
|
|
| Entrevista con XOSÉ DÍAZ Candidato do Bloque Nacionalista Galego pola comarca de Ferrol. Periodistas que interviñeron: Beatriz Picos e Xosé R. Ferreiro. O BNG non tenta acadar os votos dos emigrantes galegos, ¿iso débese á falta de recursos ou ó pouco interese na situación dos emigrantes? Xosé Díaz: O BNG ultimamente estase comunicando cada vez de forma máis intensiva coa emigración galega. Hai un compañeiro que é responsable destas tarefas. Recentemente, Beiras fixo unha serie de viaxes por América Latina. De todas formas, é un asunto en que aínda estamos afondando. O BNG, se chega ó Goberno, vai potenciar a conexión de Galicia como país cos galegos que temos no exterior, de tal maneira que o máis importante vai ser o plano de desenvolvemento económico que o BNG presenta como obxectivo fundamental e no que a criación de emprego é un dos obxectivos básicos dentro o obxectivo primario de mellorar o benestar dos galegos e galegas. ¿Que valor lle dá ás enquisas que están publicando os medios de comunicación? X.D.: Eu como economista valoro moito as técnicas estatísticas, econométricas, de análise multivariante. Pero naturalmente sei que as enquisas non son neutrais e as enquisas dos diferentes xornais obedecen todas a determinados intereses. A do Correo é a enquisa do PP, a da Voz é a enquisa de Vázquez. Aínda así, o barómetro do CIS deste verán indica que o BNG é a forza política máis ascendente electoralmente en todo o Estado. De tal maneira, que nestes momentos obteriamos grupo parlamentario nas Cortes, situándonos mesmo por enriba do PNV. E incluso todas as enquisas dos xornais galegos teñen unha parte común: tanto o PP coma o PSOE baixan e todo o que eles perden gánao o BNG. De todas maneiras, insisto en que esas enquisas pretenden condicionar o voto dos galegos e das galegas nunhas direccións determinadas. E lembro que as próximas eleccións son o día 19, e esa é a enquisa real. ¿En que aspectos faría fincapé o BNG para reactivar a situación económica de Galicia? X.D.: En primeiro lugar, reestructurar os departamentos da Xunta dunha maneira racional de acordo cunha realidade económica do país, facendo unha consellería de economía e desenvolvemento económico. En segundo lugar impulsará medidas para dispoñer de medios financeiros que fagan posible o desenvolvemento económico: creación do Instituto de Crédito Galego, modificación da Lei das caixas de aforro para que os seus recursos sexan utilizados de forma prioritaria no país e reestructuración das enerxías de reservas; creación dunha bolsa de valores, reivindicación esta do empresariado máis dinámico do país, resetructuración das institucións dedicadas á promoción territorial e empresarial (SODIGA,INESGA e IGAPE). E logo, establecerá unha multitude de pequenas axudas públicas, de fondos procedentes da Unión Europea, do Estado ou da Xunta; centralizariámolos nunha única dirección para racionalizarmos o seu uso, facéndoos selectivos para que teñan eficacia na creación de emprego. ¿Que posibilidades teñen os asteleiros galegos segundo o BNG? X.D.: O sector naval é un dos sectores básicos da economía galega. Hai que distinguir do que son os grandes asteleiros localizados en Ferrolterra, dos pequenos e medianos localizados en Vigo. No primeiro caso , o BNG defende a creación dun complexo integral de construcción naval. No segundo caso, de cara a mellorar a súa eficacia e dado quehai que acceder ó mercado internacional, propoñemos unha unión destas pequenas e medianas empresas, respectando a individualidade de cada unha, para poderen integrarse neste mercado e afrontar os fortes investimentos deste sector... econseguir así unha mellora tecnolóica e das condicións dos traballadores. ¿Que diferencias existen entre o BNG e o resto das forzas políticas? X.D.: O BNG explicou e explica a realidade galega do país mentres que as forzas estatais pretenden ocultala. Iso mesmo vemos nos carteis de Fraga e Beiras. Beiras se presenta tal cal é. En cambio, Fraga, cada vez que o miro, corro a ver o calendario, porque me dá a impresión de que aínda estou na clandestinidade. Tanto se mente sobre este país que incluso o deseñador da campaña do PP di que trata de transmitir o espírito de Fraga. Así, resulta que estamos gobernados por un espírito. Nos orzamentos do Estado para Galicia para 1998, Aznar pasa de espíritos. É por iso que Fraga ten un comportamento antidemocrático e négase a un debate co resto das forzas políticas. ¿Admitiría o electorado do BNG un pacto coa coalición de Caballero? X.D.: Nas situacións normais, estariamos nunha situación. Se o PP quita a maioría absoluta, non hai nada que facer; se non a consegue, debúxanse tres escenarios: que o BNG quede como segunda forza, a posición desta forza é que hai que botar a Fraga democracticamente do poder. O electorado progresista vería con bos ollos unha pacto que votase a Fraga o poder. Se o PSOE é a segunda forza, podería ocorrer o mesmo que antes pero sempre sobre a base dun programa de goberno. Habería unha terceira hipótese que é que se o PP fica moi perto da maioría absoluta, a Francisco Vázquez poderíaselle ocorrer deixar a Fraga gobernar en minoría. ¿Por que Xosé Díaz sempre fala de Francisco Vázquez cando se refire ó PSOE? ¿Manda máis que outros deste partido? X.D.: Francisco Vázquez debe de mandar como duascentas veces máis que Caballero. Abel Caballero é só un instrumento de Francisco Vázquez. ¿Que opina do fenómeno de despoboamento en Galicia? XD: No período 90 -96 diminúe a poboación en Galicia en 51.000 persoas, a pesar do fenómeno de incorporación da muller no mercado de traballo. Neste período perdemos en Galicia 118.400 empregos, o que significa que a taxa de ocupación galega é do 39,6%. Esto significa que de cada ocupado depende duás personas e media en idade de traballar, o que reflicte o fracaso de Fraga dirixindo o país, e sobre todo están restrinxindo o futuro de Galicia a medio prazo. Se agora somos unha zona marxinada, axiña podemos pasar a ser unha zona excluída. Fraga, á marxe da súa idade, nos parece que non está en condicións intelectuais para afrontar o plano para que este país se incorpore a un mundo de rápidos cambios. |