A Feira do Nadal
Iste é un conto arredor do Nadal, en tempo do Nadal, co espíritu do Nadal, ... pero non é do Nadal.En tempos, as feiras rurais e ainda as da cidade eran outra cousa. Viñan de toda-las aldeas da comarca homes e mulleres, vellos e nenos, mozos e mozas. Nelas adoitaba misturarse a venda dos bens sobrantes ca merca dos bens necesarios. Era o troco da vida, asinado cunha aperta de mans. Pero tamén era moito mais: era o dia de libranza, era a escapada da aldea, era o dia do namoramento, era o dia de come-lo polvo ou o bacallao, era o dia de visitar as tabernas cos veciños, era o dia de atoparse con amigos, era..., era..., ¡era o dia de vivir! No meu pobo facianse os vintecatros. Como non podía ser menos, as duas mais importantes eran a de San Xoan -da que falarei outro dia, si me deixan- e a do Nadal. Dende primeiras horas da mañá, as estradas e camiños eran procesións de xente e de animais. Os fielatos facian a américa, os comercios botaban man de toda a familia para axudar, nas tabernas preparábanse ducias de servicios valeiros, nos toldos fervian os caldeiros e relumbraban as tixolas; hasta os curas repinequeaban para entrar tamén no reparto. Na miña casa aliñábanse o longo de todo o mostrador moreas de paquetes -de cuarterón, de libra e de kilo- de figos pasos, de uvas pasas, de azucre, de pemento para os chourizos, de arroz..., e, se acaso, una parella de caixas de turrón. Laboura de moitos dias antes adicados a envasar para non perder o tempo ese dia. Lémbrome moito dos figos, envoltos en fariña; viñan en sacos prensados coma penedos e desfacíamolos cun martelo; a fariña pegábasenos as mans, que parecian pans o cabo do dia. As feiras de Xunqueira tiñan fama de gando, pero a do Nadal era bo tempo de mercar a ceba; era una grande feira de porcos. Tamén era o dia de facer a merca para a Noiteboa: Azucre, bacallao, viño doce; uvas e figos pasos para o postre, ou seica, quen podía, un anaco de turrón: ¡moitas metades ou cuartos de pastilla vendín eu para toda una familia...! O duro escachábase c-un coitelo e un martelo; non se deixaba de outra maneira: hasta o turrón era outro... Tamén se facía a merca para a matanza: pemento doce e picante, sal, tripa. A tardiña era a hora da mocedade, do cortexo, da brincadeira. A rúa principal era un fervedoiro de xente de paseo e de leria. Una romaría de abaixo enriba e de enriba embaixo deica a noite pecha. As tabernas e bares estaban a reventar e as panxoliñas soaban por todas partes: Os nenos e rapaces ibamos de porta en porta, de bar en bar, de tenda en tenda cantando panxoliñas, que rematábamos con aquela copla que decía: Cantámoslle os reis de ki-ki-ri-kí, si non nos da nada cagámoslle eiquí. E dábannos caramelos, figos e seica algunha cadela. E o remate repartíamos as ganancias e íbamonos a cear mais contentos c-unhas pascuas. E de súpeto daste conta de que algo está a cambiar. Un manto de serenidade exténdese po-lo ambente. Os locais valéiranse, recóllense os postos, apáganse as luces, calan os rapaces. O deambular sin senso de fai pouco múdase en camiñar decidido cara algures. Cae o silencio, un silencio máxico, cautivador. Por unha vez no ano, a rúa perde a noite, porque esta noite ten outro dono. E a noite do agarimo, da familia, do fogar, da lareira. E a Noiteboa. E o Nadal, o fin. Só o Nadal, pero nada menos que O Nadal. E mais, o fin, iste resulta seres un conto do Nadal! Bo Nadal. José Manuel Rodríguez http://www.arrakis.es/~josemila josemila@arrakis.es |