Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Municipais 07

Transporte: A mobilidade sustentábel

O aumento de poboación nas principais cidades trae consigo o aumento do parque automobilístico, mais as urbes non están preparadas para soportar tanto tráfico.

Redacción - 09:14 23/05/2007

Buscamos nos proxectos dos principais grupos políticos algunhas das súas propostas máis significativas neste eido:

PPdeG: Cara a unha mellor cohesión territorial entre as zonas rurais e as metropolitanas
Os populares apostan por medidas que faciliten a mobilidade entre as zonas urbanas e periurbanas, e, ao igual ca os socialistas, pola construción de aparcamentos no límite das cidades.

Algunhas iniciativas concretas sobre o transporte:
- Potenciar un transporte metropolitano adaptado ás características propias e singulares de cada área metropolitana, que sirva como verdadeiro instrumento de servizo e cohesión territorial.
- Implantar o billete único para que os usuarios de transporte colectivo poidan viaxar nas mesmas condicións dentro da capital e nos concellos da área metropolitana.
- Aumentar a seguridade viaria coa utilización de pintura antiescorregante nos pasos de peóns. - Impulsar os programas de modernización do taxi, incorporando as últimas tecnoloxías de seguridade, respecto ao medio ambiente e aos sistemas de localización.
- Construír aparcamentos no límite dos núcleos urbanos para favorecer o acceso aos centros das cidades sen necesidade de usar o vehículo propio.

PSdeG: Creación dos Consellos Asesores de Mobilidade cidadáns

Os socialistas céntranse en reducir ou rendibilizar uso do automóbil privado nos desprazamentos aos centros de traballo, e apostan por devolverlle o espazo público urbano aos peóns.

Algunhas iniciativas concretas sobre o transporte:
- Impulsar aparcamentos 'case gratuítos' nas cabeceiras periféricas das liñas.
- Defender a 'cidade compacta', evitando a creación de polígonos monofuncionais nas periferias urbanas (centros comerciais, parques tecnolóxicos, empresariais)
- Racionalizar os desprazamentos ao centro de traballo e rematar co uso ineficiente do vehículo privado, tanto dos traballadores como dos provedores, visitantes e clientes.
- Establecer unha clara xerarquía no reparto do uso do espazo público: viandantes, ciclistas, transporte público, distribución de mercancías, e por último, motocicletas e turismos.
- Impulsar a constitución de Consellos Asesores de Mobilidade, con todos os sectores cívicos implicados, dende viandantes até motoristas, taxistas ou empresas de aparcamentos.

BNG: Especial atención a mozos, maiores de 65 e discapacitados

Os nacionalistas fan fincapé naquelas medidas destinadas a favorecer a mobilidade daquelas persoas que por algún motivo téñena reducida. Ademais pulan polo fomento do uso da bicicleta entre os máis novos.

Algunhas iniciativas concretas sobre o transporte:
- Promover a Tarxeta +, con descontos para todas as persoas de máis de 65 anos no transporte público.
- Implantar o programa 065 social, con servizos de transporte adaptado para persoas maiores con dificultades de mobilidade e persoas con discapacidade.
- Crear un servizo de transporte nas cidades por medio do alugueiro de bicicletas, creando carrís e aparcadoiros para este vehículo en puntos de interese xuvenil.
- Reforzar as liñas nocturnas para facilitar o lecer nocturno da mocidade.
- Impulsar medidas e campañas que fomenten a condución sen alcohol.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: