Queridos amigos e amigas de Vieiros: Aprovechando las fiestas, os envío un artículo sobre la tradición navideña gallega, que salió publicado en la revista del Centro Gallego de Buenos Aires en diciembre de 1988. Asimismo, me gustaría enviaros en el futuro no sólo artículos relacionados con nuestra cultura gallega, sino también información sobre el bonito país que eligieron mis abuelos para vivir. Espero poder comunicarme pronto en gallego. Os agradeceré que les hagais llegar mis buenos deseos para Navidad y Año Nuevo a todos los gallegos y a los miembros de Galicia-L.

      Un cariñoso saludo.

      Gabriela Barcala.
      Buenos Aires




Valoración socio-cultural do Nadal na Galicia tradicional

      O Nadal galego tradicional insértase nunha tradición cristiana desenrolada desde o fin da antigüidade e semellante á doutras terras da Europa Occidental. O ciclo comeza coa celebración da Noiteboa para continuar cos Santos Inocentes e o Aninovo, rematando nos Santos Reis, celebracións todas elas divulgadas pola Igrexa a partir do século IV da nosa era. Na celebración atopamos, en primeiro lugar, un tempo relixioso relacionado cun cristianismo plurisecular que asignou estas datas para conmemorar universalmente certos feitos de especial transcendencia moral e temporal. Pero, en íntima e ancestral coincidencia co devandito, podemos atopar no Nadal un tempo agrario, vencellado ó ciclo productivo anual, e un tempo de inversión, momentánea, da estructura social.

      Como ben ten indicado o historiador francés Le Goff, o decorrer estacional do ano sinalouse desde a Idade Media con datas que "oscilan docemente ó ritmo da natureza". Nefeito, o Nadal coincide co período de mínima potencia solar, co intre no que o Sol comenza o seu renacemento cíclico a partir do solsticio de inverno. No mundo rural tradicional estamos nunha época na que, xa feita a sementeira, e en agarda da futura colleita, o labrego concentra o seu esforzo en traballos artesanais dentro da casa ou en labores como a matanza do porco. Por ser festa universal, non específica, polo tanto, dunha comunidade determinada, o Nadal celébrase en familia, ou, como moito, no entorno cercano e comunitario da aldea e a parroquia. Resulta así un tempo propicio para explicitar certos símbolos familiares que amostran a continuidade desa unidade económica, social e cultural que é a casa habitada moitas veces por unha familia troncal, de avós, fillos e netos, todos eles agrupados arredor da tradición representada polo fogar. En tal contexto non é de extrañar que por Nadal se encendera na lareira un tronco, ou tizón, chamado "lume novo", que permanecerá nela todo o ano e que representa o quentor do fogar culturizado en contraposición coa fría natureza exterior.

       A estructura familiar da casa debe avaliarse con fortes poderes morais para evitar escisións. Unha das fórmulas correntes nas sociedades labregas de conseguir este reforzamento é a invocación dos antepasados xa mortos. Eles sentaron as bases do devenir social e a súa mención abonda para xustificar prácticas e costumes, chegando a admitirse a posibilidade de que volten ó mundo dos vivos en caso de transgresión dos principios ideolóxicos que orientan á comunidade campesiña. Por iso existía a crencia de que a Noiteboa viñan as ánimas dos antepasados a xantar e quentarse na lareira. Coa súa presencia afirmaban a continuidade do pasado co presente; eran, en definitiva, garantes de que, no ano que ía comenzar, a casa mantería os principios de supervivencia que a fixeron xurdir.

       Se en toda festa hai afirmacións da estructura social, tamén existen prácticas que pretenden negala. A festa do Entroido é, sen dúbida, na que esta negación está máis nidiamente manifesta; pero non é a única. No Nadal atopamos inversións da orde social en forma de bromas gastadas na Misa do Galo, como a de coser a saia de dúas mulleres, que se atopaban xunguidas polo fío cando se erguían. A mesma Igrexa permitíu dende a Idade Medida, como ben demostra Heers, inversións deste tipo documentadas en Galicia. Así, na festa de Inocente, un rapaz de coro, o Obispillo, secundado polos seus compañeiros, asumía nesta data o papel de bispo, mandando como tal. Un grupo de idade, o da infancia, sempre supeditado á autoridade dos adultos en tempo normal, adquire así temporalmente dereitos que lle están vedados na vida cotiá sen que isto perxudique a boa marcha da sociedade, pois, unha vez concluída a festa, as relacións sociais e de sexo recuperan o nivel xerárquico comunmente admitido.

       Hai outro aspecto da festa de Nadal que nos revela a potenciación da infancia e da xuventude. Grupos de mozas e de mozos percorrían a aldea ou parroquia cantando panxoliñas do Nadal, Xaneiras ou Manueles en Aninovo e todas elas de literatura popular transmitidas oralmente. A cambio do seu cantar, a mocidade solicitaba un donativo xeralmente en especie (chourizos, torradas, roscas, etc.), que despois consumían en foliada propia da idade. Velaquí, unha oportunidade festiva aproveitada por un grupo de idade débil economicamente para conseguir uns bens que en tempo non festivo controlan os adultos. A obriga destes últimos é entregar o donativo, arriscándose, en caso de non facelo, a sofrir o ataque verbal da rapazada, en uso dos dereitos que exerce. Por iso o cantar pode ser de loubanza, en caso de obter o desexado, pero tórnase ferinte, e mesmo insultante, no caso contrario. Rematamos esta valoración antropolóxica cun cantar de Reis que nos revela a reacción ante a segunda das actitudes citadas:
      Cantámosche os Reises,
      canela de cabra,
      fuciño do cocho,
      orella queimada;
      cantámosche os Reises,
      non nos deches nada.

      Xosé Manuel González Reboredo


Volver ó Cepo de Nadal