Trinta e cinco anos de Día das Letras.

Por Xelís de Toro

 

Estes 35 anos case coinciden coa miña vida, nin que dicir ten que pouco sabía que se celebraba tal cousa mentres a min me limpaban os cueiros, xogaba as bolas, trompo e pasaba dos pantalóns curtos a longos. Á miña primeira vivencia do Día das Letras Galegas volverei máis tarde, agora irei mellor a como foi trocando a miña relación andando o tempo. Recordo estando no Instituto de organizar os festexos por medio da revista e a asociación que alí facíamos, e das que teño o orgullo de ser un dos fundadores, chamábase Limiar, e por estas novas que ás veces chegan entereime non hai moito que tal asociación e pode que a revista aínda estean vivas no Instituto Xelmírez. Era aquilo, buscar artigos, mecanografalos, pasalos a cliché, despois viñeron os clichés electrónicos, e dalle a manivela da multicopista, e despois vendela. Daquela organizaramos concursos literarios no día das letras, posiblemente trouxeramos algún confereciante a falar, e as librerías a cambio de anuncios regalarannos libros para dar de premio no concurso literario. Franco xa ía alá, sen embargo esta recolleita de libros que nos daban as librerías significara pouco máis que menos ir aos faiados, sotos, e recantos de cada local e recoller libros que obviamente vían pouco á luz e presumiblemente debían ter poucos lectores. Así era a cousa pouco máis ou menos. Literatura e entrega a unha causa pechada nos sotos das librerías, isto non é unha crítica ás librerías, que xa facían abondo dándolle un espacio, moitas nin sequera. Desde aquela choveu, nevou e fixo sol, pero non tanto. Se mencionei antes a Asociación cultural Limiar foi porque alí aprendín dos meus compañeiros unha boa lección, e que ten moito que ver co tema das letras galegas e da súa solemnidade. Neses primeiros anos romperamos esa idea de cultura-literatura-seriedade e fixerámolo divertíndonos. Eran os tempos en que a xente se reclicaba rapidamente das consignas aos porros, e aos rapaces daquela colléranos a contrapé, tratamos de coller o mellor dos dous mundos e épocas, e nunca se sabe se collemos o peor dos dous. O que si fixemos con éxito foi quitarlle solemnidade ás nosas actividades, introducir un aquel lúdico. Foi unha bonita lección que un dos membros, Roque Morteiro, aproveitou ben anos despois cando escribiu Seis cordas e un corazón.

 

Non cabe ningunha dúbida que a celebración das letras galegas foi unha desas moi enxeñosas ideas de Francisco del Riego, moi atinada e moi valiosa. Sen embargo, non poido máis que sentirme un pouco distanciado, afastado, das cirimonias e ritos que leva consigo. É un problema non único do día das letras galegas, a conversión do que foi unha literatura-cultura de resistencia a unha literatura-cultura oficial. O problema que vexo e ao que sen dúbida lle teño medo, é que a literatura-cultura galega acabe sendo iso, e nada máis que iso, que a cultura oficial afogue e arrastre consigo o que debe ser unha cultura e literatura da discrepancia, do desintemento, da crítica, da autocrítica. Non teño nada en contra que se loube aos mortos, e máis sabendo que sen o traballo de moitos deles, como no caso de Fole, dificilmente estaríamos hoxe a falar de literatura galega, pero recoñezo que non son adorador de mortos, eu prefiro celebrar O Xabarín. Na pedra nasce o musgo, e daslle unha patada a unha pedra e sae debaixo unha banda de rock roll. Hai máis letras galegas en tres ou catro tipo-as chupados que se xuntan a facer unha revista de poemas a fotocopia que na parefernalia oficial que festexa o día grande, mentres estes tiparracos existan as cousas irán ben.

 

É dificil ler e escribir nunha literatura que ten que ser subvencionada, un pregúntase moitas cousas, pero o que creo nos mantén a moitos en activo é a esperanza de que algún día poderá deixar de selo. O mellor que podemos esperar para a nosa literatura é que haxa espacio para todos, para os que lle dean máis importancia a literatura como refrexo dunha cultura nacional, dun espiritu colectivo, e para os que nos gustaría que a nosa literatura valla para disentir, e teñamos máis confianza no futuro que no pasado.

 

Despois disto quizais sexa momento de contar a miña experiencia co día das letras galegas, que semella como ese momento de redescobremento, se non fose porque eu aínda era moi novo, e pasarían aínda uns cantos anos antes de que apreciase o importante dese recordo. Estaba eu en cuarto EXB, supoño que tería nove anos, e de súpeto o noso profesor de Literatura fíxoo, así polas boas colleunos cos pantalóns baixos e comezou a falar en galego, para noutros aquilo era o nunca vista e ouvido, que un home de cultura e admirado por nos se puxese a falar galego connosco no colexio era moito daquela. Para moitos de nosoutros o galego era a asignatura que estudiabamos as fins de semana cando íamos visitar aos nosos avós á aldea, pero durante a semana nada e no colexio nin soñalo. A fin e ao cabo, íamos a un colexio de pago e íamos para señoritos, aínda que a máis de un se lle cruzase unha pedra no camiño e tropezase nela coa cabeza unhas cantas veces. Lembro ben que o mestre, sacou un libro vello de pastas marróns e leu un poema que se chamaba Malpocado. Aínda hoxe lembro esta experiencia como unha impresión moi forte para todos nosoutros. Ese profesor fai hoxe crítica literaria no Correo Galego e anos atrás fixo unha reseña do meu libro Non hai misericordia. Eu non era alumno avantaxado e é posible que nin sequera recorde que me deu clase, pero eu creo que desde aquel día todos sentamos o cu no asento dunha maneira. Foi unha pena cando acabou a clase e comezou outra vez o aburrimento. Malpocados de nós.




Volver ao Día das Letras
| Volver a Vieiros