3 de maio dia da liberdade de expresion

Manifesto pola liberdade de expresión
30 de abril de 1999


Santiago de Compostela,

Chegou a hora da responsabilidade. Ás portas dun novo século, douscentos anos despois da saída á rúa do primeiro xornal da nosa terra, os xornalistas galegos cremos chegada a hora de dar un paso adiante e reivindicar o noso papel como intermediarios entre os feitos e a sociedade.

Dende hai demasiado tempo os fluxos da información en Galicia están a ser condicionados pola debilidade económica das empresas, pola desproporcionada importancia dos fondos públicos nas contas de resultados e polos políticos empeñados en mercar a submisión dos medios, pero tamén pola nosa incapacidade para facer valer a nosa independencia, o noso papel como garantes do exercicio do dereito á información. Como colectivo levamos moitos anos deixando facer e desfacer, dando a calada por resposta á crecente precariedade laboral na que se apoian os poderosos para convertirnos nun rebaño dócil. E somos nós os principais culpables da nosa situación porque para que que exista un amo ten que haber un escravo.

É o noso, nembargantes, un momento de prudente esperanza. Esperanza porque por primeira vez os xornalistas galegos estamos a piques de dotarnos dun modelo de autoorganización que nos represente a todos e dende o que proxectar a defensa dos valores da información fronte ós que queiran deturpalos. Prudencia porque se non asumimos a nosa cota de responsabilidade, se permitimos que a nova organización se convirta nun instrumento ó servicio da representación persoal de algúns ou nunha entidade decorativa máis, corremos o risco de frustar as expectativas que nós mesmos tentamos abrir.

É por iso que na celebración da festa da información e en vísperas do Día Internacional da Liberdade de Prensa, os xornalistas galegos queremos afirmar o noso compromiso coa liberdade de expresión e co dereito á información, condicións as dúas sen as cales non é posible falar de democracia no noso país nin de posibilidade algunha de desenvolvemento social en liberdade.

 

Asociación da Prensa de Santiago de Compostela

Asociación de Xornalistas de Vigo

Asociación Profesional de Xornalistas da Coruña

Asociación Provincial de Xornalistas de Pontevedra


Vieiros