| O de sempre | ||
![]() |
A COMEZO a estar farto, non hai caso, xa probei tóda-las opcións deste maldito menú e aínda segue sen ir adiante esta configuración.Venche sendo o de sempre, unha mañá como as de sempre, sempre no mesmo lugar dándolle á tecla, coa mesma cadeira e a mesma xente ó meu redor. Có Xocas, que é un siaeiro incondicional
do Depor, métome de cando en vez para racha-la rutina (odio esta rutina de sempre), o certo é, que me meto con calquera que sexa siaeiro por
que si, por levar a contraria do que á maioria da xente lle gosta facer,
son así, son do montón dos que non queren ser do montón. O único que me da folgos para remata-lo día é observa-lo edificio que me amosa a miña xanela, (gracias a Deus que me tocou a xanela, xogámonola a sortes no despacho), é un edificio coma outro calquera do mundo "civilizado", un edificio como os que ves a centos ou a milleiros en calquera cidade, un edificio coma os de sempre, cadrado, liso e con "x" xanelas, pero o meu edificio ten algo de particular, algo que o fai diferente, i é esa rapaza do segundo que me fai brinca-lo corazón cando sae a sua xanela, a sacudi-la alfombra ou a ventila-la casa, esa rapaza morena, con eses ollos que se perden na rúa, e me fan matinar como será, e que cousas fará, que lle andará a pasar polo seu maxín, e que ...., xa marchou e outro dia máis non fun quen de dicirlle nada, estou farto de ser tan apoucado, pero mañá o farei, mañá serei quen... namentras pasarei outro dia máis, diante do meu ordenador, cos meus problemas de sempre, e no mesmo sitio de sempre, agardando a mañá.
| |
| Camilo Regueiro | Volver a Mil Primaveras | |