Vieiros

Vieiros de meu (ou rexistrate)

Eleccións Galiza 2009

ir á portada do especial
Galiza2009

Esquerda Unida: Eivada de saída

Hai catro anos obtiveron o 0,75% dos votos. A súa mellor marca foi o 3,09% de 1993. En 1992 Fraga subiu o límite electoral do 3% ao 5%. PSdeG e BNG prometeran a reforma; non puido ser.

Fernando Arrizado - 12:00 04/02/2009
Tags:

Espazos de poder
No Congreso: 2 deputados

Nos municipios: 14 concelleiros
en Galiza


En 1992, o Goberno de Manuel Fraga modifica a Lei Electoral galega de 1985 co fin de elevar o límite provincial mínimo para acadar representación do 3% ao 5%. A medida, unha das máis restritivas de todo o Estado, é posíbel grazas a maioría absoluta do PPdeG no Parlamento.

Dende PSdeG, BNG e outras formacións políticas da esquerda -e da dereita, como Coalición Galega- cualifícano de antidemocrático. Socialistas e nacionalistas, xa en 2005, aportan na Xunta coa promesa de volver baixar o límite, mais adíano finalmente, argumentando que chegará da man do novo Estatuto. Porén, a reforma estatutaria por diversos motivos fica aparcada nesta lexislatura.

As reticencias do bipartito, levan a Esquerda Unida (EU) a o intentar pola vía da iniciativa lexislativa popular. Era mediados do pasado mes de abril. Tres semanas máis tarde, topaban co veto da Mesa do Parlamento que, ao igual que o Goberno, consideraba que a reforma afectaba directamente ao "desenvolvemento básico do Estatuto de Autonomía".

Con estes vimbios, o cesto de Esquerda Unida (EU) vai ser á forza pequeno. E se o pretende agrandar, moitos dos seus posíbeis novos votos hanse colar irremediabelmente polo burato do 2% que separa o límite electoral vixente do arelado. Nesta carreira electoral, ao igual que outras forzas representantes dunha importante porcentaxe da cidadanía galega, EU compite eivada de saída.

Obxectivo: votantes de esquerda, decepcionados co Goberno
Fóra eivas, a única muller candidata a presidir a Xunta e cabeza de lista da formación, Iolanda Díaz, está disposta a dar batalla. Recoñece que moitos votantes optarían por EU se percibisen que ten máis posibilidades de obter representación, mais confía en que a "decepcionante" actuación do bipartito leve a moitos votantes de esquerdas a lles dar unha oportunidade aos seus.

As críticas máis contundentes contra o Goberno de PSdeG e BNG céntranse nos "atentados ecolóxicos" desta lexislatura. Salientan o incumprimento do compromiso de retirar ENCE da ría de Pontevedra; que se recorresen no Tribunal Supremo dúas sentenzas do TSXG contra Reganosa; que se aprobase a 'Sogama do sur' en Ribadavia; ou que se permitise unha Lei da Minaría insustentábel ambientalmente.  
Tamén, censuran a política de privatización nos servizos de benestar social, e a "falta de valentía" do ao respecto da lingua. EU -que aposta polo "plurigüismo nacional", isto é, ademais da aprendizaxe de galego, castelán e inglés ou francés, a de portugués, catalán e éuscaro- considera que "moitos nacionalistas deste país sentíronse defraudados polo BNG" nesta lexislatura.

"Se tivésemos un só deputado cambiarían moitas cousas", afirmou hai poucos días Díaz. Segundo as estimacións que manexan, as súas mellores bazas pasan por ela mesma, na provincia da Coruña, e por Carlos Portomeñe, secretario xeral do Partido Comunista de Galiza e cabeza de lista por Lugo.


3.64/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: