O monte de Bartolo

U CRECÍN en Oleiros. Alí, na casa dos meus abós paséi moitos fins de semana e todo-los veráns da miña vida ata que viñen a América. Os meus abós teñen unha casa a carón da estrada que ven da Coruña. Na outra beira da estrada teñen unha horta, onde meu abó sempre deixóu un anaco de terreo sen cultivar para que o meu irmán pequeno e eu puidésemos xogar ó fútbol. Aínda hoxe, nese anaco non hai máis que herba e algunhas mazás que caen das árbores que noutro tempo serviron de porterías ou mesmo de soporte para un balde vello e sen fondo que fixo de canastra de baloncesto.

Ó redor da casa tense construido moito nos últimos anos, pero cando eu era neno había moitas fincas e montes. Á beira dunha corredoira que leva ó Carballo estaba o mítico "monte de Bartolo". Polo menos sempre foi mítico para min, xa que o nome Bartolo parecíame moi sofisticado. Disque el foi un parente da miña aboa, mais xa debía de haber moitos anos desde que morrera. Unha vez lle preguntéi ó meu abó "padriño, ¿porque lle chaman o 'monte de Bartolo' se Bartolo está morto?" Xa non me lembro do que me contestóu, pero por algunha razón ese nome ten ficado na miña memoria ata hoxe.

Alí, ó monte, íamos meu irmán e eu a xogar. Ás veces tamén viña o meu curmán Gonzalo, que vivía na Coruña e era tres anos máis vello ca min. Eu pensaba que Gonzalo era máis fino ca nós, porque dicía que o monte era de Bartolomé. Nós xogábamos ás agachadas e collíamos moras e amarotes. Meu abó sempre sabía onde atopa-los amarotes máis bermellos e sabrosos e as moras máis negras e doces.

Unha vez meu irmán veu un raposo. Debía de ser moi pequeno, xa que se asustóu ó nos ver. Pero nós tamén éramos cativos a na miña memoria quedóu para sempre a imaxe dun animal enorme e tímido, con ollos grandes cheos de bondade.

Baixando pola corredoira cara ó Carballo había outro monte que era da miña tía Angelita, a nai de Gonzalo. Lémbrome dun día en que unha das árbores nese monte estaba ardendo. Algún viciño chegóu berrando á casa da nai de Angelita, que estaba a carón da nosa, a da-la nova. Como no monte non había auga, todo-los membros da familia saíron correndo cara alá carretando baldes. Eu debía de ter uns seis anos, e me deixaron coidando ó meu irmán, que tiña dous. Ó ver á miña familia correndo coa auga, eu decidín que tamén tiña que axudar. Nembargantes, os baldes de auga eran moi pesados para min, así que collín unha botella valeira de "Veterano", enchina de auga, e saín correndo cara o monte. Cando cheguéi, a árbore, un carballo moi grande, xa non ardía. Pero meu pai deixoume achegarme a el para verte-la auga que levaba na miña botella. Un pouco de fume aínda saía do tronco do carballo e eu sentinme moi campechano e feliz cando a miña botelliña quedóu valeira e a árbore sen fume.

Pedro Muiño
Pedro de Oleiros, 1994
Kansas State University
Manhattan
Volver a Mil Primaveras