Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Urbanismo: Ideas para recompoñer as pezas do territorio desde os concellos

A actualidade converteu en prioridade estratéxica a política urbanística nos concellos.

Redacción - 14:00 21/05/2007
Tags:

Buscamos nos proxectos dos principais grupos políticos algunhas das súas propostas máis significativas neste eido:

PPdeG: Na busca do "concello bonito"
Traballar para que "todos os concellos sexan lugares agradábeis para vivir e convivir" é a idea xeral cara a que prometen traballar os populares, que definen o seu obxectivo de "concello bonito" como aquel que cando menos teña "un parque infantil, unha praza e unha rúa peonil".

Algunhas iniciativas concretas de planificación:
-Realización de xornadas de formación para técnicos, funcionarios públicos, cargos políticos e para a sociedade en xeral, en asuntos relacionados co urbanismo e a ordenación do territorio.
-Compromiso de que todas as informacións de carácter urbanístico solicitadass polos veciños sexan expedidas nun prazo máximo de dez días.
-Proposta de transparencia e publicidade na celebración e cumprimento de convenios urbanísticos, publicándoos nas webs dos concellos.
-Priorización da presenza de técnicos de urbanismo nos cadros de persoal municipais, para garantir a asesoría neste eido en todos os concellos.
-Impulso ao desmantelamento de construcións paralizadas ou abandonadas.

PSdeG: "Por un novo modelo de crecemento sostible"
Os socialistas subliñan que o cambio "histórico" en Galiza debe traducirse nos concellos na procura dun urbanismo "transparente e sostible" que mire pola "calidade de vida" dos cidadáns e o desenvolvemento "equilibrado e harmónico" do país.

Algunhas iniciativas concretas de planificación:
-Crecemento urbano racional, limitándoo en función das demandas demográficas e económicas, reais e potenciais, existentes no municipio.
-Potenciación de cohesión dos barrios, distinción clara de urbano e rural, modelo de cidade compacta freando a dispersión urbanística.
-Limitación das modificacións excepcionais dos Plans Urbanísticos que supoñan recualificacións puntuais de solo non urbanizábel.
-Rehabilitación de barrios degradados e centros históricos deteriorados a través de programas de intervención integral que incorporen dotacións sociais e melloras arquitectónicas.
-Impedir a utilización "espuria" dos convenios urbanísticos, que posibilitan a transacción mercantil das potestades públicas a cambio da facultade de reclasificar ou recualificar os solos, vulnerando a función pública do urbanismo e o seu sometemento ao interese xeral.

BNG: "É necesaria unha planificación urbanística con visión de país"
Os nacionalistas prometen desenvolver políticas de ordenación territorial "sustentábel" que garantan o "equilibrio territorial, o desenvolvemento urbanístico racional e a protección do ambiente e a paisaxe".

Algunhas iniciativas concretas de planificación:
-A promoción da aprobación de planos xerais de ordenación municipal en todos os concellos.
-Favorecemento de instrumentos de planeamento intermunicipal en ámbitos territoriais homoxéneos e vencellados a políticas sectoriais.
-Priorización da obtención de solo dotacional para equipamentos públicos e consecución de espazos libres de uso público.
-Habilitación de solo para vivenda protexida e para usos industriais.
-Plans para rexeneración integral de zonas urbanas e periurbanas singularmente degradas, e de mellora das infraestruturas en parroquias afectadas polo medre da urbanización, evitando a desintegración dos núcleos de poboación tradicionais e ordenando acaidamente os novos núcleos.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: