|
Ao parecer o problema de Infovía Plus é un
problema de infraestructuras. O principal hándicap
é que a rede coa que conta Telefónica está anquilosada,
non soporta o tráfico de tantos milleiros de usuarios. Pero
ademais hai unha dificultade engadida: falla o software do servidor
de túneles -a empresa 3Com-
e provoca problemas cos "routers".
Un dos sectores máis afectados pola entrada de
Infovía Plus, á parte dos internautas, son os
proveedores de acceso a Internet, a quen Telefónica está a
fundir, segundo eles. Quéixanse de que esta operadora non lles
dá ningún tipo de información (nin sequera o
ancho de banda que reciben), da penosa infraestructura, da
competencia desleal co proveedor de Telefónica TeleLine, etc. Neste especial tamén lles prestamos atención a eles: Opinión dos proveedores galegos. Falan Cesatel, Cif&Net e Corevia.
- Cesatel: "O funcionamento de Infovía Plus
depende do momento: ás veces vai perfectamente e outras
é un auténtico desastre. Non se pode dicir que sexa
unha rede malísima, pero ten moitos problemas. Pero todo o
que está a pasar é normal, levan pouco
tempo..."
- Cif&Net: "Telefónica segue exercendo o seu
monopolio: non nos dá ningún tipo de
información, só teñen un número de
avarías para os proveedores e sempre responde un
contestador. Agora está a facer competencia desleal con
TeleLine, ofrecendo vantaxes
que non están ao alcance do resto dos proveedores. E
nós, por suposto, perdemos clientes. ¿Tarifa plana?
É un imposible coa infraestructura actual: a rede
reventaría. É posible en EEUU porque está
cableado e o ancho de banda é infinitamente superior. De
tódolos xeitos, o da tarifa plana é unha cortina de
fume, porque o problema real é que a xente non pode
conectarse e a rede vai lentísima. E o peor é que
non hai ningunha asociación de proveedores que se mova...".
Julio Pisos, administrador de Cif&Net, escribiu un
artigo para este especial titulado Tarifa plana en "strictu sensu".
- Corevia: "Infovía Plus vai fatal. Nós
temos chamadas dos nosos clientes cada cinco minutos
queixándose de que non poden baixar o correo, que vai
lentísimo... E non sabemos que facer. Parece que Telefónica
ten problemas de software con 3Com. ¿Tarifa plana? Uf!
Colapsaría a rede totalmente. Sería un caos... E o
de TeleLine é un abuso. Telefónica está a facer
competencia desleal precisamente aos seus grandes clientes,
nós os proveedores. Temos que tomar algún tipo de
medida, pero non sabemos que facer aínda".
Agora mesmo algúns proveedores do Estado están a
tentar organizar unha asociación que loite contra a primeira
operadora, pero o asunto non é doado. Telefónica está
en todas partes. A súa expansión en América
Latina está a ser importante, e mesmo hai quen di que
está a levar para alá a vella infraestructura que
aquí xa non lles serve. Por outra banda, ten moito interese en
potenciar Descubridor.com,
que pretende ser o maior portal de negocios do Estado. Algúns
van máis alá e sinalan que Telefónica ten a
intención de facer tarxetas de pagamento por Internet que se
paguen a través do recibo telefónico. |