Terra do Caurel |
![]() |
|
| Xa faguía unha longa tempada que eu vivía na casa de Abrantes
como adeministrador dos señores de Basilie, aló na brava terra
do Caurel. Era unha vella torre do século XIV según lle ouvira decir a un dos señoritos, feita cando os seus
avós dominaban naquila comarca hastra o val do Sil. Era outa,
moura, coas paredes cheas de lañas, cubertas de hedra... Un gran
escudo de canteiría, no cimo da porta, decía que era casa de señores. Nil figuraban
testas de lobos, aguias, lagartos, froles raras. Tiña muradelas que cinguían a horta, o souto da
entrada, a aira i o xardín. Era a casa máis forte que había en tres légoas á redonda. Collíanse máis de cincocentos ferrados de centeo. En canto á facenda, mantiña dúas parexas de bois e doce vacas e xatos. Hai que engadir vinte ou trinta porcos co seu castizo, e cabalos, bestas e machos. A habenza contaba máis de duascentas cabezas. Dous mastís das terras de León, Lusco e Fusco, un branco i outro mouro, loitaban moitas veces co lobo polas defender. O Lusco sempre me faguía compaña cando baixaba á vila. E digo baixaba, porque a torre de Abrantes está a máis de oitocentos metros sobor do nivel do mar. Iba sempre a cabalo, pois tiña que andar máis de catro légoas por fragas, devesas e cavorcos. Millor dito, eu non andaba nada; era a besta ou macho. Non é nada doado vivir naquilas terras sen cabalo... Sempre tiven querencia, moita querencia, ós cas de palleiro. Cando me vía arrea-la besta, o can rebuldaba coma un neno. Brincaba, xogaba coíla, e lle lambía os fuciños. Á volta, o Lusco poñíase máis ledo aínda. Ó ve-la torre antre os bravos cumiales, parecía louquear. Ladraba, rebrincaba, ouveaba, i hastra me botaba os dentes ós estribos ou ás polainas. Eu tiña que menazalo pra que se estivese quedo, faguendo zoar a fustra. Tratábao con moito agarimo. Por aquilas terras queren moito ós cais (como iles din). Chámanlles velliños, que é o xeito máis amantiño de chamar a alguén. Tamén eu me poñía moi ledo cando voltaba. A porta da casa daba cara ó sollío. Alí me estaban agardando os criados i os cas. ¡Dende a ampra solaina acenábanme tantas soaves lembranzas...! ¡Vivira alí tan tranquío anos e anos...! Aló quedaban Pacios, Quintá, a ribeira de Quiroga. Cando era tempo sereo, a escuma azuada da lonxanía faguíame pensar na Groria. Os cumios dos montes parecían pintados por un anxo. Era de mel aquil silencio. Cando recordo todo aquilo, sinto unha tristura moi doce e moi fonda. Alí quedou miña mocedade nos baixíos ateigados de abrotias, nos cimos cheos de carpanzas. Terra de Caurel, aspra e forte, de inxente beleza... Terra brava de lobos e aguias; terra outa de fragas e devesas. Pode ser que eiquí se achen as devesas meirandes de Galicia. Hai faias nilas, e choplos, rebolos, bidueiras. Algús albres chegan ós trinta metros. Nos sitios lamaguentos ondia a iauga se encora, tamén se atopa unha especie de salgueiro que se chama paleira, ou simpresmentes, nas salgadas terras das ribeiras. Nas devesas da Rogueira e do Rebolo hai teixos grandismos que teñen centos e centos de anos. Atravesar un distes boscos leva varias horas de camiño. Por alí andan o lobo i o xabarín. Unha vez vimos dez lobos xuntos cando íbamos a derrubar unhos castiñeiros bravos pra faguer unhas vigues. Nunca vin aguias tan fermosas como as dista terra, que eiquí chaman aigues. Unhas son loiras; outras brancas, coma de prata. Tamén son as meirandes que vin. Son moi valentes. Hastra din que se levan os lobecos. Pra ondia queira que se olle, vense os montes máis outos da Serra: O Pía Páxaro, Lucenza, Montouto, o monte da Golada. Seus cumios están cubertos de neve hastra o verao. Nos días sereos do inverno e da primaveira, relocen coma si foran de azucre. Según os vellos máis vellos fai moitos anos nas devesas había osos e cervos, e nos cumiales muitos rebezos. Mais aínda se atopan corzos e xabarís. E tamén moitas perdices, lebres e coellos. Polas terras veciñas teñen sona de moita caza istes montes. Eu, moitas veces, teño cazado nun día máis de vinte perdices. Os labregos cázanas en vivo con trapela ou ichó, e lévanas a vender ó val de Quiroga. Tamén se atopan algunhas londrias, que non é nada doado cazalas. As pelexas lévanse a vender a calqueira vila de Ourense ou Lugo. Non creio que haxa en ningures troitas máis finas e sabrosas que as distes ríos, ben sexan do Lor pequeno, do Quiroga ou do Soldón. Non é raro que un pescador traia prá casa á noite, oito ou dez libras dilas, sen empregar a dinamita ou os boliches de carburo. Os que estamos afeitos a comelas, xa non lle damos valía. Tamén hai arceas e lavancos, e moitos parrulos bravos na lagoa da Seara, que mide us mil douscentos metros de perímetro. Por iso son chamadas istas terras o paradiso do cazador e do pescador.
Toda a comarca non chega ós sete mil habitantes. Os pueblos principás
son, Seoane, que os labregos indíxenas chaman Savane ou Sabane, Folgoso e a Seara. O derradeiro non ten carretera. Os dous primeiros
son vilas. E moitas aldeias, coma Vilamor, Vilarbacú, Soldón,
Pacios da Serra, Veiga de Brañas, Céramo, Santa Eufemia, Hórreos,
etc. Moitas parroquias quedan sen crego varios anos, e moitas
escolas tamén sen mestre. Os forasteiros non queren parar eiquí moito
tempo, pois atopan isto moi bravo, arredado da civilización. Cecais
os arrepíe a friaxe distas terras tan outas. Mais o crima é moi bon prá saúde. Ademais, hai augas que remedian moitos males. Perto da Seara hai unhas fontes ondia van a beber moitos forasteiros pra se curare. Dunha, abrolla un cachón de auga roxa, ferruxinosa; doutra, unha iauga branca como a leite, que debe ter calcio. Non embargante, hai moito galoxo ou bocio na comarca. Empréganse os cocimentos de unto de cóbrega pra curar varios males. Cecais a razón sexa ista: ó dar unha gran calentura varren os microbios.
Hai tamén moitos menciñeiros e compostores de ósos. Hai mulleres
que se adican a iso. Cáseque todas teñen sona de meigas. Tamén eiquí óucese falar do Crego de Remesar, en terras de Bóveda,
o millor compostor de toda Galicia, según ista xente. Hai moito mineral de ferro por istes montes. O mineral chámase a vena, e venaqueiros os queipos que se empregan pra levalo. Diso vén o nome toponímico de A Veneira, que se atopa tanto. Non ten nada que ver cos abeneiros ou amieiros, chamado en castelao alisos. Hai ferreirías en moitos sitios, dende Pacios da Serra hastra Rugando (xa en terras de Quiroga). Por certo que a Quiroga, os vellos aínda lle chaman Queiroga, coma o río do mesmo nome, epónimo da comarca e de moitas familias.
Unhas das meirandes fontes de riqueza dista terra é a madeira.
Deiquí sae tódolos días moitas madeiras de concheiro ou nogueira,
choplo, castiñeiro, etc. Poucas coníferas hai por Caurel, a non
ser o texo ou teixo das devesas, os máis corpulentos que nunca
vira. |