Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Santiago: decisión capital

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Santiago: decisión capital
MUNICIPAIS07

Santiago: decisión capital

O alcalde socialista Sánchez Bugallo quere recuperar o tempo e o peso político perdido. A solución? Facerse coa maioría absoluta. Aos demais candidatos tócalles resistir a súa turrada electoral.

Manuel M. Barreiro - 09:57 22/05/2007
Tradicionalmente, Compostela vota conservador nas eleccións autonómicas e progresista nas locais. Nas municipais de 2003, Sánchez Bugallo sumou algo máis de 20.000 votos (o 40% dos votos emitidos) e 11 concelleiros. O Partido Popular, con Dositeo Rodríguez como cartel electoral, malia perder un concelleiro, ficou a 2.000 votos co 36% dos sufraxios.

Tras un tempo de mandato socialista en minoría, o PSdeG renovou o acordo de goberno co BNG que contabilizara 4 concelleiros e o 16% das papeletas.

Nas eleccións do cambio, en xuño de 2005, venceu o Partido Popular que logrou o 45% dos votos, deixando ao PSdeG co 30% dos sufraxios e ao BNG co 21%.

As impotencias do Partido Popular

Nos resultados do 27-M será decisiva a capacidade do Partido Popular para fidelizar aos seus votantes. Máis que o arrastre de Sánchez Bugallo e do BNG, o que desequilibrará o computo dos comicios será a solvencia de Conde Roa para unificar electoralmente ao redor do seu liderado as distintas e disconformes familias do conservadorismo compostelán.

A renovación promovida en Santiago por Núñez Feixoo remexeu as nunca tranquilas augas do PPdeG da capital. Os inqueritos evidencian unha moderada perda de apoios respecto das cotas de 2003 e un descalabro considerábel se atendemos aos 24.000 votos autonómicos.

O 27-M Conde Roa non medirá avances, constatará tan só a lealdade que os electores conservadores lle gardan á marca partidaria. Serán moitos os que irán votar polo PPdeG pero non polo seu candidato.

BNG: recuperar o equilibrio despois de tropezar coa primeira vala

Néstor Rego iniciou cun tropezón a súa carreira electoral para ampliar a presenza nacionalista en Raxoi. A derrota da lista oficial na Asemblea nacionalista compostelá, primeiro, e a desaparición do concelleiro Manuel Portas, tras a súa derrota na segunda volta, trasmitiron unha imaxe de división que deu pé a unha rebaixa das expectativas electorais.

Avalados polo traballo do pasado cuadrienio, os nacionalistas aspiraban a máis. Socialmente destacado o labor realizado polo BNG en materia cultural, na promoción económica e comercial, e nas actividades deportivas, e agora abeirados no labor da Xunta de Galicia, os máis optimistas aspiraban a recuperar os 5 concelleiros que o BNG acadou en 1999 cando sumara o 18% dos votos emitidos.

Unha agrupación local fondamente dividida lastra a campaña de Néstor Rego. As sondaxes circulantes apúntanlle porcentaxes de voto que se sitúan entre o 12 e o 14%, moi afastados do 21% acadado nas pasadas eleccións autonómicas e lonxe do 16,7% de 2003.

A recta final da campaña será decisiva para recuperar o crédito e reequilibrar a relación de forzas co PSdeG. A maioría absoluta dos socialistas pecharía un ciclo político de coalición gobernamentais, iniciado en 1995, e obrigaría ao BNG a impulsar a súa renovación nunhas difíciles condicións.

O PSdeG agardando o seu gran salto adiante

Este mandato non foi o máis vistoso do alcalde Bugallo e, paradoxalmente, é o que parece que lle vai render maiores éxitos electorais. Salvou con ben a tramitación do Plan Xeral, a súa achega máis salientábel, reactivouse a actividade inmobiliaria na cidade e consolidou a Compostela nos circuítos turísticos de baixo custe. Empardece a súa xestión a incapacidade de medrar no número de residentes e as escasas novidades achegadas canto a novas infraestruturas e equipamentos.

Non se resentiu Bugallo da renovación da súa listaxe electoral que o privou de Luís Toxo e dun dos seus homes fortes, Xaquín Fernández Leiceaga, ocupados agora en labores parlamentarias. Tampouco fai mella no seu arrastre electoral a súa vedraña presenza en Raxoi, primeiro como concelleiro todo-terreo de Xerardo Estévez e, a partir de 1998, como alcalde ao fronte de coalicións de goberno PSdeG-BNG.

Bugallo chega con máis folgos que os seus rivais á recta final. Bendicido por unha sondaxe do CIS que lle outorga unha maioría absoluta que, de producirse, lle había de dar un renovado protagonismo no PSOE das cidades galegas.

Os bugallistas quéixanse, coa boca pequena, do pouco apoio que lle brinda o secretario xeral do PSdeG e presidente da Xunta de Galicia Emilio Pérez Touriño ao alcalde compostelán. Bótase en falla o compromiso coa capital do que facía gala don Manuel Fraga e hai malestar xordo polas moitas deferencias que o máximo dirixente socialista ten con Abel Caballero, o seu antigo mentor, e polo alcalde Orozco.

Bugallo participa así nunha dupla competencia electoral: a que o enfronta ao BNG e ao PPdeG e a que mantén, en silencio, no interior do seu partido para evitar ver devaluado o seu papel institucional.

O voto agochado ao Partido Popular e unha relaxación do voto útil, debido a súa suficiencia electoral, poden privar ao PSdeG da tan desexada maioría absoluta. Acode ás urnas tranquilo, sabedor de que lle pode ir moi ben ou ben. Pode tentar o salto máis ambicioso e, se se queda curto, o BNG poñerá a rede. Se lle sonri a fortuna electoral Bugallo iniciará o que, segundo o ruxe ruxe, será o seu último mandato como alcalde e terá maioría absoluta, algo que quizais mude tamén os seus plans de retirada.

Crebrado o cinto conservador ao redor da capital

Ademais, na área de Compostela, o PSdeG mellora o seu posicionamento coa incorporación de dous sólidos candidatos. En Oroso con Manuel Miras Franqueira, procedente do Centro Democrático e Social, e con José Luís García García, o veterano alcalde independente de Brión, Dúas prazas nas que se conta asegurar a alcaldía. Tampouco terán problemas para repetir mandato os candidatos socialistas en Ames e Vedra.

Dáse por seguro que o PPdeG perderá a alcaldía de Teo que, de confirmarse as sondaxes, será para Martiño Noriega do BNG. Así en Ames e Teo que, xunto con Santiago, son os concellos que presentan un maior dinamismo demográfico e socioeconómico, os comicios saldaranse previsibelmente con derrotas do Partido Popular.

E quedará por verificar a magnitude dos avances do BNG e PSdeG en Val do Dubra, Trazo, Boqueixón e O Pino, onde os populares se tiveron cómodas maiorías en 2003 e que agora, malia non contar co paraugas investidor da Deputación e da Xunta de Galicia, seguen a ser feudos seguros para o PPdeG, aínda que en todos eles se agarde o seu enfraquecmento electoral.

Novas relacionadas

Proxectos estrela para a capital

Área de lecer nas Brañas do Sar, metro lixeiro... No ecuador da campaña PSdeG, BNG e PPdeG lanzaron xa as súas iniciativas máis espectaculares para...

Sondaxes: O PP medra en Vigo e afunde en Santiago e Ferrol

En Ourense os populares cederían a maioría absoluta en favor dun posíbel pacto con liderado do BNG.

BNG: "Nación organizada" e "éxitos" de campaña

Anxo Quintana aproveitou o mitin deste martes en Santiago de Compostela para destacar o debate televisivo do día anterior. No mesmo acto o candidato...

A volta

Xosé Sánchez Bugallo contabiliza 12 concelleiros pero non acada a maioría absoluta de xeito que se verá obrigado a reeditar o pacto de goberno cos nacionalistas e procurar así un periodo estabilidade gobernamental que permitirá planificar a renovación e relevos que se presumibelmente terán que iniciar o BNG e o PSdeG.

A volta

O PSdeG logra a maioría absoluta grazas á creba do PPdeG de modo que os apoios do BNG non son necesarios para a formación de goberno. Bugallo estrea a súa primeira maioría absoluta e deberá decidir se a aproveita para sentar as bases do seu relevo en 2011 ou se se apunta a unha nova tirada. BNG e PPdeG deben renovar os seus lideratos nunha condicións electorais adversas.

A volta

O taboleiro de marcas non se move. O PSdeG mantense cos seus dez concelleiros e Conde Roa resiste a turrada electoral de Bugallo, afiánzase así como líder da oposición e prepárase para desgastar á coalición PSdeG-BNG que ten que encarar as labores de goberno e, a un tempo, prepara novos liderados para o final deste mandato.<

5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Bugallo repite como candidato socialista
Bugallo repite como candidato socialista
Néstor Rego, candidato do BNG, nunha reunión co vicepresidente
Néstor Rego, candidato do BNG, nunha reunión co vicepresidente
Conde Roa, coa  responsábel de Política Social e Benestar do PP, Ana Pastor
Conde Roa, coa responsábel de Política Social e Benestar do PP, Ana Pastor