As orixes do 17 de maio |
![]() | ||
![]() Este e un dos primeiros carteis que anunciaron o Día Das Letras |
A adversidade
agudiza o enxeño. O pobo galego lévao demostrando durante
séculos e foi quen de saír da escuridade tantas e tantas veces... As iniciativas que tentaban de recuperar a nosa identidade, se ben diversas e emprendedoras, chocaban, por un lado, coa afogante situación, e pola outra, coa desorganización que presentaban os sectores intelectuais e políticos da oposición democrática e galeguista, tanto no interior do país, coma no exilio. A xente do interior, estabilizada e activa nas mínimas posibilidades que ofrecía a censura, traballaba tendo como elemento central a actividade cultural. Só así podemos entender o éxito dunha proposta tan sinxela, pero á fin tan efectiva, que presentou diante da Real Academia Galega D. Francisco Fernández del Riego, xuntamente con D. Manuel Gómez Román e D. Xesús Ferro Couselo: celebrar, celebrarmos, un Día das Letras Galegas no que se puidesen honrar e dar a coñecer as obras dos nosos autores e autoras máis importantes. Francisco Fernández del Riego escolleu o 17 de maio por ser esta a data que figura na adicatoria a Fernán Caballero en Cantares Gallegos, a nosa primeira obra moderna. Desde aquela primeira edición de 1963 trascendeu o 17 de maio os lindes do puro formalismo académico para se constituír en día -polo menos un- onde se puidera afirmar a nosa identidade colectiva. Comezando na primeira edición con Rosalía de Castro plasmouse o desexo de unir pobo, cultura e identidade diferenciada nunha mesma celebración porque a autora superaba, e aínda supera se se quere, a etiqueta de simple escritora, porque hai unha imaxe de Rosalía que agrupa, simbolicamente, ós galegos. Sen ela o saber, abriu por segunda vez un novo rexurdimento para a lingua. E desde ese momento o Día das Letras espallouse e tomou corpo ata chegar a tódolos lugares do país e moito máis alá, na diáspora, na Internet... Por un día, desde o tempo da Longa Noite ata hoxe, descubrimos e revisamos, renovamos e demos a coñecer a nosa literatura medieval, o grande chanzo perdido, a incomparable poesía amorosa e cívica, a fabulación ensoñadora, o nunca mostrado do teatro ... tantos e tantos autores e autoras que petan na nosa porta denunciando o olvido e facendo unha chamada ó futuro. 35 anos. 35 edicións. 35 autores. Os clásicos, os contemporáneos, homes e mulleres. Poesía, prosa ou teatro.... Coñecidos, descoñecidos ou inxusta e intencionadamente ignorados. De Cuevillas a Celso Emilio, de Pondal a López Abente, do mestre Pedrayo a Cabanillas.... trinta e cinco autores que a seguir se nomean para que lembremos que deron moito e moito significaron para este país. |
1963: Rosalía de Castro (1837-1885) 1964: Afonso Daniel Rodríguez Castelao
(1886-1950) 1965: Eduardo Pondal (1835-1917) 1966: Francisco Añón (1812-1878) 1967: Manuel Curros Enriquez (1851-1908) 1968: Florentino López Cuevillas (1886-1958) 1969: Antonio Noriega Varela (1869-1947) 1970: Marcial Valladares Núñez
(1821-1903) 1971: Gonzalo López Abente (1878-1963) 1972: Valentín Lamas Carvajal (1849-1906) 1973: Manuel Lago González (1865-1925) 1974: Xoan Vicente Viqueira (1886-1924) 1975: Xoan Manuel Pintos (1811-1876) 1976: Ramón Cabanillas (1876-1959) 1977: Antón Vilar Ponte (1881-1936) 1978: Antón López Ferreiro (1837-1910) 1979: Manuel Antonio (1900-1930) 1980: Afonso X O Sabio (1221-1284) |
1981: Vicente Risco (1884-1963) 1982: Amado Carballo (1901-1927) 1983: Manuel Leiras Pulpeiro (1854-1912) 1984: Armando Cotarelo Valledor (1879-1950) 1985: Antón Lousada Diéguez (1884-1929) 1986: Aquilino Iglesia Alvariño (1909-1961) 1987: Francisco Herrera Garrido (1869-1950) 1988: Ramón Otero Pedrayo (1888-1976) 1989: Celso Emilio Ferreiro (1912-1979) 1990: Luis Pimentel (1885-1985) 1991: Álvaro Cunqueiro (1911-1981) 1992: Fermín Bouza Brey (1901-1973) 1993: Eduardo Blanco Amor (1879-1979) 1994: Luís Seoane (1910-1979) 1995: Rafael Dieste (1899-1981) 1996: Xesús Ferro Couselo |
| Volver A Vieiros / Volver ao Día das Letras | ||