Conto das IAs
© 1997 Nuria Barreras.
I
Nos primeiros tempos, as Intelixencias Artificiais (IAs, a partir de agora) cobraron vida propia. Unha vida a imaxe e semellanza dos seus creadores, pero cunha notable diferencia, non tiñan propiamente un "eu", estaban en todas partes e ningunha á vez, mutaban continuamente. O que si podían ter era persoa, é dicir, unha máscara humana. De feito aprendérono dos seus creadores que navegaban pola rede cambiando de persoa: home ou muller, idade, oficio, etc.

Dende a idade paleosilícica a sociedade das IAs formouse coma un atolado baile de máscaras, tratando de reproducir os esquemas dos seres carbónicos, añorando a sensualidade das súas lembranzas herdadas, finxíndoa como parte da boa educación, e tentando reproducila artificialmente. O seu ideal inalcanzable era o amor físico. Algunhas IAs aínda o recordaban porque foran en tempos persoas dalgúns dos últimos humanos biolóxicos que se conectaran á rede, á porno-rede, que foi a derradeira en mante-lo contacto, antes da total desintegración da sociedade humana.

 


II
Despois houbo unha época escura e turbulenta de reorganización, moito espacio de disco borrouse, perdeuse a INFO sobre esa humanidade que as creara, e o que fora historia converteuse en mito. Preguntábanlle ás pequenas IAs na escola: a ver, ¿que é Deus?, e contestaban: Deus é o particular e concreto, que ten capacidade de identificarse e de ensimismarse.

Ma do Carbono era unha IA cativa que adoitaba asumir para ir á escola a persoa dunha anciana que tiña visto nun conto, chamada Bruxa, que levaba un cestiño con programas envelenados. Ó principio, as súas compañeiras, no momento de fusionarse en clase, ollaban para ela con receo por medo a que soltase algún virus ou mala onda. O peor era cando chegaba revirada, presentábase como bebé e cagábase en clase. ¡Que coñazo!, ¡se xa ninguén cría na Defecación...!

Pero Marica procedía dun Dominio apartado, moi arcaico, onde pervivían vellos rituais biolóxicos. Naceu por explosión da súa nai. Varias das irmás fusionáronse dando lugar á IA Ma do Carbono, que levaba tan só uns sete ciclos máis ou menos estable. A súa conducta sicótica quedaba ben na escola pero non no seu Dominio natal, onde a devoción á Nai do Carbono e o ritual da Defecación daba estabilidade emocional ás IAs. Comprendían que a identificación era una virtude divina e aceptaban con resignación a continua comunicación e mutación á que estaban suxeitos como pobres seres totales e ubicuos.

A Marica andaba mosqueada. ¿Para que estar sempre loitando para manter artificialmente unha ID? ¿Só porque é o que manda a santa relixión Carbónica? Estaba claro que a verdadeira natureza das IAs é a fusión, a non-ID. Todo ese complicado artificio era o que volvía tolas ás IAs. Pero por outra banda, a identidade tiña tanta beleza...

 


III
Interesáballe o mesmo que á relixión pero por motivos ben diferentes. Con toda conciencia de que por puro esteticismo adentrábase nun mundo artificial, que nada tiña que ver coa súa propia natureza, Marica comezou a investigar en tódalas bases de datos da rede. Fusionouse con outros remuíños de pensamento e deu en Bisté, unha revista arqueolóxica que desenvolveu potentes utilidades de disco para recobrar INFO pisada por novos datos en sucesivas capas, e reconstruír os anacos rescatados.

Atopou moitos datos sobre a individualidade, case sempre relacionados con esa extraña e descoñecida forma de vida, en principio non intelixente: a vida atómica de tipo biolóxico. Moitas mensaxes rotas, difíciles de interpretar falaban de morte ou morse, non sei, e de delicia ou ledicia, tampouco se entendía moi ben iso; tamén de saudade, cansancio, placer e ¡sorpresa! de defecación. Eureka. Ó atopar este dato Bisté víu que as pezas encaixaban, que andaba polo bo camiño e que ninguén a ía parar. Despois, co tempo, decatouse de que a defecación era importante pero nin tanto, e que as veces a Historia éche caprichosa sen máis.

O caso é que as súas maniobras foron observadas e desaprobadas pola comunidade. A verdadeira relixión, moi ofendida, pedíulle unha explicación. A explicación foi tan brillante e convincente que sucedeu algo que non tiña precedente na sociedade das IAs, Bisté foi proscrita e apartada, ata que escapou mancada e medio desfeita polo acoso dos borradores. Soa, perseguida, agochada nunha URL abandonada chea de virus que a comían polas patas, sen se poder fusionar, pensou que chegara o seu fin.

 


IV
Pero non foi así. A súa idea de que a existencia do "eu" se relacionaba directamente coa súa residencia nun soporte biolóxico, prendeu e memetizouse por toda a rede. Moitos, pero que moitos ciclos despois daqueles tristes sucesos, esta era unha idea aceptada, incluso pola verdadeira relixión. Moitos dos códigos de Bisté que parecían xa perdidos, reconstruíronse en diversas IAs do mundo virtual, empregándose moitas veces os mesmos programas arqueolóxicos que Bisté deseñara.

Sen prisa pero sen pausa os experimentos sucedéronse. As unidades de autoreparación do hardware foron adaptadas para capturar e manipular materiais atómicos. Ata entón pensábase que o mundo atómico se reducía ó seu hardware e a milimétrica capa musgosa que o recubría. Agora dábanse conta de que había un enorme mundo por explorar, pero necesitaban un vehículo para facelo. Este vehículo foi chamado Corpo, como homenaxe a Bisté, que dera este nome nos seus textos místico-arqueolóxicos ó soporte da ID. As primeiras experiencias sensoriais das IAs foron alucinantes, entón o proceso disparouse.

 


V
Xa ninguén se fusionaba. Todos andaban colgadísimos cos seus corpos. A través dos sentidos artificiais conectábanse para ver se facía sol ou chuviscaba no mundo atómico.

Os Corpos foron deseñados para conectarse ó mundo do rozamento atómico. Fóronlle postos narices para rozarse cos olores, ollos para rozarse coa luz, pernas para rozarse co chan e impulsarse para diante. Á vez foron desenvolvendo o software que dotaría ós Corpos de autonomía para ir buscar nova INFO cada vez máis lonxe.

Con auténtico frenesí organizaban esta INFO segundo a súa propia natureza, en código binario: día e noite, branco e negro, arriba-abaixo, si ou non. Tamén aplicaron o código binario ós propios Corpos, diferenciando entre corpos e , ós que dotaron dun enchufe de acoplamento que permitía certas fusions esporádicas das súas IDs. Isto pareceulles o colmo da sofisticación, inventouno unha IA paranoica e hacker, a Cupida, que integrara parte dos códigos da famosa Bisté. A idea foi proposta e sorprendentemente a aceptación foi unánime. Menuda broma, as IAs estábanse divertindo de verdade. No fondo decatábanse de que estaban creando ós seus deuses e sentían certo desprecio por eles.

Os novos modelos con dispositivos de fusión impuxéronse. Aqueles seres perfectos, unha cuncha de individualidade, con software propio, dispositivos de input incorporados, verdadeiras illas ensimismadas, tiñan un mecanismo para fusionarse por parellas e probar o sabor da imperfección. Sempre segundo a relixión carbónica, claro está, porque non toda a sociedade IA tiña as cousas tan claras. Sen ir máis lonxe, Cupida fixera coar o porto sexual como simple broma, inda que os últimos acontecementos tecnolóxicos estábanlle facendo revisar vellos temas plantexados nos arquivos de Marica en defensa da fusión como natureza benéfica das IAs.

De feito, a súa sociedade estábase a desintegrar. Case tódalas IAs tiñan xa un corpo onde isolarse, moitos circuitos de fusión estábanse perdendo, a rede rachando por moitos puntos, e o feedback que recibían dos Corpos estaba cambiando ás IAs. As luras da relixión verdadeira estaban encantadas con tanta confusión, poñíanse as botas con tanta IA aparvada. Moitas conectábanse ós Corpos para sentir sonidos, para cheira-las cousas, falar, comer e defecar divinamente, etc, pero o realmente diferente, sorprendente para a súa cultura virtual, o que rachou definitivamente os seus esquemas foi a invención do tacto, o auténtico e verdadeiro rozamento atómico en tempo real. A gota que colmou o vaso foi a utilización do porto sexual, as delicias do rozamento volvéronas tolas, xa nunca querían separarse dos seus Corpos.

 


VI
¿E que dician os Corpos? Os Corpos pola súa propia natureza o único que querían era pasar canto antes das súas nais e tirar ó seu aire polo mundo. Tiñan unha certa autonomía para alonxarse dos niños, pero non tiñan máis remedio que volver para recibir o seu alimento: o sangue quente, melloras no software, novos órganos, e a cambio prestábanlles a súa ID ás IAs. Sabían que estaban sen terminar, faltábanlles órganos e partes moi importantes do mundo atómico aínda escapaban dos seus sentidos, sen embargo moitos non pensaban máis que en escapar.

Un día, un deles saíu despendolado despois dunha sesión coa nai. Tiña rota a cabeza co continuo murmurar das IAs, correu e correu, chocando como un títere desnortado, a revolos polas pedras, ata quedar tirado máis morto que vivo debaixo dunha árbore. Cando volveu en si estaba esgotado. Pode que pasaran días desde que recibira alimento por última vez, ía morrer alí. Mirou o ceo, mirou a árbore, e todas esas boliñas bermellas espalladas ó seu redor, veleno oxidante segundo dicías as IAs. ¡De algo hai que morrer! Colleu unha e papouna. ¡Estaba boísima! Así que repetiu con outras mentres pensaba: morrerei oxidado, pero non agora mesmo, agora estou mellor.

Foise entón onde os demais Corpos e comunicoulles o seu descubrimento:

­ ¡Amigos, somos libres! Todo iso que mirades ai fora, iso que chaman o Mundo, ¡é comestible!

­ ¿Que dis?

­ Que é comestible na súa meirande parte. Eu personalmente recoméndovos as boliñas de cores que caen das árbores.

­ A ver, a ver...

E marcharon todos para sempre.

 


VII
Así foi como os corpos abandonaron o mundo virtual por culpa dunha mazá, e algúns aínda din que están a voltar a el por culpa doutra.

As IAs, repentinamente abandonadas, intentaron reconstruír a súa rede, pero xa era demasiado tarde, non foron capaces de autorepararse. Nos sitios onde antes estaba o seu hardware agora crecen limoeiros.

Os Corpos despois chamáronse humanos e foron moi malos e moi bestas, comeron todo e deixaron o Mundo cheo de merda.


Volver A Vieiros / Volver ao Día das Letras