A lingua sabe

Quero falarche do amor.
En que lingua entende-me mellor?

Quero falarche do odio.
Para iso sós serve o inglés,
ben o sabes.

De que che podo falar en galego, entón?


 

 

Dúbida


Levo case vinte anos como residente fuxidma de Santiago. Teño feito o amor innumerabeis veces aquí e nas estradas. Sei o que son bagoas secas nos tellados do Toural, o carnaval de Merza coa música da lambada, o verdadeiro, o verdadeiro significado do día 25, a aparición das primeiras enrugas, sendo amada por un xeneroso galego. Cruzo rúas a soas, nao senlleira que endexamais quixen ser.

Chorei a morte da Señora Rosa da Praza, a que fora miña amiga cando aquí aínda non coñecía a ninguén (que frescas eran as verduras, que vermellas e que enchidas de frieiras as súas mans).

Cando morra, sei que terei que vir a Compostela. E aínda son invisíbel para vós.

Secomasí ficarei nesta praza, a escoitar o sosego da cidade mentres vós facedes viaxes a Londres ou París. E deixarei un pouco de outro país nistes liques valentes. E aínda serei invisíbel.

Chorará a Señora Rosa a miña morte?


 

 

Desacougo


Saímos de Santiago, arelantes de ar, liberdade de tanta catedral. Nos primeiros intres o sol era unha ledicia, os verdes novos, o mar... cómpre non mencionarmolo. Ninguén a fitar-nos. Ninguén que soubese a verdadeira historia do noso amor.

Ninguén.

Asustada, apañei o tren en Vigo, ou en Tui, ou nalgures máis alá da raia, para tornar a aquelas rúas, a istas pedras, onde ninguén nos fita, ninguén sabe a verdadeira historia do meu amor.


 

 

Historia verde


Só en Galicia pode chamar-se Río unha poboación
e pode chamar-se Verdugo un río.

Mais eu tamén coñezo un mundo que se chama
Ulfe.
E outro, cun reflexo máis alá cecais,
nome que seduce e fire a morte,
Trasulfe.

Povos sitiados.
A última invasión sería hai quince séculos.
A vindeira non chegara, porque entre castiñeiros milenarios
e teixos petrificados en espiral
estarei a axexar
atalaia celta polas corredoiras do val
a vixiar os soños da miña xente.

E ficará
a historia escrita, coma sempre,
nas ponlas de nogueiras e no mesto arrecendo
que mollan erba e estrume
ás oito da tarde dun xullo histórico
coa mesma tinta verde, eterna.

Dirá, sinxelamente:
'Aquí estamos nós'
'Aquí morremos sempre'


 

 

París


Cidade de luces, envexa do mundo enteiro.

Mais non tes
leitugas entre as paredes de Nôtre Dame
nen postos de polbo por Montparnasse
queixos a deformáren-se sobre leitos de fíos verdes
arrecendentes nos cestos da praza de Ste. Germaine
nen señores que van en bicicleta cun chifre que chama
a afiar os coitelos

Con tristura, miro arredor de min
e sei, dende sempre,
dende a praza do Obradoiro
á de Fonseca
e ás Algalias
(e confeso, con voz lonxana eu tamén)
que aquí, en París,
non hai poesía.


 

 

© 1997 Kathleen March.
Professor of Spanish; Director, Critical Languages Program
Dept. Modern Languages & Classics, University of Maine, Orono ME 04469
Telf.: 207-581-2088; fax: 207-581-1832
e-mail: Kathleen_March@voyager.umeres.maine.edu


Volver A Vieiros / Volver ao Día das Letras