Barbacoa

Pra os roldeiros de Galicia-l
Pra ela

O SOL BATÉNDONOS nos ollos foinos algo traballoso dar coa casa, pero á fin vímo-lo número e chegamos. O Peter e eu amais uns "six-packs" de cervexa mexicana e bostoniana. Ó vernos Bob saíu á porta coa cativiña no colo, sorrindo como se gañara á lotería. Saudámonos ledos e fixémoslle-las parvadas correspondentes á neniña, o Peter máis que nada, que é quen gusta dos nenos. Entramos e saudamos tamén á Jean, a muller do Bob. Dímono-la man, tamen Peter que a coñecía doutra vez cando Bob amais ela voltáranse xuntar había dous anos. Agora casaran e tiveran á Jeañie, a cativa. Viñamo-la coñecer.

O Bob é de Coñecticut e a Jean dalgures no leste pero é de sangue irlandés e ben que se lle nota. Ten unha faciana redondiña e ollos azuis como moitas rapazas na Terra. Tamén ten algo da timidez brusca de alén do Atlántico. O Bob e o exemplo de americán, bo rapaz e falangueiro, e ten moito pulo das súas Jean. Coñecemos de hai xa anos.

Namentres falabamos chegan dúas amigas da Jean, así que deixoas falando e ó Peter xugando coa pequena e baixo co Bob o xardín a mirar pola cea. Hai "shésh-kebab" a facerse, de raxo e vexetal. A barbacoa fixérona dun "kit" entre o Bob e o Timmy, o fillo de Jean. Timmy ten doce anos e é igoal ca nai. A barbacoa costáralle noventa e nove dolares de oferta. Ule ben. Debíase estar ben nista tardiña de New Mexico escomenzando o vrán. O ceo eiquí é azul azul, un azul que escacha coma non vin en ningures, nin na Terra. Aparece máis xente e xa vai sendo hora de irlle dando á cea. Os que fallaban por chegar eran un oriental, cecáis xaponés, coa muller e a filla. A muller é branca mais a filla é oriental. Non collo os seus nomes. Veña nenos. Nestas tamén chega o Timmy e xa estamos todos. Imos servindo a comida e comendo. O xaponés é un coñeiro de carallo e armamos barullo dabondo. Falamos parvadas e rimos a gargalladas. Por veces a conversa desfaise en homes e mulleres. O Peter segue a xugar agora cos dous nenos namentras come. Bebo cervexa e probo a sangría que fixo unha das amigas da Jean. Non mala pra seren gringa. Dígollo e faime moitas festas, pero é gorda. O polo adovado en chile vermello esta moi bo inda que a barbacoa non é de brasa que é de gas, e o "kebab" non e malo tampouco. Énchome e as fresas de postre deixanme a estoupar. Nisto vai caendo a tardiña e os nenos vanse poñendo parvos. Haberáse que recoller. Duas "Sam Adams" máis e rematamos cunha botella de Moet que leváramo-lo Peter e eu outra vez. Ímonos indo. A noite ten cen mil estrelas e niso sí que é coma na ría de Pontevedra nas noites de contrabando. Despedimos con moita leria.

Marcho tragando as bágoas de ve-la Jean que é igoal que ela co mesmo nariz e os mesmos ollos e os mesmos xestos e ata o Timmy e igoal que o irmán dela e agora non entendo porque fomos por cadanseu lado cando ela foi tanto pra min e coido que eu pra ela e porque hostia tiñase que parecer tanto a ela e ata o fillo irlandeses o puto sangue celta igoal bebin "Sam Adams" de máis pero estou feito polvo do que a boto de menos será por estar a seis mil millas pero como si estivera na lúa ela non ha voltar non hemos voltar a Jean é igoal que ela.

Anxo Sánchez
Los Álamos
USA
Volver a Mil Primaveras