| Ruptura de Comunicacións | ||
![]() |
NDABA EU a acomodar a tixola de frixir bistecs no lavalouza cando sonou
o chifro dunha chamada na pantalla do ordenador. Limpiei unha man na outra
e abrín a porta do móbel de cociña onde gardaba o deterxente.
Seguía a sonar o chifro da chamada na pantalla. Puxen máis
deterxente do habitual, unha cousa é lavar vasos e pratos e outra
cousa aquela tixola. ¿E que comerían as vacas para que a carne
luxase tanto? Seguía a sonar o chifro. Puxen un programa de lavado
longo. Fun ao ordenador e premín a tecla. A cara anoxada da miña editora apareceu na pantalla. -¿Onde estabas? Levo dous días a deixarche recados. Hai unha semana que me tiñas que ter enviado o teu texto. -O meu texto é meu, así que non cho dou. -Vale. E o meu diñeiro é meu, así que non cho dou. Déixateme de parvadas e mándame dunha vez o texto ese. -Que non. Non te volvo mandar un texto meu para que despois calquera lector desde o seu ordenador me lle cambie o final ou calquera outra cousa. -Pero home, hoxe a literatura é así. Se non lles damos a posibilidade de ser interactivos, de escoller diversas solucións ao longo da historia, pois aborrecen e desconectan. Ler a pao seco é unha leria ben aburrida, xa o sabes. -Pois por min acabouse. Vou volver escribir eses libros que aborrecen. -Pero home, non sexas antigo, que os tempos do libro xa pasaron. ¿Logo queres morrer de fame? -Xa comerei bocadillos, ti tranquilo. Para min ese xogo acabou, se aborrecen ler que non lean, eu vou escribir para quen lle guste. -¿E cantos te han ler? -Hase de ver. Polo de agora deixo as caralladas interactivas e volvo á literatura que xa é ela bastante interactiva. Os libros xa os venderei no rastrillo ou na porta dos hipermercados. Ata sempre. -Pero oes, non me fagas esa falcatruada. -Consólate con este pensamento do venerábel sabio chino Cho-Chin, "a vida venche sendo case sempre unha falcatruada". Por certo, ¿con que saen as manchas de graxa? -¡E eu que sei! ¡Con xabrón, supoño! ¿Para que o queres saber? ¿É para algún vídeo-texto novo? -Non, é que me acabo de luxar cunha tixola. Ben, pois isto, ata sempre. -¡Agarda, non apagues! ¡Haste de arrepentir! -E un güevo. Adeus. A cara da miña editora desapareceu da pantalla e foi sustituída polos pictogramas dos documentos arquivados e o relaxante zunido do ordenador descansando. Todo era meu, meu. O meu ordenador, os meus textos, contos, poemas, o comezo dunha nova novela... Ninguén había tocar o final nin o principio nin nada deses textos. Ah, a miña vida de escritor comezaba outra vez. Qué fame, fun ao frigorífico e saquei a lata de sardiñas. Prepararíame un bocadillo.
| |
| Suso de Toro | Volver a Mil Primaveras | |