Podemos dicir que Blanco Torres é o primeiro xornalista sensu estricto ao que a Real Academia lle adica un Día das Letras, en trinta e sete anos de celebración, se exceptuamos a outros autores que tamén destacaron no xornalismo como Castelao, Risco ou Lamas Carvajal. Isto pode ser se cadra un
síntoma do profundo vencellamento que nas nosas letras sempre
existiu entre o xornalismo e a literatura, e máis cando
falamos da prensa escrita en galego, se temos en conta que a nosa
lingua moitas veces só ocupa nos xornais o espacio que ocupa a
información cultural ou os suplementos literarios.
Antes de que en 1876 aparecese o primeiro periódico
integramente escrito en galego, a presencia do galego nos xornais era
pouco menos que anecdótica, e correspondía a
colaboracións literarias -na súa maioría
poéticas- a seccións de carácter satírico
-para reflectir as opinións do pobo máis humilde- ou
mesmo a pasatempos de ton máis folclórico. O semanario
O Tío Marcos da Portela, editado en Ourense por
Valentín Lamas Carvajal, é pois o primeiro periódico monolingüe en galego. De marcado carácter literario, esta publicación acadou un grande éxito en todo o país e chegou a tirar catro mil exemplares. Nas súas páxinas incluíanse
seccións de opinión e de actualidade, mais aínda
predominaban as colaboracións poéticas.
O Tío Marcos deixou de publicarse no 1888, pero ese
anos nacéronlle uns cantos continuadores, dos que se
coñecen unhas dez publicacións escritas en lingua
galega: A Fuliada, O Galiciano, A Tía Catuxa, As Burgas,
O Labrego ou A Monteira son algunhas delas.
Nesta última, editada en Lugo entre o 1889 e o 1890,
predominaban os artigos sobre cultura, historia ou política
por riba das colaboracións de tipo literario. Non fai falla
salientar a relación destes xornais co movemento rexionalista
galego, que agromaba naqueles momentos. Así, as cabeceiras de
moitos deles autodefiníanos como "semanario galego de
intereses e literatura rexionales (sic)", e nas súas
páxinas dábanse cita moitas das grandes plumas
rexionalistas. Lembremos tamén que o contexto político
da época, tras o intento fallido da I República e a
Restauración en España, favorecía a
aparición de publicacións, voceiros a maioría
delas dos partidos e dos movementos políticos que ían
xurdindo no Estado.
As cousas seguen así ata o 1916, ano no que sae ao prelo
A Nosa Terra.. Nace na Coruña como
boletín decenal e como "Idearium da Hirmandade da Fala en
Galicia e nas colonias galegas de América e Portugal", para
logo converterse en quincenal e en voceiro oficial do Partido
Galeguista en 1932. A política fundamental dos seus promotores
era a da lingua, coa convicción de que o galego era capaz de
tratar os máis diversos temas de actualidade, e non só
a literatura. Deste xeito, en ANT aparecen por primeira vez artigos
políticos, económicos, de reflexión sobre
política internacional, etc., tratados en galego e con
seridade, e da man dos máis prestixiosos escritores galegos do
momento. Esta liña continúaa a revista
Nós (1920), na que se escribe sobre arte,
xeografía, histora, etnografía, polìtica,
arqueoloxía, lingüística... aínda que non
se descoida -máis ben todo o contrario- a producción
literaria.
Co levantamento do 36, as publicacións monolingües en
galego desaparecen por completo, e durante o franquismo os únicos atisbos de prensa escrita na nosa lingua corresponden a xornais clandestinos ou feitos desde o exilio ou a emigración. Este silencio ráchase no 1963, ano no que nace a revista cultural Grial, editada pola recén creada Galaxia, que foi bilingüe nos seus primeiros tempos e avanzou progresivamente cara ao galego. Dous anos máis tarde aparece Terra e Tempo, voceiro da Unión do Pobo
Galego (UPG), que se ditribúe en Galicia e en toda a comunidade
galega do exterior. Ao mesmo tempo, no exilio mantense a prensa en
galego, impulsada na súa maioría polos nacionalistas,
con publicacións como Loita, Adiante (Buenos Aires), Vieiros(México), A Nosa Galiza (Xenebra), etc.
Tras este paréntese de corenta anos que supuxo o réxime franquista, co conseguinte retraso cultural e lingüístico para o noso país, había que empezar de novo a publicar en galego. Isto supuña partir de cero ou ben retomar as publicacións que se frustraron coa guerra. Foi o caso de A Nosa
Terra, que volveu saír á luz en 1977 baixo a
dirección de Margarita Ledo Andión e con periodicidade
semanal. Na súa nova etapa mantén a tendencia
naionalista e inclúe información de actualidade
nacional e estranxeira, á vez que lle dá grande
importancia á información cultural.
Un ano antes nace en Compostela Teima, a primeira
revista salientable en lingua galega da transición. Dirixida
por Ánxel Vence e de periodiciade semanal, ofrecía
información de carácter xeral e estaba escrita integramente en galego, incluída a publicidade. Ademais dunha morea de publicacións locais que nacen e desaparecen nestes anos, detrás de Teima xorde unha boa cantidade de revistas temáticas importantes, moitas das cales aínda perduran: as relixiosas Encrucillada (1977) eIrimia (1981), as cultural-literarias Luzes de Galiza (1985) e A Trabe de Ouro (1990), a reintegracionista Agália (1985), a Revista Galega de Educación (1990), Andaina(1991), Dorna (1991),Artesán(1991), Animal (1991), Tempos Novos(1996), etc.
Mais o paso máis importante cara á normalización do galego na prensa escrita dáse o 6 de xaneiro de 1994, cando sae á rúa o primeiro número de O Correo Galego, publicado pola Editorial Compostela, que é a mesma editora de El Correo Gallego. Por primeira vez temos un diario en lingua galega que ofrece información de actualidade sobre Galicia e as súas comarcas, sobre o Estado español e o mundo, sobre economía, deportes, cultura, sociedade, etc. Se ben é certo que os seus contidos son practicamente os mesmos que os de El Correo Gallego e a súa venda é moito menor, a súa aparición supón un paso
imprescindible para a normalización do noso idioma, malia que
polo momento ningunha empresa de comunicación lle tomou o
exemplo.
A radio e a televisión
A primeira emisión televisiva na nosa lingua data de 1974,
cando o Centro Rexional da Televisión Española en
Galicia, baixo a dirección de Luis Mariñas, bota a
andar os primeiros Telexornais en galego, en desconexións para
Galicia de unha hora como moito. Teremos que agardar once anos ata
que poidamos ver unha televisión enteiramente en galego, xa
que a televisión autonómica de Galicia (TVG) nace o 24
de xullo de 1985, baixo a responsabilidade do goberno
autonómico.
Canto á radio, a historia do galego neste medio
remóntase bastante máis atrás, xa que se empezan
a emitir programas na nosa lingua no 1969 feitos por
asociacións culturais de Vigo e da Coruña. A primeira
emisora que emite unicamente en galego será a municipal Radio
Fene en 1984. Un ano despois, parella á TVG
créase a Radio Galega,
de emisión pública para toda Galicia.
Pero antes disto, igual que aconteceu coa prensa, xa na emigración se facía radio en galego. De feito, a primeira emisión en lingua galega nunha radio data de 1947 e levouna a cabo a BBC de Londres, nun intento de mellorar as relacións con Franco dedicándolles pequenos espacios ás nacionalidades históricas. O Galician Programme durou ata 1956. Paralelamente, no 1950 comezaba o programa Sempre en Galicia en Radio Carve de Montevideo, aínda en emisión. E en Buenos Aires iniciaba a súa andaina en 1954 Galicia Emigrante, dirixida por Luís Seoane e por Xosé Fernández. Máis recentemente, naceu Radio Celta en Barcelona (1984), e unha morea de programas que se foron incluíndo nas grellas das emisoras de todas as capitais do
mundo con presencia importante de galegos.