|
En Cataluña os dous días máis celebrados son o Nadal
e o día de Sant Esteve, que é o día seguinte e tamén festivo aquí. Sen embargo, a Noite boa é un día moi celebrado polos nenos, xa que é cando se realiza o rito do "caga tió". O "caga tió" (tió é un cepo) consite no seguinte: Desde unha semana antes da Noiteboa recóllese no campo un tronco ou "soca" oco que se valeira, tápase cun saco e sitúase de par do lar ou "foc a terra", para que estea ben quentiño. Os nenos, durante esa semana, vano alimentando copiosamente con grans de trigo, para que o día de Noiteboa cague abundantemente. Cando os nenos non están os pais van retirando a "alimentación" do tió, de xeito que cando os nenos volven alégranse pola fame do tió, que significa que cagará abondosamente por Noiteboa. A noite dese día, cedo, para adaptarse ó horario dos nenos, celébrase o rito infantil do "caga tió". Dánselles ós pícaros uns paus ou varas coas que baten a soca para a obrigaren a cagar. Despois dunha boa malleira, achéganse para ve-los resultados, que adoitan ser lambetadas ou xoguetes. A malleira vai acompañada de diversas cancións. A que eu coñezo, que se canta en Lleida, de onde é a miña familia política, é como segue: Soca, soca de Nadal caga torróns i pixa vi blanc. No cagues arengades que son salades caga torronets que son dolcets. Pero a cousa non remata aquí. A malleira faise en vairas sesións: unha vez que se recolle a primeira "cagada", mandanse os nenos fóra para molla-las varas ou, antigamente, para rezaren unhas avemarías e, mentres, os pais poñen unha nova remesa no interior da soca. Os cativos volven, comezan outra vez a cantar e varear ata conseguiren unha nova quenda de presentes. E deste xeito seguen por tres ou catro veces. Unha vez rematado o ritual, os nenos xogan, cantan e bailan cos xoguetes, zambombas e pitos. Os maiores, unha vez deitados os cativos, van á Misa do Galo, e de volta toman o "ressopó" consistente en "barquillos", cave ou viño doce de porrón ou de bota. Os dous días seguintes fanse dúas grandes comidas: A de Nadal consiste, polo regular, en escudela (ou caldo de carne) e capón; a de Sant Esteve en canalóns. Comida acompañada, por suposto, polos ricos viños do Penendés ou o Priorato, os turróns e doces e o champán ou viño doce. Saúdos a todos, Boas Festas e bon ano 97 Luis Bouza-Brey Sitges, 22-12-96 |