Un doce emprego

ANDO REPAREI naquel anuncio, sentín que todos os meus problemas estaban a piques de solucionarse. ¡Era xusto o que eu andaba a buscar! ¡Tantas horas consumidas na procura dun traballo e agora, case sen querer, batía co emprego que sempre soñara! Éche boa verdade iso de que os camiños do Señor son inexcrutables. Porque se hoxe non estivese tan boa mañá, con este sol morno que invita a pasear, a min nunca se me ocorrería saír da casa a achegarme ata o parque; e se a señora que se ergueu a toda présa cando eu sentei neste banco non deixara esquecido o seu xornal, nunca lle botaría o ollo ás ofertas de emprego dos anuncios por palabras. Lendo aquela mensaxe brevísima, inundoume a certeza de que tiña diante o traballo que me conviña. ¡Aí che é nada, traballar nunha pastelería de luxo!

Claro que non había que se apurar, antes conviña estudiar ben o que alí poñía. Porque ser, éranche listos. Nunhas liñas de nada (ben se ve que lles cobran por palabras, quererían aforrar unhas pesetas), había cando menos tres empregos: axudante de vendedora, botones e axudante de pasteleiro (e para isto querían que xa se tivese o servicio militar cumprido).

O derradeiro descarteino de contado, por dúas razóns ben evidentes: nin eu tiña o servicio militar cumprido (é máis, esperaba non telo nunca) nin me apetecía nada andar axudando a facer pasteis, que debe ser un labor pesado e pouco agradecido. Para dicilo claramente: a min o que gusta é comelos, non facelos.

Dos outros dous, o de botones tampouco non me apetecía nada. Non debe ser agradable andar decote con ese ridículo gorriño, que mesmo parece que che medrou a cabeza de repente e non tiveches tempo de mercar un dunha talla máis grande. Ademais, ¿quen me garantía a min que de botones, aínda estando sempre preto deles, había ter acceso asegurado a pasteis e bombóns?

Nada, a elección estaba clarísima. Decidín que o de axudante de vendedora era o emprego que de verdade me conviña. ¡Axudante nunha bombonería de luxo! ¡Só de imaxinalo xa se me facía a boca auga! Bombóns con améndoas (os meus preferidos), recheos de licor, de praliné, glaseados, bombóns de crocanti, extrafinos, con trufas... ¡que sei eu!

Erguinme do banco para buscar de contado un teléfono público. Pero axiña me volvín sentar. Había unha pequena dificultade na que eu non reparara: pedían que tivese coñecementos de inglés. A verdade é que non acababa de entender ben aquelo. Non me entraba na cabeza que para vender bombóns fixese falta saber inglés. Si, ben me decataba de que, sendo unha bombonería de luxo, habían aparecer por alí unha chea de turistas estranxeiros. E eses, xa se sabe, non falan outra cousa que inglés.

Pero tampouco fai falta esaxerar. Porque cando alguén vai mercar a un sitio así, o que fai é sinalar co dedo os bombóns que quere e dicir "este" ou "aquel". E eu iso de this ou that xa o controlaba ben, así e todo algo aprendera nas clases do gafas aquel, que nos abafara no colexio con aquela morea de cintas de conversacións.

Claro que tamén podía ser que a vendedora fose estranxeira, e entón necesitaba que o seu axundante controlase o inglés, calquera ve que doutro xeito ía ser imposible entenderse. ¿Ou sería que a tal señora andaba a estudiar idiomas e quería un axudante así para practicar mentres traballaba? Pero nese caso viñan sendo dous traballos, coa diferencia de que só che pagaban por un, que das prácticas de inglés a que se ía aproveitar era a vendedora.

O sangue subíuseme á cabeza, como me pasa sempre que vexo unha inxustiza. ¡Que digo, inxustiza; aquelo era unha explotación enmascarada! Decidín que de ningún xeito podía aceptar aquel emprego, con tan raposeiras condicións. ¡Que o collesen outros con menos dignidade, que a min non se me compraba co engado duns poucos bombóns, por moi de luxo que fose o establecemento!

Agustín Fernández PazVolver a Mil Primaveras