensa, radio e televisión. A coalición electoral que encabeza Caballero intentará superar o "muro mediático" coa transmisión de ideas boca a boca. Quere que os seus simpatizantes se convertan en axentes electorais. A coalición entende que as verdades sobre o atraso, o paro e o desencanto dos galegos non se transmiten. A súa conclusión é que a xente vota ó PP porque non sabe que esta "terra desanimada" continúa á cola de España.
Por outra parte, o secretario xeral do PSOE galego, Francisco Vázquez, reclamou onte a intervención de oficio da Xunta Electoral para que faga cumprir a lei "nunha campaña que está resultando fraudulenta" polo uso que, ó seu xuízo, realizan o PP e a Xunta de Galicia da televisión pública galega.
Beiras cre que a posición do PSOE sobre pactos pode favorecer ó PP . Para o candidato do BNG á Presidencia da Xunta, Xosé Manuel Beiras, a tese sobre a necesidade dun acordo político, sempre que o PP non acade a maioría absoluta, enfróntase á negativa da coalición de Caballero de non falar do tema ata o día da investidura. Ó longo da campaña o candidato do BNG lanzou numerosas ofertas ó PSOE para pactar tralo 19-O. Para Beiras, a negativa do PSOE pode favorecer o PP se cala no electorado como un obstáculo para acabar coa maioría absoluta.
Por outra parte, Beiras reivindicou onte a xestión económica e financeira plena para Galicia como garante da autonomía política. Calificou de "perpetuo" o modelo de financiamento autonómico do PP.
Informacións anteriores ó 10 de outubro 1997
Volver á portada | Galicia e o seu parlamento | 19-O e outras eleccións | Partidos, líderes e programas | Colaboracións