| A Trécola | ||
![]() |
O PRINCIPIO dos anos oitenta eu traballaba nunha empresa de Madrid e estaba aínda solteiro. Unha das persoas que facían a limpeza era unha rapaza de Galicia, da miña edade e que se chamaba Isolina. Isolina era un chisco chafaldretas, nin grande nin pequena, mais ben entrada en carnes e moi peituda, con duas tetas que metían medo, unha a cada lado. Ela debíase sentir soa, así que como eramos paisanos viña as veces ao carón da miña mesa de traballo e contábame as malafadas de outrora e os desacougos novos. Era de familia moi probe, tiña un fillo de catro anos, Monchiño -malia ser solteira- e sentíase desaxeitada en Madrid. Este consequente coidaba eu lóxico dados aqueles antecedentes, mais como a rapaza tiña, ao fin e ao cabo, dous engados polo menos, escoitábaa eu con cariño ás veces, e con degorosa luxuria as máis. Un día ao comenzo do vran estaba eu, á tardiña, a traballar soio no edificio da compañía. Isolina andaba tamén por alí. Fora porque facía moita calor, porque se sentira soa ou porque a tentara o demo, a Isolina andaba algo máis lixeira de roupas que de costume. Non é que fora medio espida, non: levaba unha bata branca pola que se vía moi ben a roupa interior que lle caía mais ben esguivia. O peor de todo é que se puxo a barrer xusto didiante da miña mesa de traballo. Estivo alí coma dous minutos dalle que dalle a basoira, revirando o corpo de xeito que eu podía ollar moito de máis os engados que Deus tan xenerosamente lle dera. A min aquela sorte de bailadela gostoume tantísimo que nun intre os miolos lle contaron o que viran ao resto do corpo e as miñas non-sanctas partes se me puxeron moi contentes. Mais como tiña vergoña de amosar tanta alegría e coidaba que non era caso de precipitarse non dixen nin res daquelas, así que a Isolina cansou do baile e foise traballar para outros recantos do edificio. Domentes eu estaba a cismar o millor xeito de proceder, apareceuseme o demo. O meu demo persoal é un velliño pequerrecho coas pernas tortas e menos dentes do que a estética desexa. Porén é un demo moi ledo, moi perillán, está sempre rindo e ten unha gran maxinacion. Si fora máis ao dentista e vestira de branco, ao millor podería atopar traballo como un anxo da categoría máis baixa. O demo arrechegouse á miña orella esquerda e díxome: - O intríngulis eiquí é como atravesar o muro persoal. Verás, heicho de explicar, tódalas mulleres teñen ao redor un círculo de seguranza de un radio de un pe máis ou menos. Asomentes unha muller che deixa pasar ese muro é coma si che dera licencia para faguer con ela o que queiras. - O millor é que lle pidas que che cosa un botón. É unha trécola que xamais falla - rematou o demo. - Mais a min non me falla ningun botón - díxenlle despois de botar unha ollada á camisa. - ¿Ti es parvo ou que? - riuse o demo, chiscándome o ollo. Tiña razón. Collín unhas tixeiras e descosín un botón da camisa nin moi arriba nin moi abaixo, e fun en busca da Isolina. Atopeina axiña no baixo. - Isolina - dixen - ¿il faríasme o favor de coserme un botón? - Miña xoia, os que queiras! - díxome fitándome aos ollos, cun sorriso que me puxo aínda máis contente. De algures sacou fío e agulla e púxose a coser o botón sen que eu tuvera que quita-la camisa. Púxose ao traballo moi pertiño de min. Agora era cousa de ver si era certa a teoría do demo. Tiña que ser, porque o meu demo ten moita experiencia neste tipo de cousas. Domentes estabamos en estas apareceu pola dereita o anxo da garda. Eu teño un só demo mais moitos anxos da garda. Neste caso era don Prefeuto. Cando eu tiña quince anos eu estaba nun internado e o "prefecto de estudios" era un cura galego que se chamaba don Perfecto e que sempre falaba en castelán. Xa que a mor parte dos alumnos eramos galegos, e por ende bulreiros e perilláns chamábamolo don Prefeuto e faguíamos moita bulra da súa teima por falar castelán. Era un home enxoito, lanzal e peludo. Tiña pelos negros como o carbón entre as cellas, nas orellas, no pescozo, nos buratos do naso e mesmo nos ollos e noutros recantos nos que a xente normal non ten pelos. Mais a cousa máis inquedante de don Prefeuto era o naso. Era teso, estreito, longo e remataba nunha punta que cando falaba alporizado se lle movía para arriba e para abaixo. Para que esto non pasara, don Prefeuto falaba a miúdo cunha boca pequeniña en frases curtas e cheas de negacións e de imperativos apuntando con aquel seu naso como si llo fora a soltar a un na cara. Esto, e o feito de que os seus alumnos tuveramos quince anos, dáballe a don Perfeuto unha certa ventaxa dialéctica. Don Prefeuto, co naso aínda mais afiado que facía dez anos, estuvo contemprando un chisco, sin falar, a trécola que a Isolina, o demo e máis eu estabamos a representar. A Isolina cosíame o botón moi pertiño de min. Eu ollaba os seus peitos -que dende a miña posición se vían moi grosos, un a cada banda- maxinándoos xa nas miñas mans. O demo, coitadiño, perdía o tempo contándome os evidentes engados da Isolina: - Olla eses beizos roxos. E o vale entre os peitos; a mais dun santo lle gostaría perderse por eí. ¿E que me dis deses peitos? E que che vou decir das pernas e do cu, imaxínaa espida. ¡Xesús! ¡Que noite che espera, leilán! A min dábame vergoña que o demo dixera o mesmo que eu estaba a matinar, asín que eu dáballe co cóbado e decíalle: - Cala, o, que te vai ouzar don Perfeuto. Mais o anxo chamado don Perfeuto xa debería ter sentido ao demo e non lle debía gustar moito o que este decía porque lle daba á cabeza como decindo que non. Ao cabo dun chisco deulle por predicarme a min, que era o único calado, a lista dos dez mandamentos: - El primero amarás a Dios sobre todas las cosas - don Prefeuto falaba sempre castelán. - El segundo no jurarás su santo nombre en vano. - El tercero santificarás las fiestas. E diste xeito deica o sesto. Mais don Prefeuto debía andar un chisco desmemoriado porque o sesto non lle saía. Asín que ao chegar o sesto escomenzaba de novo polo primeiro. O demo ao cabo dun rato cansouse de oílo e díxolle cantaruxando: - "O sesto non fornicarás a muller do teu próximo". A don Prefeuto pareceulle moi ben o sesto mandamento do demo e decía que si coa cabeza. Mais o demo seguíu con moita retranca: - Mais eiquí a Isolina non ten nin próximo nin lonxano, somentes ten ao Monchiño, asín que este mandamento non se che lle aplica neste intre, don Prefeuto. - É certo, don Perfecto, o sesto non se pode aplicar eiqui porque a Isolina é solteira - engadín eu moi respetoso, coa segreda espranza de que ao cabo don Perfeuto me deixara deitarme, sen remorsos, coa rapaza. A leria deixou atordoado a don Prefeuto que en cousas da moral non era partidario de moitas sotilezas e que xa non debía saber xiquera si os mandamentos eran dez ou cuarenta. Asín que lle deu por outra teima. - ¿De qué vale un momento de placer? Cinco, diez minutos como máximo. ¿Y después, qué? Recuerda lo que dijo el poeta latino: "Ex coitum tristitia". - Pero home, don Perfecto -dixen- será "ex coito" en tal caso; está vostede escarallando a cita. Endemais ¡Como se ve que non ten costume! Eu penso adicar a esto duas ou tres horas e ao millor toda a noite. A rapaza séntese soa; sentaralle ben; eu fágoo por ela, Don Perfecto, se cadra fai anos que ningún lle dá un cariño. - ¿Como que no tengo costumbre? - dixo don Prefeuto un chisquiño murcho movendo moito o naso arriba e abaixo. Deuse de conta que ía cometer un erro, puxo a boca pequeniña e cambiou de método - Pero tú eres un caballero; así que debes comportarte como tal. Además el amor y el trabajo no se deben mezclar. - Mire, don Prefeuto, ¡seica me quere amolar vostede! -dixen eu ao cabo enrabechado vendo que aquelo era perde-lo tempo- Eu o que son é un home de vintecinco anos que fai tres meses que non molla, e cun carallo que neste intre debe andar xa po-lo medio metro. - ¡Vulgar! - foi o único que atinou a marmurar o anxo chamado don Prefeuto antes de espallarse polo aire. Ao demo debeulle de gostar moito a miña resposta a don Prefeuto porque ría que se escangallaba. A Isolina estaba a rematar o botón e tamén debía ter un anxo da garda á súa dereita e un demo á esquerda. O demo debía levar tamén as de gañar porque os peitos da Isolina rubían e baixaban co alento, moi gostosamente, máis de presa que o normal e os tetos víanse moi tesos no cume daquelas moreas da cor da fariña. Eu non podía ver nin escoitar ao demo nin ao anxo da Isolina; coido que era moito millor asín porque unha parola diste xeito entre seis tiña que ser moito dificultosa. Ao final non gañou nin o demo nin don Prefeuto, senón o senso común. De solteiro deiteime con algunhas mulleres máis do que don Prefeuto houbera desexado e con moitas menos das que lle houbera gostado ao demo. Mais endexamais me deitei coa Isolina. Cando rematou de coser o botón dinlle as gracias, a biquei fraternalmente nas duas meixelas, e funme. Non sei que foi dela porque ao cabo duns meses a empresa pechou -eran malos tempos- e os dous nos esparellamos pola foliada de xentes que é Madrid. Mais coido que si a Isolina se lembrara arastora de min non sería con xenreira sinón con cariño. E eso -meus lonxanos amigos deste fiadeiro que é a Internet- é, ao fin e ao cabo, o que conta.
| |
| Tino Ferreño Copyright 1995. Permitida a reproducción se se mantén esta nota do autor. | Volver a Mil Primaveras | |