Vieiros

Vieiros de meu (ou rexistrate)

Eleccións Galiza 2009

ir á portada do especial
Galiza2009

BNG: aprendendo a rendabilizar o poder

"A única incógnita é saber canto vai subir o BNG", teima Anxo Quintana estes días en mitins diversos. Todo o que non sexa un aumento de apoios non entra nos prognósticos dos nacionalistas.

Roberto Noguerol - 12:00 04/02/2009
Tags:

Espazos de poder
No Parlamento: 13 deputados
Nos concellos: 661 concelleiros, 33 alcaldías de municipios e participación no goberno doutros 37 concellos
Nas deputacións: vicepresidencias nos gobernos conxuntos cos socialistas nos entes provinciais d'A Coruña e Lugo
No Congreso: 2 deputados
No Senado: 1 senador elixido por designación parlamentaria  





Arredor de 311 mil votos e 13 escanos. Velaí o punto de partida, xuño de 2005, o listón para o que o BNG quentou músculo durante case catro anos co obxectivo de ser capaz de chimpar por riba nesta cita de 2009. Tal é a aspiración declarada polos nacionalistas para o 1M que, nese camiño, vense co optimismo de poderen choutar todo o posíbel ás cifras de 2001, 346 mil votos. Con todo, o Bloque xa experimentou antes outros aumentos de apoio nas urnas que, na medida en que o sistema electoral non os fixo render o que se esperaba (lembremos o exemplo das xerais de 2000), quedaron en sensación de fracaso. Por iso, é ben certo que se ese prometido avance non se vise traducido na práctica nun aumento de escanos, o éxito da colleita cobraría a forma da frustración.

Xa que logo, nesa arela do nacionalismo por gañar peso parlamentario, á luz das inercias municipais que o BNG agarda explotar cara a este 1M, contan con cifras prometedoras nas circunscricións de Ourense e Pontevedra. Eses aparecían como os recantos onde máis probábel sería que unha hipotética erosión da hexemonía do PP caese en forma de escano extra no caladoiro nacionalista. A máis recente sondaxe coñecida ofrece outra novidade para os intereses do Bloque: o PSOE parecería perder fol e ter marcado teito na provincia de Lugo, e o beneficio dos electores iría firme en dirección ao nacionalismo. Paradoxalmente, a area política coruñesa, onde o propio líder da formación encabezará a lista, rendería menor beneficio comparativo que o resto. No plano das dúbidas, a relativización dos prognósticos chama a advertir que no caso da provincia de Ourense, o BNG vén saíndo das urnas sempre con menor premio do que lle prognosticaban as enquisas. Mentres, en Pontevedra o agoiro do abstencionismo aparece a un mes da campaña maior do que noutros campos, e PSOE e PP concentran nesta provincia a súa maior batalla cos respectivos líderes á fronte.

A campaña mira cara ás vilas
Nesa pelexa, o Bloque concentrou a munición electoral fóra das sete cidades, confiado en que a máis factíbel saca onde furar apoios está no contorno do rural, aló onde as propias redes tecidas polos populares máis significativamente amosaron erosionárense. Nesa tarefa, os nacionalistas aspiran a que renda beneficio a propia consolidación do traballo nas esferas municipais, que amosou unha certa tendencia á fidelización nas últimas citas coas urnas. E á vez, contan con que a práctica do goberno na Xunta turre á vez da confianza cidadá. A maior proxección que en termos de imaxe conseguiron os conselleiros nacionalistas, co vicepresidente á fronte, axudaríalles nese desafío.

Semella que a estratexia do BNG se baseará así na intención de seguir espremendo o potencial electoral que a formación colleitou nos concellos medios. Exemplo posíbel, en 2005 o BNG perdeu máis de 10 mil votos en toda a provincia da Coruña, e arredor da metade dos apoios marcharon en Ferrolterra onde, paradoxalmente, os nacionalistas apenas fixeron esforzo por recompoñer a feble situación da formación. Máis ambicioso aspira a ser o Bloque no outro estremo da autoestrada, no contorno de Vigo, onde hai catro anos comarcas como o Morrazo parcheaban en parte a caída na cidade olívica, e onde agora o Bloque aspira a dar máis batalla.

Activar as bases
A ameaza do abstencionismo, presente para todas as formacións, e máis especialmente para os socios no poder, fronte a un PP a quen lle ten seducido esa apelación indirecta á desmobilización cidadá, é unha preocupación aínda maior para o Bloque. Acostumados a viaxar con comodidade á beira de colectivos, campañas e causas sociais diversas, as incapacidades diplomáticas e estratéxicas do núcleo executivo da formación política, unidas a un exercicio do poder que veu acompañado de decisións moi contestadas por algúns sectores da cidadanía, afastaron a marca BNG desa sedutora aureola que tanto crédito lle concedera en ocasións anteriores.

Unha situación que ten non pouco que ver coa propia rivalidade interna das correntes e partidos do BNG, acostumadas a miúdo a ventilaren en público os desacordos internos, e que tivo na confección recente das listas para o 1M os máis graves puntos de fricción. Uns enfrontamentos acompañados de tensas pelexas en contornos sociais próximos, como é o caso da propia CIG ou do SLG. Fendas que poñen en cuestión a capacidade dos nacionalistas de aparcaren as diferencias en tempo de eleccións e activárense en trasladar o impulso de traballo cara á sociedade.


4,1/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:


Os programas

Administración pública: inercias e urxencias dun xigante

Os principais grupos políticos teñen a convicción da necesidade dunha nova lei de función pública, malia que difiren na concreción. No medio, o PP pretende suprimir para os funcionarios a obrigatoriedade de coñecer o galego.