Sete deles xa gobernan os seus concellos desde os tempos da ditadura.
Manuel García Montero é alcalde no concello ourensán de Cenlle desde 1969, está na actualidade integrado no PPdeG e aspira a renovar mandato o próximo mes de maio. Até hai pouco compartía récord con Antón Gómez Rigueira, quen levaba 38 anos ininterrompidos co bastón de mando no municipio lugués de Alfoz e que recentemente decidiu non volver presentarse.
Son exemplo de rexedores que levan á fronte de concellos galegos desde a celebración das primeiras eleccións municipais da democracia, o 19 de abril de 1979. Un total de 21 deles van intentar revalidar o cargo este mes de maio.
Fronte ás menos de tres décadas no poder do conxunto dos rexedores de Lugo, un total de once ourensáns superarán os 30 anos á fronte das súas casas do concello se tras o 27 de maio manteñen o sillón municipal. Pola súa banda, A Coruña e Pontevedra repártense ao cincuenta por cento as dez alcaldías restantes co mesmo protagonista dende 1979 como mínimo, con cinco cada unha.
Mentres na provincia d'A Coruña o quinteto máis antigo ten en común os comicios de 1979, na pontevedresa até tres dos cinco rexedores datan da época preconstitucional, se ben accederon ao poder en 1976, un ano despois da morte de Francisco Franco. Trátase dos alcaldes de Covelo, Xosé Costa; de Salceda de Caselas, Xosé Manuel Fernández Rodríguez; e d'A Cañiza, César Xosé Mera Rodríguez; todos eles do PPdeG.
De feito, os sete rexedores que gobernan dende antes da instauración da democracia e que prevén presentarse o 27-M son do PPdeG e só tres do total dos 21 que levan polo menos dende 1979 non pertencen a este partido. As tres excepcións son Xaime Rey, do PsdeG, en Redondela; Xosé María Rivera Arnoso, do BNG, en Fene; e Xosé Luís García, até o de agora independente en Brión pero que encabezará a lista do PSdeG en 2007.
De igual modo, tamén son tres o número de mulleres que figuran entre os 21 alcaldes máis antigos da comunidade, unha delas dende a época preconstitucional, a do concello ourensano de Ramirás, María Pilar Otilia López García, quen obtivo o bastón de mando en 1975, catro anos antes que as súas compañeiras no PP de San Cibrao (Ourense), Elisa Nogueira; e da tamén localidade ourensana de Sandiás, María Concepción Méndez Gándara.
Xaime Rei (PSOE), de Redondela, non leva desde 1979. Polo medio, houbo un alcalde popular que se chamaba Amado Ricón Virulegio, editor d'Os Eoas de Pondal, antes da aparición da edición de Manuel Ferreiro.
Já que se cita a ediçom d'Os Eoas de Amado Ricón, cumpre dizer que é umha ediçom cheia de erros e muito mal feita. A diferença da de Manolo Ferreiro com ela é gigantesca.
O que pasa é que Amado Ricón a fixo sen estar aínda o orixinal descuberto, simplemente intentando montar moreas de cuartillas cheas de correccións e sen ningún tipo de orde. O que lle saíu foi un churro, pero co material que tiña probablemente non puido facer nada mellor.
O poder corrompe e se tés algún negocio ainda máis, que de seguro é o caso de todos iles. Se debería lexislar para non poder presentarse a máis de duas lexislaturas. Nisto me deixou abraiado Aznar, que estivo oito anos coma presidente do estado e se retirou (menos mal).