O ANO 1993 tiven a honra de ser convidado polo Centro Galego de Montréal para participar como conferenciante na Semana das Letras Galegas. Tres anos despois, quero aproveitar este taboleiro virtual para, tomando como referente o lema nacional do Québec ("Je me souvient". En traducción máis que libre, "non o esquezo") transmitirlle ós meus amigos e amigos galegos e quebequenses a pegada que deixou en min ese país e as súas xentes.

Neste Día das Letras Galegas, no que volvemos a facer profesion de fe de que "en galego existimos" mesmo no ciberespacio, optei por aproveita-la miña colaboración para, con toda a carga de subxectividade que isto encerra, dicirlles ós galegos e galegas do Québec e ós quebequenses e quebenquensas que "NON OS ESQUEZO".

NON OS ESQUEZO, por Xosé Fernández Barcia e pola súa familia -Antonio, sempre estarás entre nós-, mugardeses de pro, que converteron a miña estada no Québec en algo que sempre terei moi presente.

NON OS ESQUEZO, polo Centro Galego de Montréal que, ó convidarme, me proporcionou a oportunidade de falar de Galicia e do galego nun país que constitúe un referente obrigatorio para tódalas persoas comprometidas cos procesos de normalización lingüística.

NON OS ESQUEZO, por Flora Couto, veciña de Xubia e compañeira de estudios da miña nai, a quen fun coñecer en Montréal.

NON OS ESQUEZO, por Francisco Soldevilla, profesor na Universidade de Laval, que me axudou a comprende-la realidade quebequense.

NON OS ESQUEZO, por José Villar, crego e funcionario do Ministerio de Educación, que me ilustrou sobre o papel da igrexa católica na preservación da identidade nacional do Québec.

NON OS ESQUEZO, por tódolos galegos "bos e xenerosos" que me fixeron sentir como na miña propia casa.

NON OS ESQUEZO, pola sensación que experimentei cando, paseando polo centro de Montreal, me encontrei coa imprenta Ferrol, propiedade dun veciño desta zona.

NON OS ESQUEZO, polo seu lema nacional, presente ata na matrícula dos coches, símbolo dun país que conserva con orgullo os seus sinais de identidade e reivindica o seu papel no concerto dos pobos do mundo.

NON OS ESQUEZO, porque, estudiando as campañas de en defensa da Lei 101, encontrei unha reportaxe publicada en Le Jornal de Montréal do 13/03/89 na que se podía le-lo seguinte: «un grupo de persoas, orixinarias de Galicia, estaban presentes na marcha a prol da Lei 101 portando a bandeira do seu país. O francés é importante para nós. Manifestámonos por un Québec francés».

Por estas e por moitas outras razóns, NON OS ESQUEZO.

Daniel RomeroVolver a Mil Primaveras