![]() |
ÓDOLOS 17 DE MAIO volto a "O camaleón" a toma-lo
café. Tódolos 17 de Maio, senón chove, escollo a mesma
mesa, sentóme nela, tal e como fixen fai dez anos e tento atopar
algún sentido ós misteriosos sucesos que me aconteceron naquel
tempo. Tódolos 17 de Maio, en datas tan literarias, lembro a cita
de Shakespeare: "Hai máis cousas no ceo e na terra que cantas
se soñan na nosa filosofía" e o corazón engrúñaseme
pensando que fun testemuña dun prodixio e que dez anos depois aínda
non sei, nin porque motivo, nin con que intención. Era un marabilloso día de primavera. O sol lucía en todo o seu esplendor e o aire, aínda frío, refrescaba as miñas meixelas arroibadas polos efluvios mariños. O meu café na mesa, as ondas do mar ós meus pés, o periódico nas mans e un sorriso nos beizos. Estaba a degustar un deses intres de completa felicidade que tan escasamente se prodigan. Permitinme interrompe-la lectura das noticias do día para entreterme na clasificación dos meus veciños; nas terrazas dos bares é este un deporte moi practicado; parellas de noivos, grupos de mozos e mozas, homes e mulleres sós, tomando o sol e un refrixerio. De contado detívenme na contemplanción dun rapaz que sorbía a modo unha beberaxe quente e lanzaba decote olladas a esguello por riba do ombro. Pensei que podería estar tratando de observarme ás súas costas pero axiña souben que estaba agardando por alguén. De súpeto a irrupción de dúas rapazas na terraza alporizou á concorrencia. As mulleres foron estudiadas con detenemento por tódolos presentes. Tratábanse de dúas coñecidas presentadoras de televisión que aproveitaban as vacacións para voltar ó fogar e lucirse entre a parroquia. Os murmurios eran constantes. Alguén opinaba que en directo defraudaban moito, outros pensaban que eran máis fermosas que na tele e os máis, contentábanse en percorrelas cos ollos, tomando notas mentais da súa indumentaria para poder comentala con outros amigos menos afortunados que hoxe non acorrerían ó Camaleón. As rapázas sentáron moi preto de min e do aposto mozo que aínda esperaba compaña. Desde a miña cadeira podía contemplalos tranquilamente sen ter que me remexer no asento. O camareiro achegouse ás presentadoras. Era un mociño moi novo, enfeitado cuns vaqueiros azuis e unha camisa branca. Os meus escrutadores ollos abanonárono de socato para acompañar a outro estrafalario camareiro que se cruzaba no meu campo de visión. Un individuo, maduro, de pelo cano e vestido cunha levita de raias negras e burdeos, portaba unha labrada bandexa prateada que contía un magnífico xogo de café de louza chinesa. Tan extravagante aparición atraeu toda a miña atención e seguín os pasos daquel verdadeiro mordomo ata a mesa que o agardaba. ¿Como fora posible que non me decatara antes da existencia daqueles enigmáticos veciños? Ata aquel mesmo momento non pousara nin unha soa vez a mirada encol daquela mesa, que por certo, achábase moi preto de min, do mozo solitario e das famosas presentadoras. Nembargantes alí atopábanse os catro clientes máis abraiantes de todo o bar, sentados nas súas cadeiras de plástico amarelo idénticas ás demáis. Mais o seus aspectos distaban moito de gardar algunha similitude cos do resto dos parroquianos e obrigáronme a abri-la boca estupefacta perante tan asombrosa imaxe. Dous homes e dúas mulleres, vestidos completamente de branco con traxes de liño e peiteados como noutra época, servíanse o café que o mordomo acababa de proporcionarlles. Partían unha celmosa tarta cunha cubertería de prata e mollábana nas cunquiñas de louza chinesa, rindo e conversando animadamente. Semellaban un cadro extraido dunha película antiga. Dous enormes mastíns dormían ós seus pes, protexendo as raquetas de tenis amoreadas no chan. O mordomo acercouse de novo á extraordinaria reunión para entregar uns periódicos por min descoñecidos e que de seguro, non se editaban no noso país. Non comprendía o que estaba a ocorrer, nin quen podía ser aquela xente mais non me tardou o cerebro abouxado polo sol, a pesadez da dixestión e a placidez da tarde, en espertar. -¡A cámara indiscreta!- exclamei. ¡Dende logo! ¡Non podía ser outra cousa! As presentadoras ían a ser obxecto dunha broma televisiva dun momento a outro. Antollouseme divertido presenciar en primeira liña de lume unha montaxe de tal especie e sorrín para os meus adentros satisfeita. Ninguén ollaba para as duas parellas doutro tempo, por iso coidei que tódolos alí reunidos estaban conchegados co realizador do programa. Só eu me colara na rodaxe sen ser convidada. ¡Estupendo! Comportaríame como tódolos demais para que non se decataran da miña silandeira incursión. Non perdía detalle dos movementos dos actores e abraíabame que as presentadoras non borboriñaran sobre os inquilinos da mesa veciña. Pero xa se sabe como son os da televisión, xente curtida en un milleiro de batallas e que non se sorprende por nada. De repente o meu campo de visión quedoi ocupado por un recén chegado. Un suxeito acomodouse na mesa do mozo solitario e aposto. -Sinto a demora. Eles aínda non saíron do restaurante.Vin o máis axiña que puiden. Quería atoparte só. -¿Que é o que pasa? O camareiro, o normal, o do bar, preguntoulle ó que acababa de sentar que desexaba, detivendo deste xeito a conversa. Deume tempo en matinar sobre eles e resolvín que tampouco estaban relacionados ca rodaxe. Non se ocupaban da mesa dos cans, ni das presentadoras e polo ton que mantiñan, debían ter asuntos moi importantes que tratar. Decidín esquecer momentaneamente a cámara indiscreta, mentres non comezaba a acción ( tiña entendido que a gravación dun programa de televisión era unha laboura lenta e tediosa) e concentrarme nos homes do fronte coma unha mexericas consumada. Cando se afastou o camareiro a conversa continuou. -¿Que é o que ocorre?- preguntou o ata agora mozo solitario. - Xan será nomeado xefe da túa sección- deixou caer como unha bomba o outro home. -¡Non pode ser! ¿Como é posible? -Non sabes canto o sinto pero así están as cousas. é o fillo do propietario e non hai quen poida... -¿¡Sabes ti canto traballei!? ¿Sabes o que me custou presentar a tempo o proxecto? -Sei que non é xusto. Sei que ti o mereces máis que ninguén pero xa está feito. Quería que o souberas por min. Ignoro como o van anunciar pero quizais cando chegue o solte sen máis. Non desexaba que perderas os nervios na súa cara. -¡Non o podo crér! ¡Non podo! ¿Porque no meu departamento? ¿Porque? Ten tan pouca preparación para el coma para calquera outro. ¿Porque? ¡Non o entendo! -Home eu... -¿Que? -¿Que queres que diga? - ¡A verdade! ¡Débesmo! -Supoño que é pola túa muller. -Así que ti tamén o sabes. ¡Todo o mundo debe estar ó tanto! ¡O fillo do xefe non escolleu o meu departamento, senón o da miña muller! ¡Cabróns! -¡Acouga macho! Sei que é terrible pero non debes perde-los nervios. -¡Tes razón! Xa que perdín o orgullo, a muller e mailo posto, alomenos debo conserva-los nervios. Atopábame embebida na escena. Estaba claro que ésta era unha escena da vida real e dramática dabondo, por certo. O mozo senlleiro estaba a piques de romper a chorar e o seu compañeiro desfacíase en frases tópicas para calmalo. Sentinme un pouco culpable por asistir á traxedia daquel home sen ser invitada pero nin todo o ouro do mundo, nin o comezo da rodaxe da cámara indiscreta, lograrían que afastase os oídos da mesa do fronte. Axiña houbo máis convidados. O aposto rapaz tentou recompoñerse sen moito éxito. Amosaba a fasquía dun home derrotado, noqueado e derrubado dun só golpe. Eu non deixaba de espreita-los rostros dos dous novos compañeiros, tratando de adiviñar cal deles era o noxento fillo do xefe. Descubriuno de seguida. Un apalpou o ombreiro do estragado mozo. -¿Xa sabes que imos traballar xuntos? De agora en adiante tomarei a dirección do teu departamento. ¡Podes estar tranquilo! Ti seguirás no posto de subdirector. -¡Que amable!- dixo o xove a piques de esvaecerse de ira. -Non é amabilidade, é visión empresarial. Es un bo elemento e fas un bo traballo. ¡Non poderiamos pasar sen ti! De súpeto unhas rechiantes gargalladas estouparon na mesa dos catro actores da cámara indiscreta. O mozo e eu mesma, ollamos cara a eles. A risa fixera acto de presencia no intre menos oportuno. Semellaba que se estaban a rir a causa das palabras do fillo do xefe, é dicir, parecía que se burlaban do infortunio do protagonista do drama. ¡Isto era imposible! Desde a súa posición non podían escoita-lo que naquela mesa se dicía. Posiblemente as gargalladas estiveran motivadas polo inicio da broma ás duas presentadoras. O fillo do xefe nin se inmutou e continuou coa súa perorata. -Ademais eu terei que viaxar moito e é importante ter persoal de confianza na oficina. -¿Manterás a Cristina no seu posto de secretaria do director? -¡Sen dúbida! A túa muller é unha estupenda secretaria. As risas voltaron a estrondar na terraza do bar. Realmente eran moi amolantes e impertinentes. O mozo solitario era da miña mesma opinión; o seu rostro acendeuse coma unha tea e dedicou a ollada máis chea de xenreira que eu endexamais contemplara, ós catro seres brancos e rebuldeiros que semellaban non ían a rematar nunca coas lerias. Estes decatáronse de que eran observados e voltáronse cara el, sen parar de rir e saudándó con rexoubeiros acenos. ¡Era máis do que ninguén podería aturar! Pero o xove soportornou sen se erguer da cadeira e sen os increpar. Un dos catro chamou ó seu mordomo que de súpeto case se materializou coma unha verdadeira pantasma. Entre todos encheron unha cunca de louza chinesa facéndolle sinais ó noqueado e ordenaron ó mordomo que lla achegara. O suxeito de levita a raias, aproximouse á mesa dos catro compañeiros. Alí permaneceu, en pé, coa cunquiña na bandexa e coa mirada cravada no destinatario do agasallo. Ninguén se preoucupaba pola súa presencia. Todos seguían conversando, agora doutros temas de empresa e non se interesaban por tan estraña persoaxe en tan estraña pose. A fin o camareiro novo, o dos vaqueiros, pasou por casualidade ó redor da mesa e o mordomo pousou a cunquiña na sua bandexa baldeira. Coido que non berrei pero si lembro como o corazón me latexaba no peito ameazando con facer nel un burato. ¡Non era unha alucinación! ¡Non! ¡Estaba certa de que non tomara o sol demais! Era un feito real que a cunca de louza chinesa, ó tocares a fonte do camareiro, trocara de forma e cor, converténdose nunha cunca corrente de café igual a calquera outra das moitas que descasaban nas mesas de plástico do Camaleón. O camareiro decatouse da presencia dun pedido que non lembraba e movido por un resorte, ofreulla ó aposto senlleiro. As gargalladas ían a máis. Os catro xoviais xogadores de tenis, vestidos de liño branco, saudaban o derrubado xoven e rían enfeitizados. O mozo solitario rechazou a beberaxe inmediatamente e sorriu morriñoso ós barulladores do lado. -E para el.- indicou sinalando ó fillo do xefe. E o camareiro retirou a cunca baldeira do fillo do xefe. E o camareino depositou a nova cunca no seu lugar. As gargalladas eran agora enxordecedoras pero nin as presentadoras, nin o resto dos figurantes se inquedaban por elas. Comecei a pensar que en todo o bar non había un só actor e que, ou ben, estaba tola, ou aquel 17 de maio ía ser un día moi sinalado. O fillo de xefe bebeu. O fillo do xefe ergueuse dun brinco. O fillo do xefe agarrouse o peito. O fillo do xefe caeu morto enriba da mesa de plástico amarelo. Nesta ocasión si berrei, como berraron tódolos los clientes do bar. Unha muller achegouse axiña, dicindo que era médico. As gargalladas continuaban, ían en aumento, máis forte, cada vez máis forte, ¡demasiado forte! Volteime entre furibunda e estarrecida cara á irrespectuosa cuadrilla. ¡Non a atopei! As risas soaban naquela tétrica terraza pero a mesa estaba baldeira, limpa e soa e dos seus risoños ocupantes e do grave mordomo, non había nin rastro. O 17 de maio remataría sen o fillo do xefe, sen os catro riseiros mozos e sen o mordomo. A prensa falou moito do suceso: "Infarto de miocardio na beira do mar." e as dúas presentadoras convertíronse en testemuñas de excepción que explicaban decote, na radio e na televisión, o terrible caso que presenciaran en primeira liña de lume. Pero elas non sabían nada. ¡Miña fora a primeira liña de lume! As dúas rapazas nin un só intre se decataran da malfadada comparecencia do cuarteto mortal, nin do mordomo, nin dos mastíns, nin da louza chinesa, nin do mozo derrubado. Só eu souben que a broma da cámara indiscreta, lla gastara o destino ó noxento fillo do xefe e ó aposto mozo senlleiro. Pero...¿Porque? ¿Teñen acaso as bromas motivos? Ben é verdade que hai máis cousas no ceo e na terra.
| |
| Milagros Oya Martínez | Volver a Mil Primaveras | |