| Anxos Custodios | ||
![]() |
XTRAMUROS DA VILA, dominando o río e as vellas xunqueiras, álzanse
as ruínas do convento das monxas clarisas, antiga fundación
de principios do XV atribuída a Tereixa Pérez de Soutomaior,
filla de Gómez Chariño, almirante e poeta do mar, de quen
tan orgullosos se sentiron sempre os vilanoveses. É unha fábrica
humilde, de factura gótica, adornada noutrora con vistosas vidreiras,
mais tamén con pesados contrafortes que lle dan fasquía de
fortaleza, e rodeada dun horto cerrado por riba de cuios muros aínda
hoxe, na primavera, vense florecer as cerdeiras. Na clausura do convento,
as santas señoras rezaban día e noite pola salvación
do mundo. Así as recordan os máis vellos, antes dos graves
sucesos que de seguido paso a relatar. Contan as crónicas que entre os moitos secretos que gardaban estas paredes estaba a carta de San Vicente Mártir, selada con sete lacres, e que nela se anunciaba con toda clase de detalles o día e a hora da Fin do Mundo. Da historia do Santo Anunciador e de como o tal documento veu parar á morada das freiras falarei noutra ocasión. Non foi nunca San Vicente santo de grandes entusiasmos populares, nin romeiro nin milagreiro, quizais por vir de fóra, e moi serodiamente, nos primeiros anos do XIX, sempre na custodia secreta das señoras, ou tal vez pola súa condición de letrado, non sei, que pouco lle cadra á xente mariñeira. Pero aínda así a carta impresionaba moito, principalmente polo que anunciaba. "¡O gran instante!", clamaba don Teodoro, o párroco da Colexiata. "¡A hora da Xustiza, que ha vir sacudindo a terra con labaradas de xofre, grandísimo barullo e terrible confusión!". Os vilanoveses asistían abraiados á novena do Mártir, acubillados baixo as altas arcadas da igrexa, e oían as advertencias do cura coma quen sente enriba de si o estourido dunha tralla: o látigo da Divina Furia, que á fin viña pedir contas dos seus pecados. A España Santa, a España do Apóstolo Santiago e os príncipes do Noso Señor vivía daquela horas terribles, aferrollada entre as gadoupas do Anticristo, rabiosamente atacada polos seus inimigos, e na súa indefensión ou abandono só quedaba confiar na misericordia de Deus e no brazo armado do seu Caudillo. "¡Ai de nós, de todos nós, se o Anxo do Castigo, irritado diante de tanta ignominia, diante de tanta aldraxe e tanta apostasía, acorda un día descender do seu altísimo estrado e guinda enriba da terra a cólera da súa Xustiza! ¡Entón si que vai ser o pranto e a rinchadela de dentes!". As monxas de Santa Clara endexamais se atreveron a abrir a carta. Por respecto, aínda que ningunha disposición llelo impedía, nin do papa de Roma nin do arcebispo de Santiago; pero sobre todo por medo. Auténtico terror. ¿Como calificar senón o arrepío que axitaba á señora abadesa cando antes de se retirar ós seus apousentos visitaba cada noite a capela onde dende 1828 ardían as candeas do Santo Documento, gardado nun cofre de prata compostelana, o mesmo que disque alá nos días non menos terribles do século XII trouxera dende a cidade de Braga o dedo de San Fructuoso, logo de que o arcebispo Xelmírez o rescatou entre picas e estandartes da impiedade dos portugueses, que non o honraban coma tal se merecía, ou alomenos el así o xustificou? A voz de don Teodoro resoaba coma un trono baixo das poderosas bóvedas: "¡Escoitade como ruxe aí fóra a tempestade! ¡Oíde como cruxen os eixos que sosteñen a arquitectura do mundo! ¡O aire da noite cheira a podre, a suor e a escrementos, porque El xa está aí, agochado nas sombras, agardando a ocasión de botar a gadoupa! ¿Quen sabe?, calquera día nin acordaremos, e entón será tarde de máis para arrepentirnos, a non ser que o fagamos agora, ¡agora mesmo!, dispoñendo os músculos e os cinco sentidos para a hora das Trompetas, á que todos estamos convocados. ¡Todos!", advertía o cura dende o púlpito. "¡Ti tamén, Tito Bustiño, que tes dous fillos perdidos na raia de Portugal! ¡Ai de nós se non acertamos a responder a tempo á chamada do Todopoderoso!" "¡Amén!" As monxas retirábanse para os seus apousentos, coma sombras, a penas entrevistas tras das altas celosías, e os vilanoveses, que asistían ós oficios abafados polo cheiro do incienso e as apocalípticas imaxes que pintaba o párroco, regresaban ás súas moradas estremecidos, fitando de esguello uns para os outros, o amigo contra o amigo, o irmán contra seu irmán, Tito Bustiño contra os seus fillos, pois ¿quen sabe onde o Inimigo nola ten gardada?, e encerrábanse nas casas a escoitar a radio de Burgos: os discursos afervoados do xeneral de Sevilla. Acabado o sermón, don Teodoro entra na sancristía, fai unha xenuflexión diante do Santo Cristo e íspese ceremoniosamente das prendas da liturxia, bicándoas con devoción, unha por unha, antes de dobralas e dispoñelas para que o sancristán as garde nos caixóns do armario de caoba. A noite vén fría. De choiva e coriscada. Xa ninguén fica na igrexa. Unicamente, no altar maior e na capela da Santa Carta, arden os cirios. O cura bota unha rápida ollada á gran nave baldeira e, coa boina metida ata as cellas, prepárase para saír. Don Vicente Varela, xefe provincial do Movemento, agarda a súa visita, coma tódalas noites, nas dependencias do goberno civil. "Corren tempos asañados, meu amigo, que non admiten a fraqueza de espírito nin cativas consideracións. ¿Quen sabe o que se nos pedirá aínda? Esta é a hora das grandes determinacións. ¡Todos estamos a proba!". Mais daquela sente tras de si a sombra de don Vituquiño, o sancristán xorobeta: "¿Fago a rolda, señor cura?" "Igual que sempre", responde o eclesiástico antes de botarse á rúa, preparado para sobrevivir naquel mar proceloso. "Logo vesme dar o parte". As señoras están moi nerviosas, alporizadas, e o señor gobernador sente unha extraña inquietude diante deste home: o crego de Santa Clara, San Fiz, San Bartolomeu e a Colexiata, que as catro parroquias atende, implacable e fanático, coma quen trinca o mundo nun puño. "¿Que noticias temos de Madrid?" Poucas. A radio escóitase con dificultades. E o exército de Mola a penas avanza no norte. En Barcelona as hordas anarquistas seguen queimando conventos. Aquilo é unha procesión de mártires, unha pira incandescente, cos sartegos rebentados e os cadáveres nas rúas. Así pinta don Teodoro o panorama diante dos seus feligreses, que volven ás súas casas abraiados diante de semellante espectáculo, arrepiados perante as previsibles consecuencias. O mundo desfaise, ardendo polos catro costados, sen que pareza que ninguén poida poñerlle remedio, e, mentres tanto, nas barrancas do Confurco e nos pasos de Portugal as partidas de Fuco Fariña preparan a revolución. Non ha pasar a furia por diante de nós sen poñernos a proba. O nome do fuxido anda na mente de todos, aínda que poucos se atrevan a pronuncialo en voz alta. ¡Fuco Fariña! No 31, mesmo antes de que chegasen as noticias da proclamación da República na capital de España, xa el chantara no balcón da casa do concello a bandeira tricolor, "¡erguédevos, irmáns proletarios!", aclamado polos seus: catro gatos, pero bravos, e moi arrichados, que non había que lles tusise, fardados coas insignias negras da CNT e o Sindicato do Mar. Ábrenselle as carnes ó cura cada vez que tal recorda: voces, cancións, o alento fedorento da catástrofe na boca das tabernas, aquel cheiro rexo a brea, godallo e maruxía, mesturado coa suor rancia da roupa usada, que botaba para atrás e descompoñía o corpo a calquera. Non houbo tempo para lle rabenar a cabeza, ou faltou decisión, e agora se cadra é tarde de máis para facelo. Velaquí as consecuencias. "¿E as freiras?", teima a autoridade civil. "¿Que di a Rosiña?". O cura acaba de liar o seu cigarro, mételle unha chupadela longa, deita o fume de vagar e contesta: "Nada. Pero falará. Estas cousas teñen a súa arte, señor gobernador, e mais piden o seu tempo". Don Vituquiño, o sancristán das clarisas, pecha o portalón da igrexa, pasa a tranca, non sen antes botarlle unha ollada á noite chuviñenta, e sen luz nin candea, pois coñece o claustro coma a palma da man, avanza na escuridade cara ós corredores das monxas. Pode identificar as celas unha por unha: os secretos territorios da clausura que ningún mortal debe profanar, pero que el percorre coma un aire, embozado nun cumprido sudario branco. Aquí Sor Faustina de Santa Cruz, no mundo María a Tenebrosa; aquí Sor Tereixa do Santo Sepulcro, antes Manuela Sánchez, da Pobra do Caramiñal; aquí Sor Felisinda da Luz Divina, en vida María de Aneiros, de Vilanova dos Infantes; aquí Sor Magdalena dos Sete Cravos, tamén chamada a Rosiña, que el lembra xogando nos peiraos pouco antes de entrar nos hábitos: a máis nova dos Fariña, sete irmáns, sete castigos de Cristo Crucificado. Fuco é o máis vello de todos. No segundo corredor, a carón da varanda de pedra e a escaleira barroca, don Vituquiño fai unha parada e prende a lámpada de aceite que leva na man. A luz agranda as sombras na escuridade e deita no muro un longo brazo de mármore cara ás celas das freiras. Sor Magdalena non pode dormir. Dende que tan grandes sucesos conmoven o mundo, a novicia reza sen descanso, día e noite, pedindo axuda ó Señor para que lle dea forzas diante da grandísima proba á que a fatalidade quere sometela. A madre abadesa está ó tanto de todo. "Deus é quen marca o camiño, miña filla. El é o dono das nosas vidas e das nosas conciencias. El escribe con letras de ouro ou de sangue no libro do noso corazón. Dime logo, ¿volveu o Anxo esta noite?". Don Vituquiño non se move. Case que nin sequera respira. Fica quieto na outra estrema da galería, onde ela poida velo, coa lanterna na man e cuberto co branco sudario que o cura lle deu. Dende o interior da cela a Rosiña espreita a súa claridade, a súa misteriosa presencia, e ese é o seu único consolo. "Parece un paxaro, madre. Talmente o paxaro da morte que pousa no beirado das casas chamando polas almas dos defuntiños. ¿Quen será desta vez?". "¿É que o que che di?". "Nada. Está aí. Aparece, fica sen moverse un anaco e vaise". "Os pecados do mundo son moi grandes, miña filla. Só unha alma inocente poderá salvalo. Tesllo que contar todo ó noso confesor". Don Teodoro quixera poder cinguir espada, coma os antigos príncipes da Igrexa, e levantar a guerra santa pola defensa do altar e da Cruzada, tal que noutrora fixeron os paladíns da Cristiandade. É o que mandan os tempos. Ben que lle amola ter que se conformar con estas outras artes da simulación e o engano, abofé que humillantes, sobre todo cando ten que lle dar contas ó gobernador, semellantes mixiricas, que non lle chega á sola do zapato e ten, sen embargo, plenos poderes na praza. Moita empresa para tan pouca carraxe. "¿Podemos fiarnos dese home, señor cura?, pregunta don Vicente. "Déixeo da miña man. Non temos elección". Debería pedir licencia ó arcebispo para o que está facendo. Trátase ó cabo de levantar segredos de confesión. Pero non o vai facer. Hai tempo que decidiu asumir pola súa conta todo o peso da Historia, sexan cal sexan as consecuencias. A pequena dos Fariña sabe onde está o seu irmán. Disque as partidas móvense cada vez máis audaces cara á parte de Augasantas, no camiño da Lama. Na feira de Carballedo deron un golpe no que levantaron dunha vez non menos de trinta mil pesos. Quizais non fosen tantos, moito diñeiro parece, a xente esbardalla moito, sobre todo nestes casos, pero houbo dous mortos: dous mozotes da Falanxe, e iso espanta ó gobernador, abatido polas responsabilidades do mando. Abofé que as cousas non han parar aquí. Isto é só o principio. "¿Que fai Peipó dende Mondariz, que non move ós seus?", alporízase a autoridade. "¡Póñanme axiña coa comandancia de Pontevedra!". Seica as partidas desta vez foxen cara á terra de Montes, territorio bravío e difícil de bater. Haberá que mover efectivos dende Silleda de Lalín, quizais tamén dende Santiago, para lles coutar o paso. O cura asiste ó rebumbio dos despachos, a axitación das ordenanzas, a impotencia de don Vicente Varela, o pánico das monxas, o terror dos seus feligreses, e nin se inmuta, ocupado en liar un novo cigarro. Non darán co Fariña. El ben o sabe. Tampouco nesta ocasión. Cada vez que os perseguidores cren telo cercado, escórreselles entre as mans coma a serpente. Talmente coma a serpe de Satanás, arrastrándose entre as toxeiras e a espesura do mato. De nada serve poñer prezo á súa cabeza. O vulgo é cobarde. Máis pode o medo que a cobiza nestes tempos. "Todo en orde", saúda daquela don Vituquiño que o ve entrar na rectoral de volta das dependencias da gobernación. O sancristán xorobeta semella unha sombra -el tamén- a devalar silenciosa polos claustros da clausura. Mais don Teodoro non responde ó saúdo. "Mañá sacamos a procesión do Cofre Santo", anuncia de súpeto. "E se vén ó caso, rompemos o Sétimo Selo". O sobre lacrado que o Mártir Vicente deixou escrito antes de morrer. "¿E non haberá que pedir licencia a Compostela?", comenta o gobernador. "Eu asumo a responsabilidade". Así llo anunciou á madre abadesa, logo de visitaren xuntos a capela onde arden as candeas que custodian o relicario de prata. Así llelo advirte tamén ós vilanoveses, empoleirado no púlpito, coa voz alabarante das profecías: "Temos tres días e tres noites para velar a Carta. ¡Tres días e tres noites para vestir a estameña, os cilicios e as penitencias! ¡Cubrámonos de cinza, xa que chegou a hora de levantar a verdade tanto tempo agachada! A luz cegará os nosos ollos. A visión do rostro de Deus é irresistible. Mais agora é o momento de poñer a cada quen no seu sitio: deste lado os xustos, daqueloutro os pecadores; á man dereita os elixidos, que serán escasos, contados un por un, xeración por xeración, dende o principio dos tempos, e á man esquerda, debruzados contra a boca do abismo, a multitude abrouxadora dos malditos". "¿Que di a pequeña, señora abadesa?". "O seu corazón está limpo coma unha patena". Disque o lume escomenzou algo despois da media noite do segundo día, na parte baixa do claustro, mesmo detrás da sancristía, e que se estendeu tal que nunha palleira. Á campá enlouquecida das freiras responderon rapidamente as de Santa María da Seca, as badaladas graves de San Bartolomeu, o balbordo alporizado de San Fiz Extramuros, os sinos todos da Colexiata, nun estronto arrebatado que moitos indentificaron, efectivamente, coa hora aquela do Gran Acontecemento, tal que o párroco tantas veces lles anunciara. Con esta idea botáronse os veciños fóra das casas. Pero axiña se decataron de que era outra cousa: a morada das monxas ardía polos catro costados, era unha inmensa cacharela, imposible de apagar. "¡Móvame esa xente, señor sarxento, que están dentro as señoras!" O retén da comandancia non daba feito, nin os veciños do barrio de San Miguel e da costa do Rouco, que foron os primeiros en acudir, carrexando auga dende a fonte dos Tornos. As chamas deborárono todo. "¡As señoras! ¡As señoras!", berraba a multitude. Imaxinábanas correndo polas altas celosías, xa que non podían velas, axitando os seus brancos hábitos coma paxariñas tolas, coas alas acesas. En medio da praza apareceu don Teodoro sen sotana, vestido de camisa branca, pois o lume non chegara aínda á rectoral. "¡O cofre de San Vicente! ¡Salvemos a carta do Santo Anunciador!". De nada serviron as escadas, nin as cadeas humanas a mover sellas e baldes de auga. Imposible chegar ó interior do claustro. "¿E don Vituquiño? ¿Por que non levanta as trancas o sancristán xorobeta?" Durante dous días non pararon de caer muxicas. Dende as puntas todas da ría, dende a ponte de Santiago, dende os pasos de San Sibrán e o Tomeza, víase ascender a fumeira coma un veo mouro, fedorento e mesto a cubrir de cinza os campos. Unha parte do coro apareceu da outra banda do río, como se voase polos aires, arrastrado por algunha explosión ou cataclismo, e da sólida fundación do dona Tereixa Pérez de Soutomaior só ficaron en pé os muros do ábside e o portal de cantería cos enormes buracos das vidreiras, abertos coma bocas. Varias semanas despois, medio transtornada aínda pola gravidade dos acontecementos, a madre abadesa intentou redactar un primeiro informe para o arcebispo de Compostela no que, na provisionalidade do caso, adiantaba algunhas explicacións da catástrofe. Para empezar, daba gracias a Deus por ter consentido, na súa Infinita Misericordia, que a pequena comunidade de freiras ás que dende había case vinta anos tan humildemente servía -doce clarisas- lograse librar con vida de semellante desastre, agochadiñas na banda norte do claustro, coma pombas asustadas, pois esa foi a única parte do edificio que respectaron as chamas. O resto todo se estragou. Do que noutrora fora poderosa fábrica a penas quedaban catro pedras arruinadas: a baranda e as arcadas. Nada se sabía da Arca Santa, a carta do Fin do Mundo que o mártir Vicente asinara antes de morrer. Por máis que despois do desastre os veciños e as autoridades buscaron entre a cachotería fumegante, moi principalmente don Teodoro e don Vicente Varela, o gobernador da praza, remexendo nas cinzas e mesmo movendo as pesadas trabes do artesonado, que afundiu e escachizou no lousado con horroroso estrondo, nin rastro apareceu do cofre de prata, e moito menos do Santo Documento. Tampouco nada podía dicir das causas do sinistro. Nestes tempos que corren, ¿que pode asombrarnos xa? Disque o señor gobernador, asistido por especialistas da comandancia de Pontevedra, traballa dilixentemente no caso, e que mandaron abrir expediente para determinar as razóns do suceso: extraordinariamente graves, pois agora elas fican orfas e sen arrimo, sen morada nin consolo, polo que na presente solicita da Súa Eminencia dispoña novo destino para esta pequena comunidade nalgunha outra casa da provincia, á espera de que a superioridade determine algo máis definitivo que abofé será cando os tempos clamen esta furia, tanta loucura e cando os terribles sucesos que nesta hora todo o transtornan veñan ó rego da cordura e á Santa Paz do Noso Señor, amén. A santa señora sabe que o seu destino e o da comunidade toda está nas mans de Deus Todopoderoso e que se El garda as flores dos campos, os vermes e os paxariños tamén coidará delas, alá onde queira que teñan que proclamar a súa Infinita Misericordia. Non ha ser esta catástrofe máis grande nin máis aterradora ca outras que antes sucederon. O que máis desconsola, sen embargo, é o estado de Sor Magdalena dos Sete Cravos, a pequena dos Fariña. Ela foi a que resultou peor, malpocada. Din os médicos que nestes casos ha ser moi difícil que se recupere, logo da impresión recibida. Tal parece que perdese totalmente a razón. Nin entende o que se lle di, nin dá fala ningunha, coma se definitivamente marchase para fóra deste mundo. A súa única teima é repetir seguido, día e noite, as poucas veces que logran tirar algo dela, que lle mataron o Anxo, o Anxo Custodio de Deus Noso señor, o mensaxeiro que tanto a consolaba e que lle prometía a luz no medio da negrura, o bálsamo da súa aflicción, abatida agora para sempre. E xa hai quen pensa que el é don Vituquiño, o sancristán da casa, a quen a mesma noite de autos atoparon morto cun furado de bala na cabeza.
| |
| Victor F. Freixanes | Volver a Mil Primaveras | |