|
Nodo local en Vilagarcía sen avisar
Mércores, 3 febreiro-99 Telefónica
nunca deixa de sorprender, pero nesta ocasión os máis
asombrados foron os internautas da Arousa, cando se decataron de que
había nodo local de Infovía Plus en Vilagarcía.
A primeira operadora puxo a funcionar o nodo sen avisar a
ninguén e publicándoo soamente aquí,
na lista de números da súa web. Polo tanto, as
consecuencias son previsibles: a maioría dos usuarios seguiron
conectándose polo 901 (que seguía operativo, pero a
unhas 2.500 pesetas a hora) e rematáronse dándose conta
ao chegarlles a factura de teléfono. Para os máis
despistados, agora quedan avisados: 986 396 000 é o
número que deben marcar.
Multa de 580 millóns a
Telefonica
Mércores, 3 febreiro-99 O Tribunal de Defensa da
Competencia multou onte a Telefonica
co pagamento de 580 millóns de pesetas por abuso de
posición dominante. A primeira operadora discriminou ao seu
rival BT e actuaou de xeito
"predatorio" no mercado. Segundo a denunciou a operadora
británica, Telefonica incumpría dende 1993 artigos da
Lei de Defensa da Competencia e o Tratado da CEE ao "aplicar a BT
prezos distintos aos oficiais polo aluguer de liñas e
circuítos de comunicación só por ser un
competidor, ademais de ofrecer aos seus clientes eses mesmos
servicios con descontos para obstruir a competencia de BT".
Telefonica anunciou que recorrerá o dictame.
Infovía Plus segue
fallando...
Martes, 26 xaneiro-99 Onte pola tarde os usuarios de
Infovía
Plus non puideron conectarse de novo. Houbo un colapso nas
liñas e as conexións caeron. Isto sen contar a
lentitude da rede, queixa abandeirada da maioría dos
internautas. Sen embargo, e para parar as avalanchas de
críticas, Telefónica acaba de anunciar que pode
solicitarse gratuitamente (chamando ao 1004) a facturación
detallada das chamadas á nova rede de acceso e,
consecuentemente, poderá ser posible saber cantas foron
fallidas. Ata o de agora, había que pagar un suplemento de 500
pesetas para saber ao detalle as chamadas locais, nas que se
inclúen as feitas aos nodos locais de Infovía Plus.
"Flibusteirismo" contra Infovía
Plus...
Luns, 25 xaneiro-99 A revista en liña Çopyright
vén de publicar un comunicado
no que anima aos internautas a practicar o "flibusteirismo" contra
Infovía Plus. Segundo se explica nesta web, esta é unha
táctica empregada en certos parlamentos para impedir a
aprobación de leis e que consiste no mantemento
lexítimo do turno de palabra na palestra ata que expire o
prazo legal para a aprobación da lei. Xa que logo, esta web
recomenda que en caso de chamadas fallidas ou conexións
lentas... hai que pasar á acción: chamar aos
números gratuítos de Telefónica, explicar os
termos da protesta (e estendela o maior tempo posible), solicitar o
rexistro da reclamación e unha resposta por escrito pola
súa anda, e pedir falar con empregados de maior
xerarquía na operadora ata obter unha explicación
satisfactoria. E, finalmente, solicitar a devolución do
importe das chamadas fallidas a Infovía.
Todos temen Infovía Plus
Fin de semana, 15, 16 e 17 xaneiro-99 O domingo 17 vai ser
moi probablemente un día negro para os e as internautas:
desaparece definitivamente a vella Infovía e o 055 para abrir
paso a Infovía Plus, que aínda está a causar
grandes problemas a usuarios e proveedores. Unha boa porcertanxe de
internautas segue sen poder conectarse ao novo sistema, xa que
presenta serios problemas de infraestructura, segundo as empresas
proveedoras galegas. Corevia,
por exemplo, afirma que os nodos locais funcionan mal e non son quen
de dar abasto á demanda. Este proveedor santiagués
conta que nos últimos días recibiron milleiros de
queixas dos seus clientes por erros na conexión, perdas de
paquetes, etc. O mesmo apuntan os de Cesatel
(A Coruña), que aseguran que o novo sistema non mellora en
absoluto a vella Infovía, e os de Cif&Net
(Ferrol), que falan de "catástrofe". Critican a
Telefónica por non daren información e por lle botar
aos proveedores tódalas culpas, ademais de desmantelar
Infovía sen avisar. Dende o proveedor ferrolá
afírmase que os usuarios de RDSI quedan enganchados e que a
nova rede aínda non está preparada. O cambio a
Infovía Plus é aínda máis complicado para
os usuarios de Mac, pero agora Telefónica ofrece un script de
conexión na súa web. Máis? Telefónica
cobra indebidamente as chamadas do Plan Primanet -ademais das
fallidas-, segundo denuncia a Asociación de Internautas.
Corte nas comunicacións con EEUU e
Europa
Mércores, 13 xaneiro-99 Onte, martes 12 de xaneiro,
produciuse un "corte accidental da mangueira de comunicacións
de fibra óptica por obras na Nacional I", segundo Telefónica
Transmisión de Datos, que impediu durante unhas cinco
horas establecer comunicacións internacionais con Estados
Unidos e Europa. Polo tanto, aqueles internautas que tentaran acceder
a servidores de fóra do Estado español non puideron
conseguilo na tarde de onte. E seguen tamén a producirse
problemas debido á migración de usuarios cara a
Infovía Plus, xa que este novo sistema aínda é
inestable a falta de catro días para a eliminación
definitiva do acceso pola vella Infovía.
Infovía Plus segue dando
problemas
Martes, 12 xaneiro-99 A somentes cinco días da
desaparición do acceso a Internet pola vella Infovía, o
novo sistema, Infovía Plus, segue a dar problemas en case
tódolos nodos do Estado. Telefónica xa puxo en marcha a
operación de desmantelamento do 055 sen que o novo servicio
estea completamente operativo. A pasada fin de semana foi negra para
os internautas da Coruña e Santiago, que non puideron acceder
a Internet por ningún dos dous sistemas, segundo informou o
proveedor coruñés Cesatel. Onte luns e hoxe mesmo
estánse a producir problemas nos accesos, sobre todo dende o
nodo de Santiago. Telefónica está a pechar o 055 para
que os internautas emigren definitivamente cara Infovía Plus
antes do domingo 17 de xaneiro, pero tanto servidores coma usuarios
dubidan do bo funcionamento e da calidade do novo sistema.
Telefónica ofrece un servicio de información de balde,
900 500 055, no que aseguran que Infovía Plus funciona
perfectamente.
Infovía Plus segue dando
problemas
Mércores, 23-decembro-98 Infovía Plus e a
nova rede IP de Telefónica seguen dando problemas. Segundo
recoñeceu a propia operadora, a menos dun mes da
desaparición de Infovía só o 26% dos usuarios
desta se cambiaron ao novo sistema de acceso a Internet. Esta
porcentaxe é a todas luces insuficiente e prevé novos
problemas de cara ao cambio definitivo. Malia que Telefónica
culpa á falta de información dos internautas e dos
servidores, o certo é que Infovía Plus segue sen
funcionar ben. En Galicia, por exemplo, o seu éxito é
dispar: se o nodo de Ferrol traballa perfectamente, o de Santiago
é un desastre. Veremos que pasa o 17 de xaneiro, data na que
expira o servicio 055 de Infovía ao que aínda se
acollen a maioría dos internautas.
Infovía Plus pode ser máis
cara
Luns, 30-novembro-98 A entrada en funcionamento de
Infovía Plus é a grande incógnita do acceso a
Internet no Estado. Se o xoves pasado se aprazou a súa entrada
en vigor ata o 11 de xaneiro, agora a dúbida está nos
prezos. Segundo confirmou este medio, os usuarios de Infovía
Plus que non posúan acceso a nodo local (en Galicia nas sete
cidades e a súa área metropolitana), terán que
pagar máis. A razón é a seguinte: estes usuarios
deberán conectarse a través do número 901 505
505, que en principio Telefónica dixo que se pagaría
como chamada metropolitana. O que non explicou esta operadora
é que teñen un problema legal, que aínda non
recoñecen publicamente, polo que non poden aplicar os
descontos do Plan Primanet a este número, xa que non é
unha chamada local e iso daríalle vantaxe a Telefónica
con respecto ás outras operadoras, cousa que o Ministerio de
Fomento non pode permitir. Este problema, de non solucionarse,
afectaría sobre todo a Galicia, onde a poboación
está moi espallada e os usuarios que se conectasen sen nodo
local non terían ese 30% de desconto do Plan Primanet.
Aprázase a entrada de Infovía
Plus
Fin de semana, 27, 28 e 29-novembro-98 A Comisión
do Mercado das Telecomunicacións confirmou onte un rumor
que corría de boca en boca dos usuarios: o aprazamento da
entrada da nova rede IP de Telefónica, Infovía Plus,
para o 11 de xaneiro. Isto quere dicir que continuará estando
operativo o servicio 055 da vella Infovía, debido aos
problemas de inestabilidade do novo sistema. Esta decisión
vén adoptada pola protesta dos proveedores, que prevían
un caos na rede de non aprazar esta entrada, que estaba prevista para
o 1 de decembro. Este sector da comunidade internauta está moi
molestopolo trato que lle dá Telefónica ao acusalos do
fracaso de Infovía Plus. Ademais, as ISPs vense ameazadas pola
chegada das operadoras de cabo e os anuncios de Telefónica, BT
e Retevisión, que van regalar o acceso a Internet, co que
só poderían sobrevivir aqueles proveedores que deran
servicios de valor engadido. Como consecuencia das
difícilesrelacións con Telefónica, estas
empresas están a plantexarse medidas de presión contra
a operadora e realizar unha páxina web conxunta coas
queixas.
Nodo local tamén en
Ferrol
Xoves, 5 novembro-98 Se onte informabamos que os novos
servicios de Infovía Plus xa chegaban a toda Galicia, hoxe a
noticia é que Ferrol tamén ten un nodo local. A partir
de agora os internautas da súa área metropolitana
terán que marcar o número 981 335 000 para acceder a
Internet. Nunha noticia de onte informabamos dos números de
cada cidade galega, pero para aqueles que teñan dúbidas
poden averigualo aquí escribindo o seu número de
teléfono.
Infovía xa cubre toda
Galicia
Mércores, 4 novembro-98 Os nodos de acceso a
Infovía
Plus xa están operativos en toda Galicia. A partir de
hoxe, 4 de novembro, aquelas poboacións que non teñan
nodo local han de chamar ao número 901 505 055 (en lugar de ao
055) para conectarse á rede. Este número garantiza o
acceso á Rede IP de Telefónica con tarifa
metropolitana. Esta compañía instalou 71 nodos locais
en todo o Estado, dos cales 6 están en Galicia. Apunten os
números das cidades con nodo propio:
A Coruña: 981 165 000
Lugo: 982 286 000
Ourense: 988 379 000
Pontevedra: 986 777 000
Santiago: 981 529 000
Vigo: 986 396 000
Telefónica paga "ás agachadas" as
chamadas fallidas
Xoves, 8-outubro-98 Segundo un lector de Vieiros, chamando
ao número 1004 de Telefónica
para reclamar as conexións fallidas ao 055 de Infovía,
alí informárono de como reclamar. Cando chega a factura
das chamadas, o usuario calcula o prezo das fallidas, chma ao 1004,
dá os seus datos e Telefónica abonará o importe,
"alomenos a primeira vez", segundo a persoa que o atendeu. Así
que propoñemos aos nosos lectores que fagan o mesmo para que
Telefónica devolva os 2.500 millóns que gaña
cada ano cobrando estas chamadas. Lembramos que a OCU denunciou hai
unhas semanas á operadora por este feito.
Telefónica presenta as redes
IP
Fin de semana, 25, 26 e 27-setembro-98 Telefónica
presentará o vindeiro luns nos Hostal dos Reis
Católicos en Santiago a nova rede IP de telefonía para
as empresas galegas. A primeira operadora conta con nodos locais na
Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo. Paralelamente, unha
empresa galega, Aica, ofrecerá servicios de telefonía a
través da rede, convertendo datos en voz. Tamen a
compañía Pasum, con delegación en Vigo, pensa
comercializar en Galicia a rede G-Matix cos mesmos servicios, que
posúe 28 nodos en todo o Estado.
Denuncian a Telefónica por
fraude
Mércores, 23-setembro-98 A Organización de
Consumidores e Usuarios (OCU) denunciou a Telefónica por
cobrar as chamadas fallidas a Infovía, ó que se accede
chamando ó 055. Segundo un estudio desta asociación,
cada usuario ten uns 10 intentos fallidos ó mes por 11,4
pesetas, o que supón máis de vinte pesos que ha de
pagar por un erro de Telefónica. Isto suponlle a esta
operadora un ingreso anual de máis de 2.000 millóns de
pesetas.
Infovía Plus en Vigo e na
Coruña
Martes, 01-setembro-98 Setembro comeza con noticias para os
galegos conectados a Infovía. Telefónica vén de
instalar esta semana nodos locais de acceso a Infovía Plus en
Vigo e na Coruña, lanzando así os seus novos servicios
IP. Antes de finais de ano tamén o fará Santiago e
Ferrol. Telefónica ten previsto poñer 152 en todo o
Estado español. Aquelas poboacións que queden
fóra de cobertura terán que chamar a un número
do tipo 901 5XX XXX, que contabilizará como unha chamada
local. Así, a partir do 1 de decembro deixará de
funcionar o servicio 055. Para consultar os números de acceso
e máis información, premer aquí. |