¿Selección galega de futbol? ¡Claro!



EIBÁRONSE XA as amarras da selección. No nadal, selección, confirmou de feito o presidente Meana. Eche o mesmo, no nadal, o 15 de agosto ou entre os pasos da semana santa; a quen non lle é o mesmo é ó señor Lendoiro, prefire en xuño, polas lesións, xa se sabe. Para nós, canto antes mellor. Queremos selección, pero que sexa galega, con xogadores de equipos galegos, dende Galicia e para Galicia. Porque unha selección non só debe ser un feito circunstancial e festivo cada 25 de xullo ou 17 de maio, Día da Selección de Futbol; debe ser un signo deportivo de identidade, da realidade social dun país. Tampouco debemos confundir o desenvolvemento futbolístico dun país co propio desenvolvemento social, cultural e político, como xa fixo alguén cando o Celta case gaña a copa, o Depor case gaña a liga e o Compos ascendeu a primeira. Se minto que o confirme o Sr. Barreiro dende o seu "Camiño de Volta".

Precisamos dunha selección galega na que os seus xogadores saiban diferenciar o Cabo Silleiro do Monte Louro, a María Pita de Vilar Ponte, que nalgunha ocasión viran a chuvia feita arte, e saiban adiviñar se a franxa azul sobre fondo branco e en diagonal ou en horizontal.

Gustariamos dunha selección galega, galega, como necesidade dunha realidade futbolística e social, enchida de xogadores da canteira, dos Grei Xentalla, dos Fendetestas, dos Celtarras, dos Murallas Norte..., xogadores de aquí, dende aquí e para o mundo. Tivemos xa demasiadas épocas de ir pedir fóra, demasiados choros, excesivas penas. É tempo de que a selección galega sexa unha festa do noso desenvolvemento deportivo, que xurdan liortas para defender a portería, que haxa berros para ser quen de facer centos de goles, e sobre todo que o sangue galego leve a bo porto esta romaría viquinga.

Un adestrador de Curtis, de Viveiro, da Fonsagrada, de Lalín ou de Fene, tanto ten, pero que saiba transmitir identidade propia, que saiba crear un modelo, un estilo, o futbol galego, cheo de peculiaridades, de raíces, con receita autóctona.

Non queremos unha copia de Sacchi, de Capello, do Ajax, nin do "pesex", como lle chaman o equipo de Canal + no país veciño, queremos un 5-3-2 ou un 4-4-2 feito na casa, co encanto das postas de sol en Sta. Tecra, coa frescura da pescada do pincho e coa forza das ondas do mar de Vilán.

Toni Ardá Suarez
é profesor de Futbol na Faculdade de Ciencias da Actividade Física e o Deporte da Universidade da Coruña.
Volver a Mil Primaveras