Vieiros

Vieiros de meu (ou rexistrate)

Eleccións Galiza 2009

ir á portada do especial
Galiza2009

PSdeG: Da ambición da hexemonía ao conformismo da continuidade

Os socialistas concentran na imaxe de Touriño a súa estratexia de campaña, chamado a ser gran vencedor ou gran derrotado segundo os electores decidan o 1M. A aspiración de ser primeira forza deixa paso na estratexia socialista á loita por consolidar o espazo gañado en 2005.

Roberto Noguerol - 12:00 04/02/2009
Tags:

Espazos de poder
No Parlamento: 25 deputados
Nos concellos: 101 alcaldes e 1.116 concelleiros 
Nas deputacións: goberno conxunto co Bloque nas demarcacións provinciais d'A Coruña e Lugo 
No Congreso: 169 deputados (elixidos por Galiza: 10 deputados) 
No Senado: 115 senadores (elixidos por Galiza: 5 senadores, un deles por designación do Parlamento)





No medio da euforia do poder, e co incremento continuo de apoios en cada cita coas urnas, membros da dirección dos socialistas galegos teñen confesado a súa convicción de que o PSdeG-PSOE puidese dar no curto prazo o salto á condición de primeira forza política en Galiza. A propia cita coas xerais en marzo do ano pasado deixaba os socialistas a tiro de pedra do PP e máis convencidos ca nunca de seren capaces de disputarlle esa condición aos populares.

Pero o optimismo sen cancelas topa este 1M cun escenario ben distinto. Dunha banda o diferente comportamento electoral dos cidadáns á hora de repartiren apoios cando a decisión se restrinxe a Galiza, e doutro a fonda crise económica que inxecta pesimismo en grandes doses no día a día dos electores. Por iso, e á luz das últimas enquisas, públicas e internas, tal proclama deixou de aparecer agora nos discursos do partido, resignado nesta fin de lexislatura a aparcar ese asalto á hexemonía na procura da consolidación da cota xa gañada hai catro anos cando a ilusión do cambio contribuía case gratis a arrastrar os electores até as urnas.

Explorando a vía do presidencialismo
Vender "presidente" é a máxima do PSdeG-PSOE para esta cita coas urnas. Espremer ao estremo esa referencia presidencial como instrumento prioritario á hora de venderlle ao electorado a acción de goberno fora xa ao longo da lexislatura unha teima do partido. Exemplo claro veu sendo a insistencia dos conselleiros socialistas en subliñar nas súas intervencións públicas a coletilla "o goberno de Emilio Pérez Touriño", sen agardaren reciprocidade ningunha por parte do presidente que a miúdo evitaba personalizar nos conselleiros as referencias dos seus discursos , renunciando á imaxe de equipo en beneficio da aureola e o paternalismo presidencial que tan ben parecera render durante os 16 anos de Fraga no temón xunteiro.

A estratexia ten dobre beneficio. Se sae ben, e o PSdeG marca un avance importante nas urnas, os socialistas poderán gabarse do achado dun inédito "efecto Touriño" a xeito de sucedáneo da marca ZP que tanto recoñecido beneficio lles ten reportado aos socialistas en Galiza. Ora ben, se sae mal e o marzal chega cun re-cambio de goberno en beneficio do PP, a crise posterior terá tamén unha simple e inapelábel resolución: o cento por cento da responsabilidade nese hipotético estremo será ben doado de atribuírlla ao propio presidente saínte. Un término medio aparece nun eventual resultado onde a suma facilite a repetición do bipartito pero con reforzo principal para os socios nacionalistas. Un escenario que erosionaría en gran medida esa imaxe presidencial coidadosamente construída e nomeadamente a tranquilidade concedida ao actual líder por unhas bases non pouco críticas con algunhas das decisións internas.

Tirapuxas nas listas resoltos con axilidade
A aposta por independentes sen pedigree de anos curtíndose na batalla interna e externa do PSdeG, foi unha das principais causas de tensión do touriñismo coas estruturas do partido durante este tempo. Nesa loita converteuse en paradigma a figura de María Xosé Caride, prototipo do desembarco tenso nos mares socialistas e a quen o seu ex profesor universitario Emilio Pérez Touriño lle concedía un dos máis apetecíbeis caramelos de poder. Malia sacar axiña o carné e entrar, a través do último congreso dos socialistas, no aparato do partido, Caride segue sendo vista con receo e así llo explicitaron as asembleas locais ao secretario xeral co recente pulso na elaboración das listas para o 1M.

Que ese tirapuxa fose na circunscrición pontevedresa é tanto máis problemático, xa que o propio Touriño escolleu liderar a lista por esa provincia, onde unha presa de votos mantivo no PP o poder da deputación e onde semellan manter maior fortaleza os de Feijoo. Nese ámbito, os socialistas chegan tamén cunha pedra no zapato, causada polo fracaso da aposta municipal por Abel Caballero, quen obtivo a alcaldía polo pelo dun carneiro sen conseguir, unha vez máis, converter a maior cidade do país no motor de ilusión electoral que todas as formacións pretenden. A incerteza é tamén grande noutros puntos do eixo atlántico: co retiro vaticano do vazquismo na cidade herculina os socialistas viven un tirapuxa entre o alcalde Losada e Moreda, aspirante a barón de referencia na provincia. Na capital compostelá, o PP lambeu o poder municipal e volveu saír reforzado nos comicios xerais, e en Ferrol a esperanza Irisarri xerou dúbidas cunha precoz crise do goberno local.

Mentres, os temores sobre a capacidade de xerar a mobilización necesaria no contorno urbano viron nacer un inesperado centro de inestabilidade na cidade de Lugo, onde a era Orozco pasou a esmorecer como valor de referencia. Con todo, o escenario na provincia é ben diferente, xa que os socialistas lugueses amosaron durante épocas recentes un músculo ben máis consolidado que en calquera outra circunscrición, pilotados polo agora vicesecretario xeral do partido, Ricardo Varela, coa sombra do tamén lugués Xosé Blanco na distancia de Madrid. E en Ourense, o carballiñés Manuel Vázquez vive un momento de poder máximo no socialismo provincial, con aplausos congresuais dalgúns decibelios máis que Touriño e aspirando a meter na saca electoral todo o posíbel da decrecente baronía baltarista na provincia.


2,8/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:


Os programas

Administración pública: inercias e urxencias dun xigante

Os principais grupos políticos teñen a convicción da necesidade dunha nova lei de función pública, malia que difiren na concreción. No medio, o PP pretende suprimir para os funcionarios a obrigatoriedade de coñecer o galego.