Eu na casa e ti no mar

      Eu na casa, e ti no mar, lonxe, tan lonxe, perdido. Eu con inquedanzas que me afogan, ti coa morriña por compañeria, só no medio doutros que coma ti están sós. Eu coas lembranzas, cos medos, cos dexesos que me envolven, que me afogan. E aínda así, eu na casa e ti no mar, no mar ¿onde?. Nalgures, si, iso é, nalgures, nun barco, no medio de ningures, nun barco, con outros, coma ti, e có mar, o mar por todas partes, ese mar tan agarimoso, as veces, tan inquedante, as veces, tan duro, escuro e cruel ás veces, tan sinistro, como gostas de dicir ti, ás veces, cando bufa o vento e tremen os madeiros, sentes o mar nos osos, nas carnes, e sente-lo frio, contas, e sorrís, ti sorrís, e eu tamen o fago, non sei porque, por ti supoño, levo tantos anos sorrindo por ti, vivindo por ti, que xa non e preciso motivos...agás ti. Eu penso no teu sorriso, e logo fico mirando os teus ollos, que non sorrín, xa fai tempo cos teus ollos non sorrín, se cadra porque non teñen de que, se cadra o mar non é gracioso, se cadra non, e daquela volve o medo, non por min, claro, o medo sempre é por ti, e sempre volve cando ti te vas, o certo e que nunca se vai, sempre está comigo, preto, esperto cando estou esperta, asexando mentres durmo, e agardándote, cando te agardo. Pero ti sorrís, e mofaste de tódolos medos, dos meus, claro, porque ti non tes, alo menos non por ti. ¿Qué me vai pasar, muller? ¡Se teño moito coidado! iso é o que dis, iso e que só te preocupas por min, por min un chisco. E aínda así, eu na casa agardando e ti no mar un chisco preocupado, e xa non quero nadal, nen medo, non quero arbre, nen agardar máis, nin doces, e xa non quero xente na casa a sorrir, coma ti, cando estás, coma min cando te teño, só quero que volvas e deixar de ter medo e de agardar...aínda que non sei, o cabo de todos estes anos, se sabería vivir doutro xeito.


      Mario Caneda
      
mcaneda@cirp.es


Volver ó Cepo de Nadal